Arroz con lumbrigante no Albergue Restaurante Castro
Saín de Santiago con moita curiosidade por coñecer o Albergue Restaurante Castro, en Palas de Rei. Non é un lugar que frecuente moito e tiña gana de saber como cociñan pola zona. Ao final, a experiencia resultou todo un pracer.
Fernando Torreiro e a súa xente foron moi amables, ensinándonos o restaurante e como traballan entre fogóns. Iso non o fan en todos os sitios e sempre é de agradecer poder ver onde van facer o que vas levar á boca.
Na miña mesa puxeron un fantástico arroz con lumbrigante. Que destacar del? Podería destácalo todo. Confeso que ao principio pensei que o arroz non estaba no seu punto. Gran erro de novato! Conviña deixalo repousar. E efectivamente, a cada bocado o arroz collía máis e máis sabor. O que lle daba o lumbrigante, que se notaba que era ben fresco.
Con dicirvos que comín case todo e iso que é un prato para compartir entre dúas persoas! E quedando, ben. A gusto. Aínda que a min se me puxeran outra lagosta máis grande, tamén a comía (hahaha!).
Se vos decidides a ir ao Albergue Restaurante Castro, recoméndovos probar tamén algo de carne. Eu quedei coas ganas despois de ver os produtos que tiñan expostos no propio comedor! Notábase nas cores e tamaños que son pezas de moita calidade. Na miña próxima visita a Palas non o dubidarei: Para min, unha costaleta á grella, por favor!!
DATOS
Lugar: Albergue Restaurante Castro (Av. Ourense, 24 – Palas de Rei)
Prato: Arroz con lumbrigante
Prezo: 40 € para dúas persoas
Valoración: 8 estrelas
Fotografía: Iván Barreiro