Ti á Coruña e eu a Compostela
Por Cata Mosquera e Uxía Blanco
Tras este número, queda bastante claro que tanto na Coruña como en Compostela temos a gran sorte de ter unhas propostas gastronómicas excelentísimas que apostan pola innovación e a calidade. Incluso cada vez máis grupos hostaleiros e franquías apostan por abrir novos restaurantes en ambas cidades á vez, porque as dúas están abertas a novas experiencias… pero ollo, aínda que teñen moito en común, debemos prestar moita atención á cultura e estilo de vida de cada unha delas para poder adaptar a nosa estratexia de márketing e que a comunicación sexa verdadeiramente efectiva.
70 quilómetros e 2 sentidos de pertenza diferentes
É fácil pensar que cunha distancia tan pequena, sendo da mesma comunidade autónoma, poderiamos utilizar a mesma fórmula para calquera sitio, pero non sempre é así.
Na Coruña cada vez hai máis multiculturalidade, xa que é una cidade bastante cosmopolita que valora moito a gastronomía innovadora e de fusión e que potencia moito o ocio nocturno. A súa gastronomía estase abrindo a todos os gustos e culturas. O estilo de vida é máis dinámico e cada vez podes escoitar máis idiomas diferentes pola rúa.
Isto é algo ao que en Santiago xa levan toda a vida acostumados, unha cidade na que sempre houbo moito turismo e establecementos completamente enfocados a eles. Agora parece que volven a aparecer propostas enfocadas aos propios composteláns, cun produto de calidade e proximidade. En Compostela sempre se apostou por potenciar a tradición, autenticidade e transmitir una gran sensación de hospitalidade.
O sentido de pertenza á cidade e o estilo de vida é distinto en cada unha delas. As dúas cidades están crecendo bastante, promocionan moito o turismo (cada unha á súa maneira) e contan cunha moi boa oferta cultural. A xente consume de forma moi diferente, aínda que non oposta.
Comprender e respectar estas formas de vida para adaptar a comunicación do teu negocio axudarache a conectar de maneira máis xenuína co público de cada sitio. Por exemplo, se queres conectar mellor cos habitantes de Compostela, comunicarse en galego pode ser unha moi boa idea, mentres que o coruñés pode preferir o inglés.
Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra... todas formamos parte dunha mesma comunidade con moito en común, pero non esquezas que a personalidade de cada lugar pode ser determinante para a túa estratexia (porque xa sabemos que aos galegos orgullo non nos falta).