‘O noso churrasco de verán’ na Artesa da Moza Crecha
Para este número de Pincha despraceime ata Betanzos e non, non fun comer tortilla. Fun coñecer A Artesa da Moza Crecha, un local no que non só a cociña, o trato e a decoración son importantes. Tamén o é o sentimento que nos provoca. Quero dicir con isto que ás veces acabamos en lugares onde os pratos pintan moi ben, o servizo é moi correcto e, con todo, a comida non te transmite nada. Pero este non é o caso do traballo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez, chefs deste restaurante situado á beira do río Mandeo. Para eles, é un valor engadido conseguir que os comensais vivan unha experiencia gastronómica única.
Pero imos xa ao lío comentando a proposta que desgustei na Artesa da Moza Crecha. É un prato que crearon para este período estival e que se chama ‘O noso churrasco de verán’. Seu porque Lolo e Paula sempre buscan ser moi orixinais na cociña, inspirándose na tradición para dar forma a incribles e únicas creacións culinarias.
Como se fora un típico churrasco, este prato leva costela de porco celta, pataca e ensalada. Iso si, presentados dun xeito diferente, a través dun lingote que fan coa carne a baixa temperatura, acompañada dun cremoso de cachelo á feira, unha emulsión de ‘chimichurri’ feita na casa e un chutney de pementos de Padrón. Unha delicia que forma parte do seu menú degustación.
E como dicía ao principio, este prato, ademais de estar moi bo, ten algo que contar. Transmite un sentimento que é algo que ultimamente empezo a valorar moito máis que a presentación. Neste caso esta novidosa forma de comer un churrasco a min levoume á cociña da miña avoa. A esas comidas que só se poden facer con moito cariño para os netos. Se todos os pratos son coma este... ‘Mimadriña’, non podería parar de comer!
Paula Martínez e Lolo Mosteiro
“A nosa identidade é a cociña de legado. Bebemos moito da historia para inspirarnos”
Por Rebeca Munín
Á beira do río Mandeo, en Betanzos, atopamos A Artesa da Moza Crecha, un restaurante recomendado pola Guía Repsol 2024, que aposta por unha cociña de tempada, con produtos de quilómetro cero das Mariñas Coruñesas nun pratos que, ademais de sabor, desbordan creatividade. A parella formada por Paula Martínez e Lolo Mosteiro non só leva as rendas deste establecemento, senón que tamén dan cursos de formación, xestionan a parte de cátering da empresa e acaban de asumir o mando dos fogóns dun local coruñés. Pero a cousa non queda aí. Nas súas mentes inquedas xa andan roldando futuros novos proxectos, coma un pazo para organizar eventos grandes ou unha casa na aldea na que ofrecer unha experiencia que abrangue o día completo. Co talento e a capacidade de esforzo que teñen, non dubidamos que pronto sairán adiante 😉
Como comezou a vosa historia co mundo da restauración?
Paula: Eu estudiei Deseño Gráfico, dediqueime ao mundo da moda e sempre estiven moi ligada ás artes. Despois, fixen un posgrao de cociña e un máster en pastelería porque é o que me chega realmente, onde me expreso totalmente, onde me sinto máis completa. Para min é unha arte, sen dúbidas. E artesanía, tamén.
Lolo: Eu dediqueime a ser DJ durante moitos anos. E produtor musical. Pero sempre me gustou a cociña, un pouco por miña nai, que foi moi boa cociñeira. Quería axudala desde moi pequeno. Ao meu pai tamén lle gustaba moito a gastronomía, levábame a comer a restaurantes bos... Nun punto da miña vida pasei de centrar a miña creatividade na música, a facelo noutra das miñas paixóns que é a cociña. E sempre con Paula. Cando non está ela, nótoo. Se estamos xuntos, xorden as ideas. Facemos moi bo equipo creativo. E iso é algo moi importante neste restaurante, no que ofrecemos menú degustación e estamos cambiando continuamente de pratos, segundo a temporada. Sempre queremos facer cousas diferentes.
Como definides o voso tipo de cociña?
Paula: A nosa identidade é a cociña de legado, é dicir, bebemos moito da historia, non só da tradición, para inspirarnos. Por iso organizamos unha vez ao mes ceas temáticas dedicadas, por exemplo, ao Parque do Pasatempo, levadas por un guía que vai explicando historias para os diferentes pratos. Temos 25 prazas e sempre enchemos!
Lolo: Sempre nos gusta dicir que vir a comer á Artesa é unha experiencia, tanto pola atención como polos produtos que se poden probar, a maneira de traballar os pratos... Pero as ceas temáticas aínda o son un punto máis.
Como restaurante de quilómetro 0 e pertencente á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, que é para vós o río Mandeo?
Paula: É como o sangue que corre polo pobo.
Lolo: É unha fonte de inspiración. De feito, nós estivemos tres anos noutra localización, máis pequena, aquí tamén en Betanzos, pero estabamos sempre completos, e quixemos vir para aquí, ao lado do río. Dende a porta do restaurante pódense ver as primeiras plantacións de branco lexítimo que se fixeron aquí. Temos en carta todas as referencias de viños de Betanzos que existen. E tamén un vermú feito con uva branca lexítima, un escumoso, zume de mazás de Abegondo... Temos produtos desde Sobrado dos Monxes, que é onde nace o Mandeo, queixos, cogomelos... Ademais de produtos de Paderne, de Coirós... de todo o percorrido do río.
Con ese amor que transmitides pola terra, entendo que non hai outra maneira de cociñar para vós, non?
Paula: A nós moitas veces nos preguntan por que non estamos na Coruña. O que temos alí non ten nada que ver con isto. A Artesa da Moza Crecha non a entendemos noutro lugar.
Lolo: Fíxate que cando viñamos a comer aquí, que era un asador dos anos 90, xa diciamos: “Este local ten que ser noso”. Non tiñamos un ‘duro’, non sabiamos como iamos facelo, había que reformalo... pero ao final conseguímolo.
Paula: E mira se estamos ligados a Betanzos que a nosa filla chámase Flavia por ‘Flavium Brigantium’ (que era o nome que tiña a vila). Ela é a ‘moza crecha’, non polo significado de pelo rizado, senón polo de ‘emponderada’, ‘chulita’... “Aí vai ese todo crecho” dise moito por aquí.
Como dicides, hai pouco que estades xa implicados tamén nun proxecto na Coruña, o de Mamavieja, en que consiste?
Lolo: Abrir outro concepto diferente á Moza Crecha non estaba nos nosos plans, pero veunos buscar a xente de Mamavieja e estaban moi convencidos de que querían que foramos nós. É de agradecer que confíen en nós. É unha coctelería na que podes pedir tamén algo para picar, algo áxil, rápido.
Paula: O seu concepto está moi ligado ao noso. Aínda que eles veñen de Colombia, están traballando con produtos de aquí coma nós, pero cun toque moito máis canalla.
Volvendo á Artesa, abriu en 2016 e en moi pouco tempo enganchastes a moita xente, que incluso visita Betanzos só para coñecervos, non si?
Paula: Si, temos moito público ‘foodie’. O outro día tivemos unha parella de Pontevedra e pregunteille que tal, porque sempre nos gusta falar con clientes, se estaban pasando uns días por aquí... E contestaron que non, que viñeran en tren para comer na Artesa e marchaban en taxi para poder beber!
Lolo: Tivemos xente de Asturias, de Madrid, que lle falaran de nós nun restaurante de Estrela Michelin... Quedamos abraiados! Para nós é unha alegría. Estamos moi agradecidos.