Yamila Novo, de ‘Pan e Canela’: “Veño dunha familia de emprendedoras”
Por Silvia Castiñeiras

No 2024 púxose mans á masa e deulle vida ao seu mellor doce, ese co que levaba soñando de pequena a fogo lento, ou non tan lento, porque poñer en marcha o teu negocio con 25 anos ten moito mérito, é soñar ao grande e ter a decisión firme de conseguilo. Yamila Novo é a propietaria da panadería e pastelería ‘Pan e Canela’, na Coruña, un bo título para unha obra de teatro, acorde a esas avoas tan creativas que ten, máis tamén un bo título para unha forma de vida. Yamila contounos a súa historia aí onde pasa máis tempo, no seu obradoiro, preparando xa unha das épocas máis especiais para esas persoas que saben facer que a vida sexa máis doce, o Nadal. Xa se nos fai a boca auga...
Como te metiches nun negocio propio?
Desde pequena decidín que quería ser pasteleira, porque era o que quería ser nun principio ata que tiven unha mestra moi boa de panadería e meteume o ‘gusanillo’. Sempre tiven claro que quería ter a miña pastelería, ao final veño dunha familia de emprendedoras, as miñas avoas teñen unha escola de teatro, entón cando na túa casa hai iso xa medras doutra maneira, buscando un pouco o teu lugar propio.
E tan nova?
Si, a verdade que xurdiu así sen pensalo, porque eu quería emprender pero non tiña pensado emprender tan nova. Víao un pouco precipitado, moi nena... Pero non me atopaba a gusto en ningún traballo porque tiña moi claro o meu criterio para facer as cousas e non terminaba de encaixar en ningún sitio. E na casa animáronme, así que apareceu a oportunidade dun local e tireime á piscina.
Case tres anos despois, pensas que foi unha boa decisión?
Si, estou contenta. É algo duro, hai que loitar moito, é algo bastante solitario, pero non volvería atrás. Hai días que pensas en colgar o mandil, pero despois non, para nada.
Pero segues tendo o apoio das avoas, non? Non sei se físico ou moral...
Si, están comigo para o que faga falta! É algo moi necesario que na casa te apoien porque saber que tes xente detrás de ti animando é moi importante. Eu nese sentido son súper afortunada coa familia que teño!
E como che axudan?
Pois mira na Pascua, as avoas tamén son costureiras e fan bonecas de trapo e varias cousas. Así, nesas datas fixéronme unhas galiñas de tea chulísimas para poñer os ovos da Pascua. Tamén para o día da nai fixeron unhas vaquiñas.... Sempre botando un cable.
Unha auténtica cadea familiar de talento...
Ha, ha, ha! Si! Funcionamos en grupo. Somos todas mulleres na casa, menos o meu tío, e imos todas a unha para o que faga falta, unhas para as outras.
Que pasou na túa infancia para ter tan claro o de ser pasteleira?
De pequena cando espertaba polas mañás na fin de semana gustábame ver o programa de Eva Arguiñano que facía sobremesas e encantábame... Ademais (risos) como se me daban mal outras cousas como as matemáticas... Tamén quixen dedicarme ao teatro ou á artesanía como a miña familia, pero enchíame máis o da pastelería. Cociñabamos moito na casa e as avoas a min e á miña irmá sempre nos facían partícipes para facer tartas, galletas... Unha bisavoa miña tamén foi pasteleira e débeme de ir algo no sangue.
Es máis de pan ou de pastel?
Difícil de escoller! Se me falta algunha parte, fáltame algo. O equilibrio perfecto é facer un pouco de todo.
E que é o que máis busca a clientela no teu establecemento?
O que máis o pan, o pan galego, o molete, que lle encanta á xente. E logo tamén a bolería, os rolos de canela véndense moi ben, poñémoslle unha combinación de queixo e cítricos que demanda moito a xente. Tamén as tartas de queixo. Teño clientes desde o primeiro día, despois foi medrando, pero os do principio, os que probaron, seguen vindo.
A POLO TERCEIRO NADAL DOCE
“Este vai ser o noso terceiro Nadal. Son unha persoa á que lle custa moito decidir porque quero facer mil cousas porque se me ocorren moitas ideas, pero somos tres persoas, dúas no obradoiro, non damos para tanto (risas).
O principal que facemos son: mazapáns, seis sabores diferentes de polvoróns e este ano imos con sete ou oito sabores de turróns, o ano pasado foron catro.
Temos variedade e os roscóns recheos gustan moito. Temos tamaños individuais para que a xente poida probar varios recheos ou para unha persoa...
E a ver as avoas con que me saen... que sempre se lles ocorren cousas...”.



