A CoruñaCulturaNovas

A IX edición de INTERSECCIÓN reúne na Coruña 27 filmes de 22 países

O Festival Internacional de Cine da Coruña INTERSECCIÓN presentou toda a programación das seccións competitivas da IX edición, que se celebrará do 13 ao 17 de outubro. O festival reafirma a súa vocación internacional cunha selección construída arredor do descubrimento: filmes que chegan á Coruña en estrea mundial, española ou galega.

No acto participaron Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña; Gonzalo E. Veloso, director de INTERSECCIÓN; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Carmen Jiménez Jiménez, directora da Fundación Luis Seoane. Xuntos presentaron as tres seccións competitivas desta edición —Galicia, Internacional e Fulgor—, que trazan unha panorámica do presente audiovisual desde a creación galega, as novas voces do cinema estatal e unha ampla selección de propostas internacionais.

A deputada sinalou que un dos grandes valores de INTERSECCIÓN é “dar espazo a outras maneiras de facer cinema, a propostas que arriscan, que experimentan e que non sempre teñen cabida nos circuítos comerciais, porque o cinema tamén ten que servir para incomodarnos, para facernos preguntas, para descubrir outras realidades e, sobre todo, para ofrecernos outras maneiras de mirar o mundo”. Ademais,  González apuntou que “en Galicia temos talento, temos creadoras e creadores cunha enorme capacidade artística e temos unha produción audiovisual que está demostrando que se poden facer cousas moi interesantes desde aquí, cunha voz propia e sen renunciar á nosa identidade. Que un festival como INTERSECCIÓN sitúe esa creación galega en diálogo co que se está facendo noutras partes do mundo é tamén unha maneira de darlle visibilidade e de abrir novas oportunidades”.

“Desde a Deputación entendemos que o apoio á cultura debe contribuír a garantir a diversidade, a liberdade creativa e o acceso da cidadanía a propostas culturais diferentes. Por iso consideramos tan importante acompañar festivais coma este, que ademais de ofrecer unha programación cinematográfica, crean espazos de encontro, de reflexión e de intercambio entre profesionais e público”, engadiu.

INTERSECCIÓN reforza nesta edición a súa dimensión como punto de encontro para a industria audiovisual. Máis dun centenar de profesionais da produción, a programación, a distribución, a dirección de festivais, a crítica ou a xestión cultural participarán nas diferentes actividades profesionais, coa presenza de entidades e festivais nacionais e internacionais. Máis da metade proceden de fóra de Galicia e o 25% persoas participantes chega do estranxeiro, unhas cifras que amplían a capacidade do festival para conectar creadoras e creadores con profesionais, festivais e estruturas do sector dentro e fóra do país.

Así ao longo de cinco días A Coruña acollerá unha proposta cultural asentada que concentra todas ás áreas da industria audiovisual e que as achegará ao público cunha completa axenda que se desenvolverá en Cantones Cine, Filmoteca, Fundación y Palexco.

Programación

O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea.

En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.

Pola súa banda, Galicia ofrece unha selección de ficción, documental, animación e experimentación con obras como Uttervøid, de Blanca Rego; Moon Safari, de Hugo Amoedo; El Cuerpo de Cristo, de Bea Lema; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague e Avisa cando chegues, de Ángela Andrada. Fulgor reúne 14 filmes de produción española asinados, en boa medida, por artistas e cineastas que están a iniciar a súa traxectoria profesional.

A programación inclúe focos dedicados a Square Eyes e Eva Giolo, así como as exposicións Órbita galega e Fulgor na Fundación Luis Seoane. NEXUS, a área de industria, reforza os seus espazos de encontro entre cineastas, produtoras, distribuidoras, exhibidoras e responsables de programación coa participación de máis dun centenar de profesionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.