fbpx
CompostelaCulturaEntrevistasNovas

Visitamos o Mercado Galego da Creatividade en Compostela

Sandra de Rego, Bea Barril e Isabel Pernas.

O pasado 5 de decembro abría as súas portas en Compostela o Mercado Galego da Creatividade. Situado na rúa da Caldeirería 36, este novo espazo acolle pezas de arte, artesanía, deseño, moda, complementos e moito mais de “colleita da terra”.

Creativas Galegas, un colectivo que agrupa a 126 marcas, é a promotora deste proxecto. Bea Barril, Sandra de Rego e Isabel Pernas, tres creativas do eido cultural galego coa súa propia traxectoria no mercado, son as impulsoras da iniciativa.

Contádeme, onde estamos?

Isabel: Estamos no Mercado Galego da Creatividade que, para resumir un pouco, é o espazo físico de venda dos produtos e servizos das marcas e profesionais do colectivo de Creativas Galegas. Actualmente estamos aquí representadas 23 marcas das 126 que somos. Ao longo de decembro iranse incorporando máis. Ademais, a parte baixa do local vaise utilizar como oficina de traballo para aqueles que ofrecen servizos.

Tamén como espazo de taller?

I.: Tamén. De feito, un dos obxectivos de Creativas Galegas é que se poña en valor o traballo artesanal e se vexa como é o proceso de creación. Entre outras cousas, para que se entenda por que un produto importado ten un prezo e un produto artesanal ten outro.

Como se distribúe o espazo?

Bea: O que buscamos é que todo conxunte en harmonía. A pesar de que as marcas están distribuídas estratexicamente, queremos que non se vexa como unha feira onde cada un ten o seu posto. Si que delimitamos por zonas, facer sinerxias e composicións con distintas pezas… Tratamos de darlle un valor diferenciado a ese produto, porque cada artesán sabe desenvolver moi ben a súa técnica pero ao mellor non o sabe amosar. Aquí buscamos crear ambientes.

Entendo que para moitos artesáns doutro xeito resultaría moi difícil contar cun espazo para a venda, non si?

I: Exactamente. Poder asumir de xeito individual un espazo de venda para moitos é imposible. A través deste espazo colectivo si que chegas a máis público, ten un custo menor e é moito máis fácil. Trátase de que poidamos competir no mercado.

Inaugurastes o Mercado o sábado. Como foron estes primeiros días abertos?

Sandra: Estamos levando moitas felicitacións. Dinnos que isto facía moita falta en Santiago. Que por favor non marchemos! (Sorrí).

E iso que estamos nun momento complicado para case todos. Como afrontades a saída deste proxecto en plena pandemia?

I.: Si que é certo que estamos nun momento complicado pero tamén a xente está máis concienciada en mercar do noso.

S.: Para nós é unha solución xa que non podemos vender en feiras de artesanía e outros eventos que se foron anulando. É unha necesidade. Temos que ter un sitio físico onde vender. Está moi ben a venda online pero os nosos produtos tes que velos, tes que tocalos.