A 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego arrancará o 25 de marzo con 16 películas na Sección Oficial
Dezaseis filmes, que suman dez nacionalidades diferentes, competirán na Sección Oficial a concurso na 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. A MICE, que se celebrará do 25 ao 31 de marzo en Santiago de Compostela, recolle filmes realizados nos últimos dous anos e ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais dos campos da etnografía e da antropoloxía visual. Algunhas destas películas chegan á MICE co aval de ter pasado por festivais do prestixio da Berlinale (caso de Familienleben, de Rosa Hannah Ziegler), Visions du Réel (caso de Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández) ou o Festival de Locarno (caso de Los que desean, de Elena López Riera).
Na selección recóllense temáticas variadas tratadas con técnicas diferentes, como o traballo con material de arquivo (Isabel, la criolla de Marcel Czombos) ou o deseño creativo do son (Curupira, bicho do mato de Felix Blume), dous dos eixos que atravesan o total da programación nesta edición. Gran parte destas películas terán na MICE a súa estrea en España ou en Galicia, como é o caso de Mot de passe: Fajara de Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous, de Là est la maison de Lo Thivolle ou da película Puta Mina desenvolvida polo Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental do MUSAC.
Catro filmes galegos na sección oficial
Asimesmo, a vontade da MICE de recoller o dinamismo da cultura galega vese na relevancia no programa do cinema de Galicia, que no caso concreto da Sección Oficial inclúe catro filmes que optan ao Premio á Mellor Película Galega da Mostra: Entroido en Face de Hóspedes, onde David Castro nos achega á celebración do entroido na Raia para rexistrar os diferentes tempos e preparativos desta festa; Noelia Mª Muíño lévanos en Hora silenciosa ao interior do Convento de San Paio de Antealtares onde as monxas beneditinas fan a súa rutina diaria; as traballadoras da fábrica de tecidos da comarca de Vilasantar son as protagonistas de Tecido resistente de Marina Chiavegatto; e, por último, Stockroom trasládanos a parte de Londres que ninguén ve, un rexistro persoal de Sol Mussa que nos mostra o día a día do traballo nun almacén.
Xurado, premios e primeira peza promocional
O xurado ten nesta 14ª edición cinco membros: Beli Martínez (docente e produtora); Pepe Calvo (antropólogo e director do MuseoEtnográfico de Castela e León); Joan Roura (antropólogo e membro de AGANTRO), Ana Catarina Pereira (investigadora e docente na Universidade da Beira Interior) e José María Folgar (profesor de historia do cine na Universidade de Santiago). Este xurado outorgará entre os filmes a concurso o Premio á Mellor Película Etnográfica, dotado con 900 euros e trofeo; e tamén escollerá a Mellor Película Galega, premio dotado con 700 euros e trofeo. Por outra parte, as persoas asistentes ás proxeccións seleccionarán mediante as súas votacións o Premio do Público recoñecido con diploma e trofeo. Este ano, ademais, a Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural outorgará o premio AGANTRO á profundidade antropolóxica, dotado de diploma e trofeo.
A MICE segue este ano a súa tradición de encargar a artistas galegas pezas promocionais que reflictan as liñas de programación da mostra. Este ano a encargada é a docente e cineasta Xisela Franco, que traballou partindo do arquivo familiar en Super-8 milímetros do enxeñeiro vigués Manoel da Costa, facendo así referencia ao cinema doméstico, un dos fíos condutores desta edición, e que protagonizará a sesión inaugural. Franco colaborou co etnomusicólogo e compositor Carlos Suárez sobre o material fílmico recén recuperado pola asociación La Cinematográfica, responsable do Arquivo Galego de Cinema Doméstico.
Sección Oficial da 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
– Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández (Brasil, 2017) Estrea en Galicia
– Curupira, bicho do mato, de Felix Blume (Brasil – México – Francia, 2018)
Estrea en Galicia
– Entre lobos, de Camus Adrien (Chile – Francia, 2018) Estrea en España
– Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro (Galicia, 2018) Estrea en España
– Familienleben, de Rosa Hannah Ziegler (Alemaña, 2018) Estrea en España
– Hora silenciosa, de Noelia María Muíño González (Galicia, 2018)
– Isabel, la criolla, de Marcel Czombos (Arxentina, 2018) Estrea en España
– Là est la maison, de Lo Thivolle (Francia, 2017) Estrea en Galicia
– Los que desean, de Elena López Riera (Suíza, 2018)
– Marias da Sé, de Filipe Martins (Portugal, 2018) Estrea en España
– Mot de passe: Fajara de Patricia Sánchez Mota e Severine Sajous (España, 2017)
Estrea en Galicia
– Neetu, de Carlos Caro (España – India, 2017) Estrea en Galicia
– Nimble Fingers, de Parsifal Reparato (Italia – Vietnam, 2017) Estrea en Galicia
– Puta mina, do colectivo Puta Mina (Laura Alonso, Raquel Balbuena, Chus Domínguez, Mari Fernández, Áurea González, Belén Sola, Cristina Turrado, Conchi Unanue e Mercedes Ordás) (España, 2018) Estrea en Galicia
– Stockroom, de Sol Mussa (Galicia, 2018)
– Tecido resistente, de Marina Chiavegatto (Galicia, 2018)