CompostelaCultura

Chega o Facom Fest 2026: catro días de proxeccións e outras actividades organizadas polo estudantado

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle ao 23 ao 26 de novembro a quinta edición do Facom Fest, un festival organizado polo estudantado para o estudantado, que busca visibilizar os filmes de persoas que se están formando no audiovisual e servir de punto de unión entre o ámbito formativo e o sector profesional. Máis alá do visionado das pezas a competir, o festival ofrece un programa de proxeccións, charlas, mesas redondas, coloquios, obradoiros e concursos abertos ao público xeral de forma gratuíta. Ademais, esta edición bateu récord co número de pezas recibidas para concursar no festival, cun total de máis de 200 candidaturas.

Programación

As proxeccións terán lugar as tardes do luns ao mércores, comezando ás 16:00h. As categorías son a sección oficial galega, a sección oficial española e a sección de videoclips, que se reincorpora á competición, despois de non estar prensente na edición 2025, para reivindicar o valor destas pezas. Haberá ademais unha sección non competitiva.

A sección oficial galega do Facom Fest comprende nesta edición 8 pezas marcadas pola variedade, con obras de ficción, non ficción e animación. Con pezas das facultades de Comunicación de Santiago e da Coruña, agunhas delas terán no Facom Fest a súa estrea, como é o caso de Orb, mentres que outras xa recibiron recoñecementos previos, como The making of machada sanguínea 4: A lenda do leñador, co primeiro premio da II Residencia Audiovisual Faíscas do OUFF (Ourense Film Festival).

Esta edición conta con 14 pezas dentro da súa sección española, cunha variedade xenérica tamén moi presente. Proxectaranse pezas de múltiples facultades, dende a Universidade Carlos III ata a ESCAC, pasando pola Universidade Politécnica de Valencia  e a Universidade de Navarra.

Nove pezas audiovisuais forman un abano de creatividade, ritmo e pluralidade na sección oficial de videoclips. Mostraranse pezas das facultades de comunicación de Santiago, da Coruña e de Vigo, entre varias outras. que recollen tanto a creación audiovisual emerxente como a escena musical galega con nomes como Aprendiz (Nicolás Hermida) ou Daniela Rey.

Xurado

O xurado profesional estará composto por Moncho Vidal, director da Mostra de Curtas de Noia e figura clave nos circuítos de curtametraxes; Adela Otero, produtora audiovisual e musical lalinense; Miguel Gomar, director de fotografía de Os espazos en branco (2024), Algo novo que contar (2025) ou Poscoito (2024); Lidia Veiga, premiada actriz (Matria, Romería) e podcaster galega (Exército Mekemeke); Javi Ferreiro, guionista, director e produtor; e Lara Caeiro, directora de arte e creativa de artistas como Mondra, Fillas de Cassandra ou De Ninghures.

Ademais, no momento anterior á deliberación deste xurado, o público da gala do Facom Fest 2026 tamén poderá asistir a un coloquio cos cinco membros encargados de escoller aos gañadores.

O festival conta tamén con xurado novo, formado por Alba Gómez García (categoría española), Valentina Unda Herrera (videoclips) e Iris Abril Teijeira (sección galega), todas elas estudantes do grao en Comunicación Audiovisual da USC. O público poderá participar na votación a través dun QR para elixir a súa peza favorita, que recibirá un recoñecemento especial.

Os premios da sección competitiva están valorados en 200 euros para cada categoría, ademais do Premio do Público e das mencións outorgadas polo xurado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.