Dez anos de cociña de proximidade e homenaxe á avoa Teresa

Cando saímos a comer ou cear fóra, buscamos un restaurante, reservamos; pode que botemos unha ollada á decoración ao entrar... Sentamos na mesa, miramos a carta, pedimos, agardamos polo primeiro prato mentres probamos o pan. Tomamos o que nos sirvan, comentamos o que nos gusta e o que non, pagamos e marchamos para casa co bandullo cheo e pensando se volveremos na nosa próxima quedada ou se preferimos optar por un novo lugar. Pero cantas veces nos interesamos pola historia do local? Ás veces tras un nome, un cadro ou incluso un prato descubrimos recordos e homenaxes que é unha bagoa que queden sen contar.
Descoñezo cantas das persoas que visitan La Teresa, na rúa Capitán Troncoso 12, saben quen era ela e por que entre garfos, coitelos, vasos e outro tipo de recipientes típicos dun restaurante atopamos elementos tan curiosos como unha máquina de coser. Sexan moitas ou poucas, a historia merece ser contada. E por iso nesta reportaxe, antes de deternos na oferta gastronómica do local, imos falarvos desta muller e de por que o seu nome acabou nun toldo nunha das zonas icónicas da hostalaría da cidade herculina.
Teresa era a avoa de Diego e Roi Lis, dous irmáns que hai case dez anos, en xullo do 2015, puxeron en marcha un restaurante no baixo do edificio do seus avós: “Dentro das ideas que tiñamos de nome, xurdiu o seu para facerlle unha pequena homenaxe. Ao principio era moi reticente, pero logo gustoulle. Viña moito a comer por aquí”.
O inicio da súa vida non foi fácil. Naceu en Vilamartín de Valdeorras no ano 1922, polo que lle tocou vivir, sendo moi noviña, a Guerra Civil e a fame que veu despois. “Era de moi bo dente, non rexeitaba nada, comía carne, peixe, verduras... Supoño que tamén por ser unha muller de posguerra”, conta seu neto. O seu marido, co que se levaba 10 anos, era da súa mesma vila pero pasou a contenda en Asturias. Xa casados e buscando un futuro mellor acabaron na Coruña, no barrio de Monte Alto, onde tiveron as súas dúas fillas; unha delas nai de Diego e Roi. “Ela tivo unha tenda de costura xusto onde está hoxe en día a oficina de Turismo na praza de María Pita. Por iso hai detalles na decoración do local que eran seus, como a máquina de coser. E seguíao facendo de maior. Se tiñas que subir un baixo dun pantalón, facíao ela con 100 anos!”, recorda un dos irmáns.
Os negocios funcionaron ben e Teresa e a súa familia mudáronse á rúa Capitán Troncoso sendo as dúas fillas aínda pequenas. Alí levantaron o edificio que hoxe en día alberga o restaurante. Mais tarde, o matrimonio marchou a vivir a Oleiros ata que hai 18 anos, o marido morre e a avoa decide volver á Coruña. “Aquí estivo ata que nos deixou en xaneiro do 2024 con 101 anos. Tivo moita sorte porque morreu na casa, pasado xa o Nadal, e rodeada da súa familia. E ata un mes antes, era completamente autónoma. Cociñaba a diario, calcetaba...”, explica Diego.

Cociña en constante evolución
Cando abriu as súas portas no 2015, La Teresa tiña un estilo de cociña moi diferente ao que ten hoxe en día: “Entón estaba moi de moda o street food, hamburguesas, nachos con guacamole, fingers de polo... Sempre tivemos claro que queriamos facer algo distinto na rúa na que estabamos. Aquí hai locais que están moi ben, pero a maioría son de cociña tradicional galega, e nós queriamos diferenciarnos. Naquel momento entramos por aí, pero logo tamén nos cansou. Queriamos evolucionar dentro da nosa cociña”.
O estilo empezou a mudar coa entrada de Andrea Fantini como chef fai seis anos. “Ao principio, coas condicións que tiñamos na cociña, que era moi pequena, non se notou moito, pero coa reforma do local que fixemos fai dous anos produciuse o cambio máis importante na nosa oferta gastronómica. Renovamos o mobiliario, temos máis capacidade de almacenaxe, unha pequena brasa... e moito máis espazo para cociñar o que nos permite elaborar uns pratos que antes no podiamos”, sinala Diego. El é quen leva en solitario as rendas de La Teresa desde que seu irmán, Roi, decidiu seguir outra traxectoria profesional no 2022.
O que si que non variou nesta década que levan abertos é a aposta polos produtos de tempada e proximidade. Traballan con provedores de froitas, verduras e carne da contorna, coa lonxa da Coruña para o peixe... “A nosa cociña é semanal, escollendo produto fresco e acabando toda a materia prima. Aquí nas neveiras gárdase moi pouco”. Por iso a carta varía moito, aínda que algunhas proposta mantéñense estables no tempo porque funcionan moi ben, como é a ‘Ensaladilla de raya escabechada’, o ‘Tataki de atún rojo’ ou a ‘Flor de alcachofa carbonara’. “Como Andrea é italiano a verdade é que lle sae unha salsa deliciosa!”, admite Diego, que tamén é o responsable de sala. “Estamos moi contentos co cambio porque vemos que a clientela sigue respondendo. Temos xente que nos acompaña desde hai moitísimos anos e que pasou polas diferentes etapas. Creo que hoxe en día temos unha cociña moi interesante”, asegura. E engade: “Cando abrimos hai dez anos eu non tiña nin idea de hostalaría. Viña dun sector totalmente distinto. Ás veces estás farto do local, pero ao día seguinte, bótoo de menos. Non sabería dicir por que, pero engancha. Ademais temos a sorte de ter boas críticas, os clientes cando saen pola porta marchan contentos e agradecidos polo ben que comeron, que se sentiron como na casa... E isto faite ver que aínda que a oferta que temos pode ser ás veces arriscada, funciona e paga a pena!”.
Chegado este punto pregúntome se a avoa estaría orgullosa de ata onde chegou este proxecto. O seu neto ten claro que si: “Nos seus últimos días, nos que falamos moito porque ela era consciente e sabía perfectamente o que viña, díxome que estaba moi contenta co restaurante e que seguísemos, que lle fixera moita ilusión que levase o seu nome”. Que así sexa entón! Por moitas décadas mais amosándonos o ben que o fan entre fogóns e servindo de recordo dunha gran muller como foi a querida costureira Teresa.