O impacto da IA na escrita: “As novelas malas xa as pode escribir unha máquina”
Dende principios deste 2023 hai un tema recorrente en toda clase de conversas de diferentes eidos: A Intelixencia Artificial. E dentro deste tema que ata hai pouco parecía pura ciencia ficción, moitos profesionais andan preocupados polo impacto sobre os seus propios empregos: Que pasará co xornalismo? Os redactores serán substituídos por máquinas que compoñan textos intelixibles e correctos a nivel técnico? E onde queda a veracidade dos contidos, seguindo esa máxima que nos ensinaban na facultade sobre que “algo pode ser verosímil, pero non veraz”. Por non falar do incremento da polarización e do reforzo do illamento informativo dos individuos, vivindo na súa propia burbulla creada e mantida polas redes sociais.
No caso da escrita, quixemos preguntar a tres representantes do sector acerca de como ven eles e elas o posible impacto da Intelixencia Artificial na produción literaria, tendo en conta fenómenos que xa vimos observando dende hai anos como o vertixinoso aumento de novelas publicadas, coa consecuente voracidade do mercado, que fai que aos quince días unha obra xa sexa vella.
Preguntamos ao respecto a Susana Pedreira, xornalista e comisaria do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña; Javier Peña, escritor e director da Residencia Literaria da Cidade da Cultura de Galicia; e Quique Alvarellos, editor e presidente da Asociación Galega de Editoras.
Aumento das publicacións
Indagamos primeiramente sobre aumento exponencial de novelas publicadas nos últimos anos. Susana Pedreira responde desde unha dobre vertente: como lectora e como comisaria do Premio Torrente Ballester, que este ano chega a súa XXXV Edición: “Como lectora si creo que ás veces se publica demasiado e eu mesma síntome sobrepasada”. Recoñece que ás veces parece que non dá tempo a ler todo o que se publica e que ten a sensación de estarse a perder lecturas boas por falta de tempo. Sen embargo, dende o prisma dos premios literarios -os cales gozan dun gran número de participantes- a xornalista cre que “son unha boa ferramenta para promocionar nova canteira, novos talentos e novas voces. Recordemos casos como o de Manuel Rivas ou Ignacio Martinez de Pisón”. Isto, a pesares de que na pasada edición de 2022 o Premio Torrente Ballester quedara deserto na súa modalidade en castelán, ao igual que o Premio Herralde de Novela 2022 organizado por Anagrama. Susana comenta “non é unha mala nova que un premio quede deserto, de feito o prestixia”.
Sobre a posible explosión da Intelixencia Artificial no mundo da literatura, Pedreira cre que “non vai ter un impacto significativo” porque “combinar ingredientes non é literatura”. “A literatura antes é vivencia e imaxinación por parte do escritor e de momento a IA non poderá sentir”.
Nunha liña semellante fala Quique Alvarellos, responsable da Editorial Alvarellos e actual presidente desde 2020 da Asociación Galega de Editoras, o colectivo que agrupa ao 90% da produción editorial de Galicia. Si recoñece que “as novelas malas xa as pode escribir unha máquina”. Pero ao mesmo tempo “reafírmase a calidade da escrita persoal”. O estilo de cada autor é “froito das súas propias experiencias”, as cales resultan íntimas e inimitables. Pon o exemplo de como, xogando co seu fillo, pedíronlle a Chat GPT que “escribira un verso ao estilo de Lorca”. O resultado foi unha mestura dos temas principais tratados polo xenio granadino, pero sen ningún sentido, conta con humor Alvarellos. Ao editor principalmente preocúpalle o futuro da propiedade intelectual que si cre ameazado pola intrusión da Intelixencia Artificial, xa que moitas veces non menciona a autoría dos textos.
Falta de cultura lectora
Para Alvarellos, o verdadeiro obxectivo é conquistar novos lectores para a literatura en galego. Aínda que existe un “ansia creadora” reflectida en premios nacionais, amosando que “temos unha cultura escrita moi rica”, “o noso mercado é pequeno e en xeral lemos pouco”. A pesares de que desde a pandemia o índice lector subiu, un 40% de persoas non len, sendo Galicia unha das comunidades autónomas onde menos se le. “A lingua está perdendo falantes e hai poucos lectores de libros en galego”.
O escritor Javier Peña incide no tema desa falta de hábito lector, que logo se traslada á escrita. “A xente escribe, pero non le”, o cal ten consecuencias no resultado final. Para o autor de ‘Infelices’ e ‘Agnes’, xornalista de profesión e antigo redactor de discursos políticos, hai que ter unha “bagaxe lectora e vital” para lanzarse á escrita. Esta falta de cultura lectora nótase na construción narrativa, no trato dos personaxes ou nos diálogos. O problema é que se “le de forma superficial e, de feito, as novelas son cada vez máis curtas, fragmentarias e explicativas”.
A “saturación do mercado” provoca que un libro “pase de moda as 15 días” e que cada vez haxa que facer “maior esforzo para manterse”. Recorda ademais que “para que saia un best seller, ten que haber 100.000 fracasos”.
En canto ao impacto da Intelixencia Artificial, cre que traerá unha “autorregulación” do mercado e que é difícil que a tecnoloxía “escriba ‘Los Detectives Salvajes’”, por exemplo, á parte de non ser capaz de captar sutilezas como “a ironía”. Para Javier Peña o maior perigo “é que non sexamos capaces de distinguir entre unha obra humana ou de IA”.
Papel das mulleres na escrita
Neste novo escenario literario, quixemos preguntar sobre o papel das mulleres. Susana Pedreira cre que a situación para as escritoras mellorou xa que “moitas editoras están publicando a máis autoras actuais e ademais estanse recuperando a outras”. Nos xurados dos premios hai cada vez mais representantes femininas e, no caso do Torrente Ballester, existe paridade tanto na Comisión Lectora como no Xurado.
Pola súa banda, Quique Alvarellos afirma que “a escrita ten uns cementos sólidos grazas ás escritoras, o cal se reflicte nos premios. Así mesmo, hai máis lectoras que lectores”. Polo menos, unha noticia positiva neste escenario dixital incerto.