Estes son os proxectos gañadores dos Premios Martín Códax da Música 2022
O Pazo da Cultura de Pontevedra encheuse de público onte para asistir a unha gala na que se entregaron os 9ª Premios Martín Códax da Música.
A gran triunfadora da noite foi Nastasia Zürcher que gañou dous premios, o de Artista do Ano e Blues, funk e soul. Podes consultar ao final desta nova o resto de proxectos gañadores.
A formulación de Carmen Conde na dirección artística da gala xirou ao redor da historia e da relevancia das verbenas no noso país. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, constituíu un elemento fundamental no desenvolvemento da gala cos seus sete músicos. O concepto e guión da gala dos 9º Premios Martín Códax da Música é un traballo man a man de Carmen Conde, condutora da gala, e o seu compañeiro en Tarabela Creativa, Diego Gallego, que conta coa escenografía de Bieito Miranda.
Entre as grandes novidades desta edición dos premios, as dúas novas categorías de Artista do Ano e Artista Emerxente. No caso de Artista do Ano, o certame abriu o proceso á participación do público xeral co obxectivo de incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais. No caso da categoría de Artista Emerxente, é un xurado profesional quen valora e decide o proxecto premiado.
Esta novena gala dos Premios Martín Códax supuxo tamén a despedida da directiva saínte de Músicas ao Vivo e a presentación da nova que se fará cargo da xestión da entidade nos vindeiros anos. Xiana Lastra, presidenta saínte, presentou sobre o escenario ás persoas que toman as rendas do proxecto: Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit.
Fuxan os Ventos recolleu o honorífico
Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música entregáronlle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición. Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións.
Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural”. Se ben Fuxan os Ventos para a súa actividade a finais dos oitenta, volveremos a escoitar a música do grupo no século vinte e un. Especial foi o seu regreso aos escenarios en 2008 coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte. Desde aquela non ficaron inactivos e lanzaron nos últimos anos algúns temas vinculados a autores como Manuel María e María Victoria Moreno. Integran Fuxan os Ventos: Antón Castro, zanfona, mandolina, voz, Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz, Pedro Lucas, gaita, frautas e voz, Xoan L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz, Carmen Vázquez, voz, Tereixa Novo, voz, Maruxa Fociños, voz, Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra, frautas.
RELACIÓN DE PROXECTOS PREMIADOS NOS NOVENOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
CATEGORÍAS MUSICAIS
- Música Tradicional: Airiños da Freba
- Músicas do Mundo e Mestizaxe: Sheila Patricia
- Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño
- Folk: Os d’Abaixo
- Electrónica: Grande Amore
- Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet
- Rock: Familia Caamagno
- Metal: Grima
- Blues, funk e soul: Nastasia Zürcher
- Canción de autora/or: Sofía Espiñeira
- Infantil: Mamá Cabra
- Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
- Pop e Indie: Néboa
- Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío
PREMIOS ORGANISTRUM 2022
- Salas: A Arca da Noe
- Festivais: Festival de Ortigueira
- Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: Descúbreas
- Artista Emerxente: Antía Muíño
- Artista do Ano: Nastasia Zürcher
- Premio Honorífico 2022: Fuxan os Ventos
Os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, está patrocinados polas Bodegas Martín Códax e contan co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.