Xurxo Souto viaxa por Galicia para conmemorar o trinta aniversario do movemento bravú no filme documental BRAVÚ XXX
O movemento bravú cumpre 30 anos este outono e para celebralo sae á luz BRAVÚ XXX, un filme documental producido e realizado por Nós Televisión co que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto, músico, escritor e referente bravú indiscutible Xurxo Souto.
O audiovisual, dunha hora de duración, poderá verse en primicia o venres 25 de outubro ás 20:00 horas, no Auditorio Muncipal de Chantada, nun evento aberto a todos os públicos e que contará coa presentación e coloquio do propio Xurxo Souto e de Juan Camilo Gómez, máis coñecido como Richi dos Rastreros, unha das bandas emblemáticas do bravú con sede en Chantada. A partir de aí, o documental proxectarase en numerosos puntos da xeografía de todo o país ao longo do mes de novembro, antes de que en decembro se poida ver en aberto na canle de youtube de Nós Televisión, en Movistar Plus+ para todo o Estado español e en R para toda Galicia.
BRAVÚ XXX é un audiovisual feito co apoio institucional do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo, no que Xurxou Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. Esta road trip musical na que participan emblemas da música galega actual, como María Xosé Silvar ou Nuno Pico, non é casual que se estree en Chantada, xa que hai xusto trinta anos foi alí onde Os Rastreros xunto cos Diplomáticos de Monte Alto compartiron cartel, na primeira edición do Castañazo Rock e, a partir de aí, xurdiu a idea de xuntarse todos os grupos de rock en galego que comezaban a agromar polo país.
As bandas son convocadas vía epistolar por Richi dos Rastreros e reúnense o 31 de outubro de 1994 na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada. Alí crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú. Por isto, este filme documental viaxa a través do país e do tempo para finalizar a súa viaxe na aldea de Viana en Chantada onde se produce un reencontro cheo de música, anécdotas, reflexións e afectividade.
Un movemento vivo: latexo bravú
Antes desa apoteose da volta á Viana, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical. Así, o documental comeza coa gravación en directo en Pontevedra dunha versión do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’, a cargo dun grupo de integrantes moi noviñas chamado Rager, incluído no programa Xeración Sónica. A partir de aí, Xurxo Souto viaxa á Coruña para atoparse na Sala Mardi Gras con Paola Beiro das Garotas da Ribeira, conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao.
Xurxo Souto atópase ademais no seu camiño con Nuno Pico, de Grande Amore; e con Xosé Manuel Pereiro, aliás Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana. María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú e dese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios. Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX con Rafa Martínez do Caimán do Río Tea, Benxamin Queiro dos Impresentables de Vimianzo, Antón Díaz dos Papaqueixos e Richi dos Rastreros.