#OConsellodeLenzoGaliciaGastronomía

O márketing máis auténtico non naceu en Instagram

Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

Unha das naves do Mercado de Abastos de Santiago. Foto: Iván Barreiro

As cousas que levan toda a vida entre nós nunca estiveron tan de moda! A recomendación personalizada, a confianza nunha persoa que coñece ben o que vende, a importancia de saber de onde vén un produto ou esa experiencia de compra na que alguén che pregunta que vas preparar hoxe e acaba recomendándoche algo que non tiñas pensado levar. Agora chamámoslle experiencia de cliente, fidelización ou márketing de proximidade. Nos mercados de abastos, simplemente, levan facéndoo desde sempre, pero algo está cambiando.

En tempos de IA, onte temos case todo a un clic de distancia, comezamos a valorar de novo aquelo que non se pode conseguir tan facilmente a través dunha pantalla: o feito a man, o produto de tempada, o artesanal, o local e as historias das persoas que están detrás do que consumimos. E xa non ten que ver só coa nostalxia, senón cos valores que hai detrás.

Os mercados de abastos teñen moito que ofrecer neste contexto pero o seu reto está en conseguir que ese valor chegue tamén ás novas xeracións, porque como sempre dicimos en comunicación e márketing, non abonda con ter un produto extraordinario se quen podería estar interesado nel non sabe que existe, non coñece o mercado ou non o incorpora aos seus hábitos de consumo.

A esencia non se cambia, pero a maneira de contala pode evolucionar. Os vendedores de toda a vida xa dominaban algo fundamental: coñecer o cliente, lembrar os seus gustos, recomendar en función do que necesita e construír unha relación que vai máis alá dunha transacción. Agora tamén poden aproveitar outras ferramentas para facer visible ese coñecemento como amosar o produto nas redes, explicar cando está de tempada, compartir unha receita, presentar a quen está detrás do posto ou contar de onde chega o que venden son formas sinxelas de achegar esa experiencia a persoas que quizais aínda non cruzaron a porta do mercado.

O espazo tamén ten que falar. A sinalización, a iluminación, a organización dos postos, a información sobre os produtos ou a facilidade para atopar horarios e servizos en internet inflúen na percepción que temos dun lugar. Eles sempre utilizaron estratexias do que hoxe chamamos “visualmerchandising”, pero adaptalas os tempos e facilitar esa información tamén en internet pode axudar moito a chegar a máis xente.

Unha visita ordinaria pode converterse nun plan. Unha degustación, un obradoiro, unha colaboración entre postos ou unha actividade arredor do produto local poden achegar novos públicos e crear motivos para volver. Non fan falta grandes eventos nin investimentos imposibles. Ás veces, unha proposta pequena e ben pensada é suficiente para espertar a curiosidade.

A campaña de Nadal que está a piques de comezar é un bo momento para poñelo en práctica. En lugar de competir só por ofrecer o agasallo perfecto, podemos poñer en valor algo que cada vez buscamos máis: regalar algo con historia, feito con coidado e con persoas reais detrás.

Quizais os mercados non necesiten aprender a facer márketing desde cero. O que necesitan é atopar novas maneiras de contar todo iso, sen perder aquilo que os fai únicos. Porque o futuro dos mercados non ten por que estar en parecerse a outros espazos comerciais. Pode estar, precisamente, en reivindicar todo o que os fixo especiais e conseguir que as novas xeracións tamén o descubran e valoren.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.