fbpx
CompostelaCulturaNovas

A policromía sonora do xefe indio Big Chief Monk Boudreaux, o soul contemporáneo de Carlton Jumel Smith e o festivo garaxe-rock de MFC Chicken, no Outono Códax 2022

Big Chief Monk Boudreaux

A procura de excitantes descubertas sonoras, achegar artistas e grupos de contrastada calidade que rara vez ou nunca actuaron en Galicia nin en España e enriquecelo todo cunha programación paralela de actividades en torno a cultura da música e do viño, son algúns dos sinais de identidade que veñen singularizando ao festival Outono Códax dende a súa primeira edición. E xa van unha ducia.

Un ano máis, e baixo o patrocinio de Bodegas Martín Códax, o festival impulsado por Raiña Pro e A Reixa representa fielmente ese espírito, cunha ecléctica combinación de propostas musicais que representan o variado abano e as múltiples vertentes da música negra. Doce concertos nos que terán cabida a elegancia do soul contemporáneo, o desparrame festivo do rock garaxeiro, a xenuína autenticidade das raíces de Nova Orleans, o R&B hipervitaminado, o soul de nova escola e mesmo o intimismo poético vencellado ao pop barroco doutras épocas. 

A de Big Chief Monk Boudreaux é unha das figuras estelares desta edición do Outono Códax. Non en van, é a primeira vez que o xefe indio de Mardi Gras, o «Ancián dos Anciáns», pisa territorio galego. Monk Boudreaux foi nomeado este ano ao premio Grammy na categoría Raíces Rexionais.

Tamén é sobresaínte a presenza de Carlton Jumel Smith, que chega acompañado por The Harrycane Orchestra. O elegante soulman norteamericano, que interpretou ao seu ídolo musical, James Brown, na película de Barry Levinson Liberty Heights, é o autor do aclamado disco 1634 Lexington Avenue. O soul contemporáneo, con influencias do rock dos 60 e 70, tamén estará representado na figura de Jesper Lindell Band.

Da vertente máis frenética do festival encárganse MFC Chicken, un dos grupos cun directo máis excitante da escena do garaxe-rock do Reino Unido. Nesa mesma órbita, pero neste caso influenciada polo espírito das raíces do blues, sitúase tamén a banda de Brooklyn Daddy Long Less, que será a encargada de abrir esta edición do festival.

Carlton Jumel Smith

A participación galega nos concertos do Outono Códax concrétase nas figuras de Nastasia Zürcher, que esta mesma semana ven de ser proclamada Artista do Ano nos Premios Martín Códax da Música, nos que tamén obtivo o premio ao mellor proxecto na categoría de Blues, Funk e Soul polo seu disco But life is beauty full, e por Moura, banda que mestura a neopsicodelia, o rock progresivo e o kraut-rock coa tradición musical galega.

O cartel do Outono Códax 2022 complétase con nomes como o do cantautor Bart Davenport, o representante da cultura festiva de Nova Orleans John “Papa” Gros, o blues de vella escola de JC Smith Band, o excitante trío da rockabilly gaditana La Perra Blanco ou a banda asturiana de rockabilly e blues primitivo Honky Tonk Heels.

A programación do Outono Códax 2021 completarase con dúas presentacións de libros a cargo de Xavier Valiño e Fernando Navarro, un ciclo de proxeccións adicado á música no cinema, unha noite de monólogos a cargo de Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez, sesións de Dj’s, catas de viño con maridaxe e ceas musicais con maridaxe de Martín Códax.

O festival dará comezo o mércores 2 de novembro e prolongarase ata o día 30 dese mesmo mes. Os concertos terán lugar na sala Capitol e no Riquela Club. Os abonos e as entradas estarán a venda a partir do sábado 8 de outubro en A Reixa-Matrioska (Compostela); Bonus Track (Ourense); Rock Box (A Coruña); Elepé e Honky Tonk (Vigo) y Carnaby (Pontevedra), así como a través de ataquilla.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.