#apaparA CoruñaGastronomía

Pizza Reino das 2 Sicilias e Pasta Carbonara sen glute en Sicilia in Bocca

@JuanEAT_o, gozándoo moito en Sicilia in Bocca. Foto: Iván Barreiro

DATOS

Lugar:
Rúa Juana de Vega, 17 – A Coruña

Prato:
Pizza Reino das 2 Silicias sen glute
e pasta Carbonara sen glute

Prezo:
25 e 19,50 €

Valoración

*********

Despois de case 8 anos probando pratos con Pincha, por primeira vez puiden tomar unhas elaboracións de pasta e pizza sen glute. E teño que dicir que estaban boísimas! Foi na miña visita ao restaurante Sicilia in Bocca na Coruña, onde desde hai ano e medio ofrecen aos seus comensais unha carta apta para persoas celíacas. Unha aposta que me parece moi interesante porque a hostalaría debería adaptarse cada vez máis ás necesidades da clientela. Seguro que todos coñecedes a alguén que ten esta doenza e que máis dunha vez tivo problemas á hora de comer fóra de casa.

Enfronteime aos pratos sen glute con medo a que o seu sabor me decepcionara. Obviamente as persoas que non somos celíacas non estamos acostumadas a certas texturas, pero teño que admitir que tanto a pasta como a masa da pizza estaban de cocción no seu punto!

E que dicir do resto dos ingredientes! A pasta Carbonara leva xema de ovo, guanciale (que é unha carne típica italiana preparada a partir de papada ou fazulas de porco) e queixo parmesano. Unha delicia! E a Reino das 2 Sicilias é unha réplica sen glute da proposta coa que gañaron o premio á mellor pizza de Galicia e segunda de España no Salón Gourmets de Madrid 2023. Leva unha base de tomate cherry amarelo, mozzarella, burrata, xamón serrano, crocrante de parmesano, po de café e mel. Aos ollos é moi colorida e diferente. E a mestura de sabores é impresionante. Quizais o xamón sexa o que destaque sobre os demais, pero combinado con ese punto doce da mel e ese sutil toque que lle dá o po de café resulta máis que saboroso! Unha pizza digna merecedora de ambos premios, tamén na súa versión apta para persoas celíacas.

Antonino Bartolotta e Larissa Ferreira

“Temos moita clientela celíaca que está moi contenta por poder probar as nosas pastas e pizzas sen glute”

Por Rebeca Munín

Antonino Bartolotta, encargado de cociña en Sicilia in Bocca Coruña, e Larissa Ferreira, encargada de sala. Foto: Iván Barreiro

As persoas celíacas que viven ou visitan A Coruña teñen a sorte de contar cun local onde probar unhas boísimas pizzas e pastas italianas sen que corra ningún tipo de risco a súa saúde. E iso non é nada doado de atopar! Falamos de Sicilia in Bocca, un restaurante que abriu as súas portas na cidade herculina no ano 2022 e no que pouco a pouco van aumentando as propostas da súa carta sen glute. A última incorporación é a pizza Reino das 2 Sicilias, que foi premiada como a mellor de Galicia e a segunda de España no Salón Gourmets de Madrid do ano 2023. Cóntannolo Antonino Bartolotta, xefe de cociña, e Larissa Ferreira, responsable de sala.

Na vosa carta sen glute xa atopabamos varias pizzas, pero agora tendes unha incorporación moi especial...

Larissa: Si, tivemos a idea de engadir a pizza Reino das 2 Sicilias, coa que gañamos os premios de mellor pizza de Galicia a e segunda de España, á nosa carta sen glute, porque é a pizza que máis vendemos e sempre estamos intentando buscar a maneira de agradar á nosa clientela. Levamos un ano e medio coa carta sen glute. Pouco a pouco imos introducindo máis opcións, para que non haxa moita diferencia coa carta que non é apta para persoas celíacas. Temos moita clientela celíaca que está moi contenta por poder probar estes pratos.

Antonino: Trátase dunha creación do noso pizzeiro, Víctor, que combina produtos de Sicilia e de Galicia. Leva unha base de tomate cherry amarelo, mozzarella, burrata, xamón serrano, crocrante de parmesano, po de café e mel. Cando recibimos os premios, o xurado destacou a explosión de sabores que ten. Para eles era unha combinación excelente.

Que máis opcións podemos atopar na vosa carta sen glute?

Antonino: Dentro da nosa oferta sen glute, funciona moi ben a pasta Carbonara. É un dos pratos que máis vendemos. Entre as pizzas, piden moito a Diavola -con salsa de tomate, mozzarella, spianata calabrese (salami picante), nduja (sobrasada picante)- e a Romana -con salsa de tomate, mozzarella, xamón cocido e cogomelos frescos.

Como garantides que non haxa contaminación cruzada?

Antonino: Porque temos unha cociña para os pratos sen glute completamente separada da outra. En canto chegan os ingredientes que son para a carta libre de glute ao local, pasámolos directamente a esa cociña e alí se quedan. Así evitamos totalmente a contaminación. É algo que agradecen moito as persoas celíacas, porque hai locais nos que lles ofrecen este tipo de pratos, pero non lles dan a garantía de que sexan cen por cen sen glute. Nós temos o selo da Asociación de Persoas Celíacas de Galicia (ACEGA).

Ademais acabamos de cambiar a masa das pizzas sen glute e agora é máis saborosa que a que tiñamos ao principio!

Por que quixestes apostar por este tipo de cociña apta para persoas celíacas?

Antonino: Para dar unha resposta á clientela que nos preguntaba se tiñamos cociña sen glute. O local é grande e podiamos facer unha cociña á parte, así que aproveitamos a oportunidade para sacar a carta apta para elas.

Larissa: Temos moita clientela que vén comer en grupos e neses grupos moitas veces hai dúas ou tres persoas celíacas. E encántalles que teñamos a mesma pizza con e sen glute. Tamén nos pasa con moitas parellas, que unha persoa é celíaca e outra non. Saen de aquí contentísimas por poder comer o mesmo.

Ademais da oferta sen glute, que é o que máis destacades do resto da carta de Sicilia in Bocca?

Larissa: O que máis piden é a pasta Carbonara, o Fettuccine Funghi Porcini... Como novidades destacaría a pizza Omaggio a Maradona, que leva base de crema caponatta, queixo provola, picaña, maionesa de allo artesanal e marmelada de framboesa.

Antonino: Outra novidade que temos é o Rissotto Bronte, con arroz de risotto, lagostino flambeado ao ron, bisque de marisco, pesto de pistacho, tomate cherry e granola de pistacho.

Larissa: Como entrante destaca a Caponata Siciliana, un pisto de verduras frío, moi diferente, típico siciliano, que podes tomar só aquí.

“O xurado que premiou a pizza Reino das 2 Sicilias como a mellor de Galicia e a segunda de España destacou a súa explosión de sabores”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.