CompostelaCultura

Gloria Pavía e Rafa Morales, Carabela e Cintaadhesiva competirán este sábado polo Premio Narf

Presentación do Premio Narf

A gala final Premio Narf celebrarase este sábado, 19 de outubro, no Auditorio Abanca ás 20.00 horas. A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González; e a comisaria do Premio, Rocio Castro, presentaron o acto no pub compostelán Modus Vivendi, onde ten tocado con frecuencia o propio Fran Pérez. Na rolda de prensa participaron tamén representantes das bandas finalistas: Ana Moas de Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales, e Silvia Penas de CintaAdhesiva; ademais de Manuel Lucas de De Ninghures, que tocará como banda convidada. A entrada será libre até completar capacidade.

González destacou que a gala “un ano máis será un espazo para desfruar, para lembrar a Fran Pérez “Narf”, pero sobre todo para reflexionar sobre o papel da música como forma de expresión identitaria e de conexión entre culturas, para recoñecer a excelencia na música e na creación artística dentro do panorama galego, así como promover a proxección dos artistas”.

A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas gañadoras e o xurado (formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez) decidirá o gañador, que levará 4.000 euros, o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de De Ninghures, unha banda emerxente de folc que fará bailar a todos os presentes.

A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

BANDAS FINALISTAS

CARABELA: Deles o xurado destacou que é “unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada”. Nados en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.

GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES: O xurado salientou desta proposta que chega desde Santiago a “utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora”, na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.

CINTA ADHESIVA: Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa “proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.