Hugo Álvarez Domínguez: “O crítico ten que ter educación, honestidade e ecuanimidade”
Por Javier Pereira Gasamáns

Hugo Álvarez Domínguez é unha firma que todo afeccionado coruñés ao canto lírico e á música orquestral coñece. Dende fai tres anos Hugo é o crítico musical de La Voz de Galicia, unha labor que xa viña exercendo en medios dixitais como Mundo Clásico. Do mesmo xeito creou o blog ‘Butaca no Anfiteatro’, unha publicación que durou dez anos e foi un referente para a crítica teatral. Mais Hugo non se contentou con só escribir sobre música e teatro, no ano 2021 produciu xunto a Producciones Rokamboleskas ‘Cada átomo de mi cuerpo es un vibroscopio’, unha obra inspirada pola figura de Helen Keller. Sobre música e teatro falamos nesta entrevista con el.
Como comezou a túa paixón pola ópera, a música clásica e o teatro? Había moitos cativos que compartisen a túa paixón?
Foi polo o meu avó paterno que me puña Lps de zarzuelas dirixidas por Ataúlfo Argenta e óperas de Puccini interpretadas por Renata Scotto. Tamén me levou a ver o ‘Barbero de Sevilla’ con seis anos. E dende aquelas ata o de agora que terei visto oitocentas óperas. Ao teatro cheguei máis tarde grazas a unha función de Blanca Portillo, ‘After Play’ de Brian Friel, que me impactou moito. A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia tamén foi fundamental para apaixonarme polo teatro. O traballo do seu director, Roberto Pascual, creou un festival que fixo que me fascinase. Grazas a Pablo Carballido, director da Coral Infantil El Eco, e que creou unha rede de cativos, entre oito e dez anos, cun interese común polo mundo da música. De feito, moitos dos nenos que comezamos a cantar seguen sendo os meus amigos.
Como é relación coas figuras da lírica? Hai moito divo e diva?
Comecei a relacionarme con figuras do canto lírico de moi pequeno. Ía pedirlles fotos e autógrafos despois das funcións. Para a miña vida foi moi importante a soprano María José Moreno, que a vin debutar facendo ‘Os Contos de Hoffman’ de Offenbach, unha representación que me impactou moito e que puiden coñecer un par de anos despois. A día de hoxe seguimos sendo amigos. Tamén foi importante a soprano Isabel Rey. Ela foi a primeira persoa que me suxeriu facerme crítico musical. Tampouco me podo esquecer do tenor Celso Albelo, co que teño unha relación moi estreita. A Cristina Gallardo Domas, soprano chilena, experta en Puccini, coñecina por internet e acabou sendo unha persoa moi especial para min. María José Montiel, premio nacional de música, que coñecín no 2004 e nos fixemos amigos. Ningún deles son para nada divos. O concepto de divo está caduco, cada vez máis son xente moi accesible.
Cales foron os cantantes que máis te marcaron?
Foi Edita Gruberová a quen puiden ver máis de dez veces. Lembro unha función de Lucrecia Borgia de Donizetti no Liceu onde foi ovacionada durante máis dunha hora. Renata Scotto, unha das favoritas do meu avó, que veu a impartir un curso de canto cos Amigos da Ópera da Coruña. Alí fun a coñecela e puiden explicarlle que o meu avó me poñía os seus discos. Foi un momento moi emocionante. Tamén ter a oportunidade de entrevistar a Roberto Alagna é un recordo imborrable.
Que se precisa para ser crítico?
O mundo da crítica é moi amplo, nel caben moitas cousas. Non me gusta dar leccións, pero para ser crítico hai que ter educación, honestidade e ecuanimidade. Son fundamentais para chegar a ser un crítico respectado. Hai momentos desagradables. Houbo algún actor que me atacou nas redes sociais, atacoume persoalmente, non á crítica que eu lle fixera. Todos os críticos estamos expostos á propia crítica. Todo o mundo ten dereito á replica, estou aberto a que se poñan en contacto comigo, pero con educación.
Por que saltaches á produción teatral con ‘Cada átomo de mi cuerpo es un vibroscopio’?
Quixen explorar outra faceta do teatro. Grazas a iso aprendín a ver o teatro dende un punto de vista menos emocional, máis neutro, coñecín os aspectos máis escuros deste mundo que para min nese momento era todo luz e brillo. A produción axudoume a tomar distancia como crítico e a madurar. Ser máis realista co que sucede no mundo do teatro. Foi unha experiencia esgotadora e tiven que afastarme un pouco do teatro.
Tres óperas para iniciarse neste mundo.
Non sei se para iniciarse, pero hai tres que me gustan moitísimo. ‘Madame Butterfly’ de Puccini. Puccini é o meu compositor preferido porque é o mellor equilibrando a acción dramática e a música. ‘Jenufa’ de Leos Janacek é outra que non é tan coñecida, pero que é espectacular. É por último as ‘Vodas de Fígaro’ de Mozart porque a súa construción é perfecta. Logo como música sinfónica quedo con Strauss, Bach e Mahler.
Como ves o presente e o futuro da Orquestra Sinfónica de Galicia?
Eu medrei coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Vivín a etapa totalmente emocionante deste proxecto novidoso para a escena musical galega. A etapa de Víctor Pablo Pérez, exdirector da orquestra, foi totalmente emocionante. El conseguiu facer dela un referente, tamén logrou que a cidade seguise a orquestra como se fose case un equipo de fútbol. Foi unha época de gloria chea de expectativas que foron desaparecendo. Estaba o Festival Mozart que chegou a ofrecer sete óperas nun mesmo ano. A presenza do coro era maior do que é agora. Había máis actividades transversais.
Eu creo que no momento actual hai que tratar de recuperar a ilusión polo proxecto. Agora que vai a ver un cambio na xerencia, quen colla o testemuño ten o reto de devolver a orquestra a ese momento doce entre 1995 e 2014. A orquestra sempre tivo un nivel artístico indiscutíbel, pero hai que recuperar proxectos, patrocinadores, estabilizar a situación económica. A Sinfónica de Galicia foi tamén un referente pedagóxico. Á Orquesta Joven viña xente de toda España a formarse. Hai que tentar recuperar isto así como unha liña de programación clara e coherente.