De baresEntrevistasGaliciaGastronomíaJessica Pintor

Que hai detrás dunha foto dun produto alimentario? Moita brasa!

 Antón Sanjurjo e Sara Prieto forman parte de Muy Brasas xunto con Gabriela Corralini e Miguel García. Foto: Muy Brasas
Antón Sanjurjo e Sara Prieto forman parte de Muy Brasas xunto con Gabriela Corralini e Miguel García. Foto: Muy Brasas

Como sacar o mellor partido dunha imaxe dunha mazá ou dunha costeleta pode converterse case nunha cuestión filosofal. Como transmitir a través dun obxecto inerte, inanimado toda unha idea, un concepto ou o que hai detrás dunha marca, aínda que pareza sinxelo, require foco... E cámara!

E aquí entra Muy Brasas, un estudio de márketing e comunicación, especializado en alimentación, gastronomía e turismo. Os seus creadores son Antón Sanjurjo, Sara Prieto, Gabriela Corralini e Miguel García. Xurdiu dun cu inquieto e dunha choiva de ideas de catro persoas que xa traballaban coa imaxe, co márketing e no mundo da alimentación, da gastronomía e da hostalería.

Xuntaron os seus coñecementos xestionando unha tenda de alimentación, no deseño gráfico, no tratamento da fotografía e xestionando e coordinando proxectos para dedicarse á estratexia de marca, á identidade corporativa e, de paso, fan deseño gráfico, páxinas web, fotografía, vídeo, embalaxes, formación, etc. E aí o tedes! Queda claro?! Ou non moito? É bastante complexo, aínda que no fondo resulte obvio... (Podédesvos rir!)

Durante esta entrevista Antón contounos que estudou deseño gráfico en Lugo, pero non estaba convencido... Fíxose autónomo, tentando centrarse en facer fotografía e vídeo, pero coa súa experiencia sempre tiraba a coordinar proxectos de márketing e a meterse en moita horta para un só...  “Son de Lugo, gústame comer, que poido facer?! Márketing de alimentación”. Ri logo de resumilo nesta frase, aínda que todo é algo máis complicadiño... E xa di que o nome da empresa é un aviso!

“Imos moi de fronte, para que o que veña a nós saiba o que se vai atopar. Somos moi brasas! (Gargalladas). É difícil describilo. Cando me preguntan que fas, respondo con outra pregunta, que necesitas? Se queres facer unha mesa, polo menos tes que ter claro que as patas teñen que ter a mesma altura, sobre todo na execución de proxectos, así definimos unha estratexia de márketing”, explica.

“Podemos atoparnos con tres obxectivos distintos cando temos un cliente novo: estou comezando, quero facer marca ou quero vender máis. Esas son as liñas principais de acción. E hai dous escenarios. Ou é un comezo ou cando os valores están definidos. Aí é máis doado o asunto. Fainos falta iluminación, composición e clic! Falamos de gastronomía e produto alimentario. Necesitamos un ambiente agradable e que o que recrees vaia en consonancia coa marca. Buscar o fondo, iluminas e disparas!”, engade.

Pero a fotografía gastronómica non é só fotos de comida: “Entendemos que é todo o que rodea a experiencia gastronómica: persoal, instalacións, como os usuarios interactúan co entorno, co produto... Como traballas a estética da foto e a estratexia de publicar ditas imaxes é onde está o discurso da marca”.

“Temos moito gañado se o cliente sabe o que quere transmitir. Somos moi brasas (insiste e rimos outro pouco!) e afondamos. A fotografía é parte do márketing, pero sobre todo da comunicación, evidentemente a comunicación é a base para calquera empresa, sexa cal sexa o seu obxectivo, como te expresas, onde te expresas e a quen te dirixes”, asegura. 

Sóanos bastante en Pincha, son as preguntas as que te dirixen ao todo ou á nada!

“Moi a miúdo hai unha serie de evidencias na sabedoría popular que teñen todo o sentido, como os obxectivos a curto prazo, reais, sinxelos... Facer cousas pequenas e ir mellorando pouco a pouco. É moi obvio, pero non reparamos niso!”, subliña Antón.

“A un cliente que non sabe o que quere hai que facerlle preguntas básicas. Que produto queres vender, a quen llo queres vender, queres xerar un impacto... Pon isto en maiúscula (recálcame!), en todo proxecto económico ou persoal necesitamos medir resultados, facer un histórico de datos sobre o que proxectar cambios. Se ti non sabes quen é a túa audiencia ou cliente, non lle vas falar a ninguén. Quen pode ser o cliente dunha pescada en salsa verde? Todo o mundo? Pois non! Haberá que mirar a quen lle guste, as características nutricionais. Se a metes nun menú infantil habería que saber por que. A falta de foco é un problema común para todos, incluídos nós”.

Pois logo, xa vedes está a cousa difícil e Antón fala de facer clic. (Gargalladas a tope!) En Muy Brasas pensan que todo pasa, en maior ou mellor medida, pola formación, por facer consultarías. Por facer as preguntas axeitadas e que as respostas busquen dar voz a esa mazá que quere ser mordida, comida, vendida, asada, mesturada en ensalada!

Por iso a fotografía de produto é algo máis que unha fotografía sen máis. Hai unha experiencia detrás, unha empresa, uns valores, un vendedor, un agricultor... E moita brasa!!

“Como traballas a estética da foto e a estratexia de publicar ditas imaxes é onde está o discurso da marca”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.