A Deputación da Coruña presenta as Residencias Artísticas Mariñán 2025 e unha guía didáctica sobre os medios en galego lanzada por AMEGA

A área de cultura da Deputación presentou na sede provincial as Residencias Artísticas mariñán 2025; un proxecto que cumple a súa terceira edición e está destinado ao apoio á creación artística. Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril.
No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas. As solicitudes poden presentarse de xeito telemático a través da Plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) ata 14 de febreiro.
“Trátase dun dos proxectos máis fermosos e dificultosos. Non contamos cunha obra final, nin estamos mercando un produto, senón que apostamos polo propio proceso creativo, e ese é precisamente o sentido que queremos darlle” sinalou a deputada. “Queremos contribuir a que creadores e creadoras dispoñan de espazo, tempo e recursos para investigar, experimentar, crear… Para unha administración pública é unha necesidade e unha obriga” engadiu.
Natividade González apuntou tamén que “ademais do propio espazo do Pazo de Mariñán, ogrecemos asesoramento e formación especializada” e referiuse á experiencia das dúas edicións anteriores, “marabillosa, e da que están ahora mesmo brotando algúns proxectos que xurdiron alí e hoxe están triufando no mercado”.
A deputada convidou a “creadores do país” a inscribirse nas Residencias ata o próximo 14 de febreiro e formar parte deste programa “que facemos con tanto cariño e afecto porque é o futuro para os artistas pero tamén para a sociedade galega”.
A comisaria das residencias musicais, Aitana Cuétara, agradeceu á Deputación a “confianza e a aposta polos procesos creativos, que non é algo habitual. Sempre apostamos polos produtos artísticos rematados e non polos procesos en si mesmos, e darlle a oportunidade a creadoras para desenvolver as súas ideas é importantisimo” sinalou. Aitana tamén fixo referencia á “importancia” de que convivan proxectos musicais e de literatura e pensamento, “créanse moitas redes entre eles, os proxectos mutan, e é tremedamente importante e enriquecedor. Así como a parte formativa, con expertos de outras materias que acompañan aos creadores no proceso e que poidan desenvolver o proxecto no ámbito profesional”.
Pola súa parte, o comisario das residencias de literatura e pensamento, Roberto Abuín, reiterou o agradecemento á area de cultura da entidade provincial por “apoiar procesos”. “Nunha época como a actual é especialmente importante para o tecido social. É que, ademais, a música, a arte, o pensamento… contribúen á felicidade humana, polo que é beneficioso tanto para os artistas como para a sociedade”. Roberto tamén destacou as sinerxías que xurden entre todos os participantes “estamos xuntas, desfrutando do momento común de aprender, convivir e crear, e é un gran espazo comunitarista”. Ademais, falou de “algunhas das obras que alí xurdiron e que hoxe están sendo publicadas ou entrando en editorial”, o que demostra a gran contribución que supón para o país.
Guía didáctica sobre a historia dos medios en galego
A Deputación da Coruña tamén presentou onte a guía didáctica “Coñecendo a historia dos medios en galego” que acaba de lanzar a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) en colaboración coa área de lingua do ente provincial. Trátase dun recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua.
A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, e enmarcada dentro do décimoprimeiro aniversario de AMEGA, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego. A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación.
O material será traballado en centros de diferentes localidades, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), permitindo que o alumnado coñeza desde a historia dos primeiros xornais en galego ata a situación actual da prensa, radio, televisión e medios dixitais.
A deputada de lingua, Soledad Agra, sinalou que esta guía “é fundamental para promover o uso do galego especialmente entre a mocidade e en espazos educativos, e tamén nos medios de comunicación, con todo o alcance e impacto que teñen na sociedade”.
Pola súa parte, o presidente de AMEGA, Pablo García Fernández, destacou que esta iniciativa “é un paso máis para fortalecer a presenza do galego nos medios de comunicación e garantir que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.
A guía, que se presenta coincidindo co Día dos Medios en Galego, pon de manifesto a importancia de crear ferramentas que permitan que a sociedade galega, e especialmente a mocidade, teña acceso a unha información veraz e plural na súa propia lingua.
Toda a información sobre a guía didáctica pode consultarse en www.mediosengalego.gal/guiadidactica e en www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/