fbpx
CompostelaCulturaNovas

Concertos e moito talento galego no Mercado da Estrela do 18 ao 20 de decembro

Presentación do Mercado da Estrela. Foto: Concello de Santiago

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e a directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías, deron conta dunha nova edición do festival do talento galego, que se celebrará en Compostela os días 18, 19 e 20 de decembro.

O Mercado da Estrela está coorganizado polo Concello de Santiago e Correveydile; trátase dun festival urbano de referencia a nivel galego que permite descubrir a creatividade que está a xermolar en Galicia na actualidade fiel ao su lema “Agasalla talento galego”.

A pesar das difíciles circunstancias actuais, o Mercado da Estrela volverá así a convertirse en faro da creatividade e as novas tendencias por noveno ano consecutivo, dando luz ao traballo de máis de medio centenar de persoas creadoras, artesás, artistas, produtoras e emprendedoras de Galicia que achegarán as súas coleccións a Santiago de Compostela co obxectivo de que se convirtan nos agasallos escollidos polos Reis Magos este Nadal.

Os espazos seleccionados para este 2020 son o claustro procesional e a hospedería de San Martiño Pinario, na praza da Inmaculada e o edificio do Antigo Consistorio, ubicado na compostelana Praza de Cervantes. A entrada será gratuíta para os visitantes que se acheguen a estas tres zonas da Feira Creativa e aqueles que visiten as tres localizacións terán premio.

Programación musical 
Complementarán o atractivo programa para esta 9ª edición unha ampla programación musical que se celebrará baixo a premisa de #culturasegura na pista cuberta dos xardíns do Centro Don Bosco, na rúa Belvís: o concerto de The Sey Sisters en colaboración co Outono Códax Festival e a actuación de Familia Caamagno o venres 18, a presentación do filme ONS coa presencia do equipo da película e do seu director, Alfonso Zarauza, Premio Cineuropa 2020 e a música da banda Chicharrón, a actuación de Tanxugueiras e Terbutalina en directo o sábado 19, e os concertos da Orquestra Exploratoria de San Pedro, Verto e Ortiga o domingo 20 de decembro.

As entradas para os concertos están vendidas practicamente na súa totalidade, aínda que é posible todavía adquirir tíckets para os concertos de The Sey Sisters, Familia Caamagno, Tanxugueiras e Ortiga.

O horario da Feira Creativa do Mercado da Estrela será de 16h a 21h o venres 18 no claustro procesional e a hospedería de San Martiño Pinario e no Antigo Consistorio, e de 11h a 21h en horario ininterrompido o sábado 19 e o domingo 20 de decembro.

Nesta 9ª edición do Mercado da Estrela cumpriranse os máis rigorosos protocolos de seguridade, hixiene e prevención, controlaranse de forma estricta os aforos e posibilitarase que as persoas visitantes pernocten na zona de actividades para poder cumprir o toque de queda, aproveitando unha oferta especial que ofrecerá a posibilidade de durmir no antigo mosteiro de San Martiño Pinario a un prezo reducido con motivo do festival.

Na súa novena edición, o Mercado da Estrela conta co impulso da Direccion xeral de comercio e consumo apoiando á marca Artesanía de Galicia, Santiago de Compostela Turismo, Estrella Galicia e Gadis, coa colaboración do Seminario Maior e a Hospedería de San Martiño Pinario, o Centro Don Bosco, FINSA, o Outono Códax Festival, ONS e Extramundi.