Laura Delgado: “Os pratos teñen que enxalzar o traballo do cociñeiro”
A ceramista Laura Delgado afirma que as cousas na súa vida ocorren “sen querer”, un pouco por casualidade. Entrou na Escola de Artes aos 18 anos despois de estar “aburrida do instituto”. A cerámica gustáballe, dábaselle ben e desde entón a súa carreira foi desenvolvéndose de forma “moi natural”. Hoxe fálanos da súa especial relación cos restaurantes, para os que crea pezas que os acompañen.
Cando comezaches coa artesanía?
Aprendín en diferentes escolas. Estiven en Italia estudando, traballei na Fundación Terra Termarum Castrolandín… Ao final a vida acábate levando polo camiño axeitado.
Coa última liña de traballo empecei no 2016, cando abrín o meu obradoiro en Cambre, moi “sen querer”. Púxenme a traballar e comezou a entrar xente, aínda que tiven que traballar moitísimo.
Que técnicas e materiais empregas?
Utilizo o material en función da peza que queira facer. Como fago peza utilitaria, uso gres e porcelana, que son os que teñen unha maior resistencia e son os mellores.
Gústame moito experimentar porque en cerámica hai tantas técnicas e materiais… é o mais divertido!
Como comezou a túa relación coa restauración?
Como sempre, como todo na miña vida, por casualidade. O meu primeiro obxectivo cando abrín este obradoiro foi entrar nas feiras internacionais que fai a Fundación Pública Artesanía de Galicia (Milán, Londres e Estocolmo). Mandei unhas xerras. Logo fixen unha vaixela chamada “Landscape”. Un día chamáronme da Fundación para preguntarme se tiña pratos, dixen que si, e ao final terminaron na Tafona con Lucía Freitas (restaurante compostelán cunha Estrela Michelin). Aí empezou todo. Despois pedíronme outros e agora traballo principalmente para hostalaría.
Que tal é a relación cos cociñeiros e cociñeiras?
Moi boa. Enténdome moi ben con eles porque son proxectos moi persoais e saben moi ben o que queren. Moitos simplemente escollen entre o que hai no obradoiro, pero outros queren pratos moi específicos. Aquí é cando empeza o divertido e máis interesante, encaixar o teu traballo no doutra persoa. Ademais eu creo que o teu prato ten que acompañar a seu traballo. Eles venden a comida. O prato ten que enxalzar.
Un prato pode ser moi escultórico, sinxelo… Pero está cheo de detalles. Cada unha das pezas ten o seu particular, aínda que sexa con molde.
Que supón para ti contar coa marca Artesanía de Galicia?
Xenial. A nivel de imaxe a marca foi medrando e a xente identifica Artesanía de Galicia con calidade. Creo que aporta unicamente cousas boas. Fan un traballo estupendo.
Onde podemos comprar as túas pezas?
No meu obradoiro e nas tendas Pot (Pontevedra) e Merlín e Familia e Boles (Santiago).