CulturaEntre MúsicasJavier Pereira Gasamáns

Carabela: “Non é que podemos aportar á música tradicional, senón que nos pode aportar ela ao noso son”

Por Javier Pereira Gasamáns

 Carabela. Foto: Antonio Rubio.
Carabela. Foto: Antonio Rubio.

A  chegada das carabelas portuguesas á costa galega foi unha das novas do verán, pero en Pincha quedamos máis abraiados pola publicación do novo disco da banda de Noia Carabela. Este novo traballo titulado ‘A Noite’ é a continuación de ‘Nó’, publicado no 2023, e insiste no xa amosado por Carabela: é dicir, unhas melodías vocais impresionantes que nos levan cara a música tradicional, mentres o noso espírito vese transportado pola vangarda das atmosfera electrónicas na que atopamos ritmos que van dende o trip-hop ata a bossanova. ‘A Noite’ foi editado na primavera deste 2024, pero xa estamos en posición de dicir que será un dos discos do ano.

Carabela nace das improvisacións entre dúas amigas, Ana Moas (voz) e Alba Burke (sintetizadores). A estas sesións pronto se engadirá Pablo Agra coa súa guitarra. Mentres moitos de nós puxemos a nosa vida en stand-by durante a pandemia, este trío lanzouse a dar forma á banda Carabela. No 2023 publican o E.P  ‘Nó’ que foi candidato nos premios Martín Códax na categoría de música electrónica. Para levar a súa maxia ao directo, Carabela engadiu a Pablo Pazos ao baixo e con esta formación chega ‘A Noite’. Nós falamos coa vocalista Ana Moas.

Como nace o proxecto de Carabela? Como definides o voso son?

No confinamento, durante a pandemia, dáse o tempo e o espazo para que Pablo, Alba e eu investiguemos máis nas nosas composicións. Nunca compuxeramos nada a este nivel, nin tiveramos un proxecto xuntas, pero en pleno desconfinamento, durante un paseo en lanchiña, no medio da ría, sentamos as bases de Carabela, cales eran os nosos referentes e que queríamos conseguir. A partir deste momento, as pezas que comezamos a compoñer foron collendo un pouco de forma. Logo chegou Pablo Pazos, por ser o noso amigo e porque necesitabamos un baixo para o directo. Para cando lanzamos ‘Nó’, en Carabela xa eramos catro.

Fálase dunha influencia tradicional na vosa música. Onde a podemos identificar?

Hai unha compoñente tradicional, é innegábel, pero a empregamos como un recurso. O tradicional vémolo como parte da música popular, cando vas ás festas e vés os grupos de gaiteiro e pandereteiras, pola miña parte sempre estiven nunha banda de pandereteiras, pero non temos a perspectiva de mesturar a música tradicional con outros estilos, só é un recurso máis. Non cremos que nós podamos aportar algo a música tradicional, senón ao contrario, que nos pode aportar a música tradicional para enriquecer as nosas composicións e chegar a onde queremos chegar.

Sentides algún tipo de presión para empregar o galego, agora que hai tantas bandas electrónicas en galego?

Agora hai unha tendencia onde moitas bandas que están facendo electrónica en galego, cando antes o galego era empregado en estilos máis reivindicativos, por dicilo dalgún xeito. Non sei se había vergoña para empregar a nosa lingua, ou era unha limitación para a música electrónica. Non sei se é tanto a presión como aproveitar a oportunidade e a liberdade de interpretar en galego calquera estilo musical que busque o teu proxecto.

Cales son as principais diferencias entre ‘Nó’ e ‘A Noite’? Por que dous E.P´s e non un longa duración?

‘Nó’ e ‘A Noite’ foron compostos máis ou menos no mesmo momento. ‘Nó’ sae antes e aínda estabamos coñecéndonos como banda, son as nosas primeiras cancións. ‘A Noite’ comparte moitos elementos como o gran do noso son, ese ruído que nos caracteriza, e as liñas melódicas, pero este traballo colle outro peso. A banda comeza a definir cales son os seus recursos preferidos. Tamén hai un cambio técnico, hai un salto que nos profesionaliza máis como banda.

Decidimos facer E.P´s porque Catro Pesos (un dos nosos temas) tivo moito éxito e decidimos compartir máis temas, aínda que non era a nosa intención orixinal. E logo, por necesidade de ter máis temas para o directo, tivemos que editar un segundo E.P. que foi ‘A Noite’. Aínda que temos ganas de sacar un disco.

Canto traballo supuxo levar os vosos temas ao directo?

Levou moito traballo levar os temas ao directo, primeiro porque tiñamos que coñecernos como banda, pero tamén porque houbo que tomar moitas decisións para preparar a instrumentación para que as cancións non perderan a súa sonoridade. Tampouco queriamos renunciar aos elementos que se empregaron nas gravacións, polo que tivemos que programar moitas partes para que estiveran presentes no directo. Do mesmo xeito non queriamos prescindir dos efectos na miña voz e no baixo. Aínda así buscamos que o noso directo estea vivo, así que deixamos algo de marxe para a improvisación e a evolución segundo viamos que funcionaba e que non. Seguimos traballando na estrutura do directo.

Tedes selo discográfico? Gustaríavos editar en formato físico a vosa música?

Non temos selo discográfico, facémolo todo nós, concretamente Pablo Agra leva o peso da produción, da mestura e do máster. Si que temos unha promotora, A Seara, que coida de nós, que nos aportan moito en todo o proceso, e que están moi presentes na evolución de ‘A Noite’. Gustaríanos editar en formato físico, pero por mor dos custos non entra nas nosas prioridades

A banda publicou ‘A Noite’, o seu segundo EP con seis cancións que pretenden debuxar os pensamentos que nos asolan na escuridade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.