fbpx
CompostelaCulturaNovas

O XXVII Festival Galicreques ofrecerá máis de 50 funcións da man de 26 compañías e artistas

Imaxe da presentación da 27ª edición do Festival Galicreques

O Festival Internacional Galicreques, que se celebrará en Santiago entre o 8 e o 16 de outubro, contará con cinco estreas absolutas, cinco espectáculos inéditos en Europa e unha sección dirixida ao público adulto chamada ‘Cara BÉ’. Ademais, compañías procedentes de Uruguai, Arxentina, Portugal, Perú, Turquía, Brasil ou Italia pasarán por un Galicreques que concederá o seu premio de honra 2022 á formación arxentina Tres Tigres Teatro.

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura, Iberescena ou a Fundación SGAE, celebrará a súa 27ª edición entre o 8 e o 16 de outubro. Neste 2022, o festival medra até acadar as 60 funcións, que se repartirán por diferentes escenarios, centros socioculturais, rúas e prazas de Santiago. Galicreques contará no seu cartel con 26 compañías, procedentes de oito países que lle dan o seu perfil internacional e ás que cómpre sumarlles as formacións galegas e as que veñen do resto de España.

O festival foi presentado onte en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Jorge Rey, director de Galicreques, e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo.

Durante a presentación, Mercedes Rosón amosouse moi satisfeita de que “Santiago se converta un ano máis na capital do teatro de monicreques” e aproveitou para convidar ás familias de Compostela a “acudir a estes espectáculos, a divertirse con eles, a gozar xunto aos seus fillos, coa ilusión, coa maxia e co humor dos monicreques”.

Pola súa parte, Jorge Rey, director de Galicreques, “Recuperamos todo o vigor da programación escolar tras dous anos de restricións, seguimos a afondar na descentralización ao espallar as funcións por barrios, rúas e centros socioculturais e apostamos por un programa específico para o público adulto”.

‘Cara BÉ’ para os adultos

A gran novidade deste ano é a posta en marcha do selo e do programa ‘Cara Bé. Todo ten outra cara’, que servirá para identificar as obras que están destinadas para ao adultos. Deste xeito, Galicreques procurará “minimizar a idea preconcibida” de que o xénero dos monicreques só está destinado á cativada, cando a realidade e a historia deste tipo de teatro interpela dende sempre “todo tipo de espectadores e idades”.

Este programa inclúe citas como o ‘Cabaré Cara BÉ’, que se celebrará o venres 14 ás 22.00 h nun dos espazos emblemáticos de Galicreques: a tradicional Carpa da Alameda. Este recinto, que acollerá funcións e diversas actividades dende este mesmo sábado, será o escenario para o espectáculo de variétes no que intervirán compañías e artistas que actuarán ao longo do festival.

Novidades escénicas

Galicreques ofreceralle ao público compostelán cinco estreas absolutas. Entre elas, destaca o espectáculo ‘Tolo’, coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG) que servirá de clausura ao festival o domingo 16 no Teatro Principal, e ‘Treboada’, a nova proposta que a formación franco-galega Nauta dará a coñecer pola zona vella de Santiago este domingo ás 12.00 h. Tamén se presentará ao público por primeira vez o espectáculo ‘Mil e uma’, dos portuguesas de Caricata, o sábado 15 no Teatro Principal.

O quinteto de estreas complétase co especial sobre Carapuchiña Vermella que as narradoras galegas Olga Abad, Raquel Queizás e Carmen Domech representarán por vez primeira na Carpa da Alameda o mércores 12 ás 12.00 h e ás 18.00 h e coa nova proposta da compañía Mircromina Teatro, ‘Raio de Lubicán’, o sábado 8 ás 19.00 h, tamén na carpa.

Dende Arxentina, Uruguai e Perú chegarán as obras inéditas no continente europeo. Así os uruguaios de Coriolis presentaranlle ao público do Galicreques dúas producións: ‘Trapos’, pensada para a cativada, e ‘Pasos Largos’, destinada ao público adulto. Pola súa banda, a formación peruana Hugo e Inés, con integrantes procedentes tamén de Bosnia, actuarán no festival coa súa obra ‘Miniaturas’. Os arxentinos de Tres Tigres Teatro interpretarán a peza ‘¿Qué hacemos con Ubú?’ e os de Lotitere ofrecerán ‘Culuti’.

Tres Tigres Teatro

Durante a rolda de prensa, desvelouse a quen se lle outorgará neste 2022 o Premio de Honra Galicreques: a compañía arxentina Tres Tigres Teatro. Radicada na cidade de Córdoba, a formación profesional está composta por María Nella Ferrez, Carolina Vaca Narvaja, Jorge Pico Fernández e Delia Perotti. Este cuarteto de artistas fundou no ano 1995 Tres Tigres Teatro, agrupación que procura construír un espazo onde o humano, a emoción e a maxia teatral son fontes inesgotables da creación colectiva. A súa traxectoria e a súa creación escénica abranguen o teatro, o teatro de monicreques, a música e o eido educativo, cun especial interese na visión comunitaria e de servizo da arte.

En Galicreques este ano, Tres Tigres Teatro presentarán a xa citada obra ‘¿Qué hacemos con Ubú?’ Con esta peza, a formación arxentina participará no programa escolar de Galicreques, que neste 2022 incluirá 12 funcións e que se desenvolverán ao longo da semana lectiva que vai do 10 ao 14 de outubro. O cartel de representacións para centros de ensino estenderase máis aló das marxes do festival ao ofrecer tres obras na Fundación SGAE entre o luns 17 e o mércores 19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.