Zahara: “O descoñecemento sobre o feminismo e os intereses dalgúns políticos están a foder unha loita de anos”
![](https://revistapincha.gal/wp-content/uploads/2019/03/zahara_santiago.jpg)
Zahara (Úbeda, 1983) visitou os Escenarios Vibra Mahou na Sala Malatesta, dentro da xira de presentación do seu último disco “Astronauta” tras tres anos de silencio e a chegada do seu propio pequeno astronauta.
A cantante e tamén produtora fálanos da súa volta aos escenarios, de todos os novos sentimentos que descubriu tras a súa maternidade e do papel das mulleres na industria musical.
Era a túa primeira vez en Santiago de Compostela?
Non, precisamente grazas a Mahou as últimas veces que toquei en Galicia foi con Cómplices de Mahou ou Vibra Mahou. É xenial, unha sorte porque me encanta. Sempre estou a desexar vir.
Que che parece o formato dos Escenarios Vibra Mahou: pequeno, íntimo, próximo ao público?
É un tipo de formato no que me sinto moi cómoda porque é no que máis toquei. É buscar a complicidade co público.
Que poderemos ver nesta xira?
Estamos a presentar “Astronauta” con toda a banda. Buscamos algo dinámico onde o público pase por todas as emocións posibles, que a xente baile, cante, ría, emociónese, haxa intimidade, explosión, diversión, que a xente viva algo complexo e diferente.
Como está a ser a túa volta aos escenarios tras a maternidade e tres anos sen publicar novo disco?
Xenial. O escenario é un lugar tan incrible e verdadeiro que é pisalo e conectar co de sempre. Dá igual canto tempo pasase. O escenario é o lugar da verdade.
Toda a banda estamos felices e sincronizados.
O público está a responder superben e en todas as cidades están a esgotarse as entradas.
Fálanos de “Astronauta”, o teu último disco. Creo que o nome está inspirado no teu fillo…
Si, cando estaba de tres meses unha das miñas mellores amigas, a actriz Carolina Lapausa, dirixiuse a el como a un pequeno astronauta. Encantoume esa imaxe. Logo convertinme eu na astronauta cando fun mamá xa que nos primeiros meses víame a min mesma como unha astronauta vagando polo espazo, abandonando a vida. Aparte, encántame a Ciencia Ficción.
Ser nai descubriuche novas emocións para integrar no disco?
Influíume o proceso da maternidade, a cara oculta da que non se fala aínda que afortunadamente cada vez exprésase máis. Ese lado escuro inspiroume moito. O cansazo, a inseguridade, a incerteza, a perda da identidade resultáronme inspiradoras. Supoño que dentro duns anos a maternidade influirame doutra maneira, e parto da base de que adoro o meu fillo.
Que é o que máis che inspira á hora de escribir?
A vida. Escribo sobre o que sinto, o que vivo, o que me emociona… O escritor ten que vivir para poder contalo.
Que tal a experiencia traballando co teu propio selo musical, Gozz Records?
O mellor que fixen na miña vida profesional. Decido o que quero facer. Teño un equipo de confianza que eu elixín e que apostan polo proxecto. Non teño que convencer a ninguén porque a xente que está comigo xa está convencida.
Hai unha parte de renuncia económica e a outras cousas, pero todo o que gañas en liberdade compensa.
Con “Santa” (2015) tiven que pedir axuda económica, pero con “Astronauta”, a pesar de ser un proxecto máis grande, foi máis sinxelo porque a maquinaria xa ía andando soa.
Como é a posición das mulleres na industria musical?
Estamos no inicio dun cambio. Aparte de cantantes, empeza a verse mulleres baterías, guitarristas, técnicas, empresarias, mánagers… Estamos a ocupar outros postos que antes estaban colapsados polos homes, aínda que as porcentaxes son ridículas. Segue sendo un mundo monopolizado polos homes.
Tamén empeza a haber máis bandas de mulleres. Falta que nos festivais haxa un equilibrio orgánico.
As reivindicacións son moitas, pero hai algo que che preocupe especialmente? Ultimamente trataches o tema das dificultades da conciliación…
A conciliación paréceme unha broma, estamos a anos luz de que sexa real.
Preocúpame moito tamén que non se saiba o que é o feminismo, que non é o contrario do machismo, senón que significa igualdade. Tamén me produce pánico como a dereita está a tentar darlle outro significado á palabra feminismo. Creo que é moi preocupante porque, se sumamos o descoñecemento sobre o feminismo aos intereses dalgúns políticos, están a foder unha loita de anos.
Preocúpame a violencia machista, as mulleres que morren e os nenos que ven isto.
![](https://i1.wp.com/revistapincha.gal/wp-content/uploads/2019/03/75f7cd6c-add3-40cf-a22c-c2e701963344.jpg)
![](https://i2.wp.com/revistapincha.gal/wp-content/uploads/2019/03/8146e4b6-3053-44d6-8dd7-6061f97d5f96.jpg)
![](https://i1.wp.com/revistapincha.gal/wp-content/uploads/2019/03/4edf1af7-01d1-402b-a637-3c0adf9fa3a2.jpg)