A CoruñaDe baresGastronomíaNovas

Lecer coas nosas mascotas

Por Ruth Ríos

Dous usuarios do hotel felino Surfer Pets na Coruña. Foto: Iván Barreiro
Dous usuarios do hotel felino Surfer Pets na Coruña. Foto: Iván Barreiro

Os gatos e cans xa son parte das nosas familias. Hai quen lles considera como un fillo máis, así que participan das nosas saídas a bares, restaurantes e mesmo hoteis. Eles tamén teñen dereito a vacacións! Por esta razón, en Pincha queremos facer un percorrido por esta tendencia na hostalaría e nos preguntamos pola situación en Coruña de locais ‘pet friendly’. Hai suficientes? Compren con todas as normas para o benestar das nosas mascotas e a boa convivencia entre peludos e humanos?

Para pescudalo, preguntamos primeiro á especialista Mónica Cubeiro, quen baixo a marca Monicán exerce dende fai 15 anos como consultora ‘pet friendly’, aconsellando ao sector de hostalaría e turismo sobre creación de convivencia respectuosa.

Recordemos que só en Galicia hai 720.000 cans rexistrados e mesmo hai xa máis cans que menores de 30 anos. Os cans son as novas crianzas! Por iso Monicán ofrece consultoría para o sector turístico e hostaleiro, propoñendo experiencias que faciliten a convivencia con cans, adaptadas ás necesidades das familias e ás esixencias legais e ambientais. O obxectivo é lograr unha estadía harmoniosa entre amantes dos animais e aqueles que non o son tanto, asegurando que as actividades sexan axeitadas para todos.

Fanta ‘tomando algo’ no coruñés Bordello Parlour. Foto: Muy Brasas
Fanta ‘tomando algo’ no coruñés Bordello Parlour. Foto: Muy Brasas

Sobre a saúde de locais ‘pet friendly’ en Coruña, Mónica di que o sector privado realiza grandes esforzos para ser máis acolledor cos animais, incluíndo aloxamentos e establecementos de hostalería. A experiencia entre usuarios e mascotas é, en xeral, positiva, pero depende do comportamento dos propietarios e da súa consideración co entorno. Mónica destaca ademais a diferenza entre «aceptar mascotas» e «permitir o acceso de animais», subliñando que aceptar implica unha benvida activa, mentres que permitir pode ser visto como unha obriga.

Para aqueles que buscan lugares amigables coas mascotas en Coruña, a especialista sinala, entre outros, Bido (rúa Marcial de Adalid, 2), do recoñecido chef Xoán Crujeiras.

E como ese, contamos na cidade, por sorte, con moitos bares e restaurantes que exemplifican como o sector privado está adaptándose para ofrecer un ambiente máis inclusivo para as mascotas, mellorando a experiencia para os propietarios de animais. Falamos, por exemplo, de Bordello Parlour (en rúa Varela Silvari 2). O seu responsable, Miguel Arbe, tivo claro desde o principio que o seu establecemento ía ser ‘pet friendly’: “Sempre me gustaron os animais e nunca tiven ningún problema con eles. Pórtanse mellor que as persoas!”. O cocteleiro asegura ter moita clientela que acode cos seus cans, aos que recibe con auga nun bebedoiro que ten na porta e cun “premio” en forma de petisco para animais.

Miguel Arbe, de Bordello Parlour: “Sempre me gustaron os animais e nunca tiven ningún problema con eles. Pórtanse mellor que as persoas!”

Gizah, Dubai e Capri coa consultora ‘pet friendly’ Mónica Cubeiro. Foto: María Martul
Gizah, Dubai e Capri coa consultora ‘pet friendly’ Mónica Cubeiro.
Foto: María Martul

Hoteis felinos

Para os que buscan un lugar onde deixar en boas mans aos seus gatos durante as súas vacacións, temos en Coruña o hotel felino Surfer Pets (Rúa Voluntariado,3).

Surfer Pets naceu a finais de 2022  como un pequeno comercio especializado no coidado de mascotas, que ademais ofrece a posibilidade de aloxar aos nosos amigos ‘gatunos’ durante as nosas estancias fóra de Coruña.

Yessihe Velasco, veterinaria e responsable do centro, cóntanos que o segredo do seu éxito reside no trato próximo e atento ao cliente, así como na calidade dos produtos e servizos que ofrecen. Durante a estancia dos animais en ‘Villa Gatitos’, as coidadoras (Yessihe xunto a Sara Dans e Valeria Pérez) asegúranse de que os gatos se sintan coma en casa, proporcionando xogos, mimos, comida de calidade (incluíndo comida húmida) e chuches adaptadas ás preferencias de cada “residente”. Tamén realizan coidados como cepillado e corte de unllas, e utilizan diversos métodos para axudar á adaptación ao novo ambiente.

A clientela é diversa, abarcando idades entre 25 e 65 anos e incluíndo homes, mulleres e familias, principalmente da zona céntrica e do casco antigo da cidade, que coñecen o local polo boca a boca, resolvendo ademais a principal preocupación dos donos e donas cando confían ao seu felino: que estea ben tratado. Para dar tranquilidade aos seus clientes, Yessihe e o seu equipo ofrecen facer un seguimento a través de vídeos, fotos e videochamadas. Así os ”pais” e “nais” están atentos ao día a día do seu gato e gata como se estiveran na súa propia casa. Desta maneira todos teñen a seguridade dunhas vacacións felices.

Carla Monzón e Yaiza Alén rexentan o Ailuro Cat Café en Vigo.
Carla Monzón e Yaiza Alén rexentan o Ailuro Cat Café en Vigo.

Cafés felinos

Continuando a nosa viaxe pola hostalaría ‘pet friendly’ galega, marchamos da Coruña para visitar en Vigo un local moi especial: o Ailuro Cat Café, un proxecto innovador de dúas rapazas emprendedoras (Carla Monzón e Yaiza Alén), que uniron a súa paixón polos gatos e o amor polo café.

Ailuro Cat Café é o primeiro da súa especie en Galicia -este concepto de local naceu en Tai wan alá polo 1998- e tamén funciona como centro de adopción. As súas fundadoras cóntanos que, inspiradas nas súas viaxes a Australia e Lisboa, ofrecen un espazo acolledor onde os visitantes poden interactuar cos felinos e, se o desexan, adoptar un dos gatos alí acollidos. O café colabora con «Gatiños da Rúa», funcionando como intermediarios para a adopción.

Ailuro destaca pola súa atención ao detalle no proceso de adopción, que inclúe entrevistas e visitas para asegurar que cada gato atope a familia adecuada. O ambiente do café está tematizado en torno aos gatos, con cuncas decoradas, libros sobre felinos e un espazo que crea unha atmosfera relaxada e caseira. Desde a súa inauguración en xaneiro de 2024, Ailuro recibiu unha acollida moi positiva entre os vigueses e viguesas, que atopan un lugar onde adoptar ou simplemente tomarse un café ou teletraballar en compañía felina, por algo a palabra “ailuros” significa gato en grego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.