A CoruñaGaliciaGastronomía

O congreso de turismo gastronómico ‘Degusta A Coruña, a provincia que sabe’ celebrarase do 28 ao 30 de outubro

A Deputación da Coruña celebrará a primeira edición do congreso ‘Degusta A Coruña, a provincia que sabe’, dentro das accións que está a levar a cabo a institución co obxectivo de identificar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou hai uns días este evento no compostelán restaurante A Tafona, xunto a súa chef Estrela Michelín, Lucía Freitas. Tamén estiveron José Iglesias e Lucía Calvo, de A Despensa D’Lujo; e Pascual Terrón, de A Conserveira, algúns dos participantes no congreso.

Un percorrido de experiencias gastronómicas
Fronte ao habitual, Degusta A Coruña nace como un congreso disruptivo con carácter itinerante que pretende pór en valor unha industria sostible e comprometida co territorio, o producto e as persoas. Faino a través de diferentes xeodestinos da provincia nun percorrido de experiencias gastronómicas polo territorio que abranguen varios puntos da xeografía coruñesa como Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo.

Durante tres xornadas consecutivas, do 28 ao 30 de outubro, o congreso servirá de escaparate para produtos agroalimentarios, empresas de transformación, distribuidoras e establecementos hoteleiros e de restauración, que desenvolven a súa actividade con parámetros de sustentabilidade e calidade. Grandes corporacións como Estrella Galicia, Xanceda ou Gadisa, pero tamén organizacións máis pequenas como Kibus, Adega Entre Os Ríos, Chichalovers, Galmesán ou Os Biosbardos serán algúns dos poñentes participantes.

Reivindicando a calidade, a sustentabilidade e o talento
“Dende a área de turismo da Deputación sabemos que un dos principais valores do noso turismo é a gastronomía, por iso levamos a cabo a nosa campaña ‘A provincia que sabe’ que, dalgún xeito, culmina neste congreso onde poñemos en valor a gastronomía e o talento dun sector comprometido co país, o produto, a calidade e a sustentabilidade”, apuntou o Xosé Regueira. “Estamos moi orgullosos da familia de ‘A provincia que sabe’, e tamén de presentar este congreso que é de moito nivel, coral, diverso e tamén cun equilibrio de xénero, e que servirá para coñecernos mellor, afrontar retos de cara ao futuro e poñer en diálogo aos diferentes sistemas de valor da gastronomía”.

O vicepresidente engadiu que, precisamente, “a nosa pretensión sempre foi poñer en valor o traballo da xente. Temos unha provincia e un país con moito talento, creatividade, calidade, responsabilidade e somos referentes en facer as cousas moi ben, nun territorio como o noso que é excepcional. E todo isto é o que reivindicaremos neste espazo de Degusta A Coruña”.

Varios chefs con Estrela Michelín acudirán ao evento. Entre eles, a compostelá Freitas presentará en Muncyt o seu proxecto ‘Amas da terra’ que reivindica as mulleres produtoras. “Quero darlle as grazas á Deputación da Coruña e, persoalmente, a Regueira” sinalou Lucía Freitas. “Galiza é unha comunidade chea de bos proxectos, talento, gastronomía, e todos debemos traballar en conxunto e interactuar, porque so dunha forma conxunta e desinteresada podemos crecer, e temos un territorio que merece iso”. Freitas salientou a calidade dun congreso, “que é moi diferente a todo: é itinerante, vai levarnos ao rural, o que me parece fundamental, porque temos que darlle luz á nosa cadea de produción e á nosa cultura, para poder manter o noso patrimonio, e temos que facelo xa”. Neste sentido, “este congreso servirá para sacar conclusións, aprender e conectar ás persoas do sector primario co resto”.

5 Estrelas Michelín
Ademais dela, tamén estará Luis Veira, do restaurante Estrela Michelín Árbore da Vieira; e virán como convidados especiais a coñecer de preto a nosa gastronomía varios chefs Estrela Michelín de fóra de Galicia como Miguel Cobo, do restaurante Cobo Estratos (Burgos); Juanjo Losada, do restaurante Pablo (León); e Alvar Hinojal, do restaurante Alquimia (Valladolid).

Como peculiariadades, o congreso contará con dúas visitas guiadas, unha a Confraría de Barallobre, en Fene, e outra as pesqueiras do río Ulla, en Padrón. Ademais, unha das localizacións será o Pazo de Goiáns, en Boiro, onde se realizará unha mesa redonda sobre viño e unha charla explicativa sobre a historia da finca e do inmoble para pór en valor o patrimonio cultural do espazo.

Poñentes de luxo
Outro dos platos fortes das xornadas será a mesa sobre dieta atlántica, moderada polo divulgador Ángel Varela, e que contará coa presenza de Mikel Zeberio, Premio Nacional de Gastronomía, sumiller, chef, docente e impulsor de proxectos como o Basque Culinary Center. Con el, estarán tamén Moncho Méndez, do restaurante Millo da Coruña, recoñecido co Premio ‘Cociñeiro Galego 2022’; e tamén o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes.

Ademais, haberá unha mesa de formación, coa presenza de Beatriz Sotelo, recoñecida chef e docente no CIFP Paseo das Pontes da Coruña; do galego Pablo Márquez, actual director de Gastronomía e un dos principais impulsores do Madrid Culinary Campus (MACC); John Regefalk, docente en Basque Culinary Center; y Eduardo Caridad, da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro.

En canto aos relatorios, destaca tamén a presenza de Eduardo Sanjurjo, xerente de Kibus, que contará o caso de éxito de Inditex co proxecto Galia, unha plataforma de compra sostible quilómetro cero con produtores de proximidade.

Este congreso, dirixido a público especializado, contará con parte das xornadas abertas ao público. O programa pode consultarse na web www.degustacoruna.gal. Os actos abertos ao público requieren inscrición previa, que é de balde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.