Roi Barros Castro. As dúas vidas entre cores
Por Inés Silvalde
Sentimos a tregua do estrés da autovía ao desviarnos polas pistas que nos levan ao noso destino. Aparcamos. Tras un portal camuflado pola angosta vexetación recíbennos Anita e Roi, o morador da gorida que estou a piques de describir.
Sentamos baixo a sombra dunha grande árbore para tomar café con doce mentres charlamos. O axóuxere das follas fan que pasemos un bo rato. Unha cadeliña entrada en anos discorre entre as nosas cadeiras.
Emprendemos camiño cara a parte superior da casa. Atópome cun espazo luminoso, forrado con madeira e dúas fiestras xenerosas a través das cales se revela unha paisaxe de indomables gamas de verdes. O lugar aporta case tanta calidez e tranquilidade coma a emanada polo protagonista desta gorida.
Comezamos falando de todo un pouco. Nesta ocasión, Roi pasa a ocupar un lugar diferente: de ser a persoa detrás da cámara a ser o entrevistado.
Interésome pola semente que o levou a pintar. Coma noutras ocasións, o ímpeto infantil por expresarse a través do lapis e o papel, fixo que tomase o camiño das artes consolidando de xeito profesional esta tendencia a través de estudos artísticos.
Medrou en Roi a necesidade de expandir e diversificar os formatos e soportes das súas creacións, dirixindo a súa creatividade ao contexto do graffiti. Do escenario das rúas precisa retirarse para manifestarse no formato do lenzo. Do privado ao urbano, da adrenalina á calma. Dous mundos que se conxugan para confluír nun estilo moi auténtico co que identificamos a súa pintura.
Centrando a mirada nas obras expostas no seu espazo de creación, observo unha evolución na iconografía representada. As primeiras pinturas trasládannos a un mundo naif nos que a vexetación e os animais son os protagonistas. O proceso pictórico evoluciona representando, de forma individual, uns personaxes que nos recordan ao mundo artístico primitivo. Rostros simples e acentuados expresados a través de pinceladas minuciosas pero moi xestuais nas que os volumes e a comunicación entre a figura-fondo fan que nos insiramos en pezas con gran colorido de formas entrelazadas. Ao carón das representacións sobre lenzo, medraron esculturas en materiais coma xeso ou formigón escrupulosamente pulidas e policromadas.
Continúo o percorrido pola cronoloxía do seu traballo. Nas últimas obras a linguaxe dá un paso cara adiante expresando situacións baseadas en temas que preocupan ou inspiran a Roi. Esa iconografía aparece contextualizada en escenarios privados, como pode ser o seu estudio ou espazos públicos recoñecibles. Ademais do estético, o traballo de Roi acada certos matices de protesta social.
Baixamos ao soto da casa onde atopamos o taller de produción escultórica. Xogamos cunhas esculturas que fan unha orxía artística.
A pesar de que era algo que xa imaxinaba ao tratar con Roi, o seu espazo de traballo, así como a súa traxectoria pictórica e escultórica, amosan unha grande coherencia e un grande respecto polo proceso creativo. Comeza con detallados bocexos que posteriormente son trasladados aos lenzos. Un resultado pulcro e de ritmo calmado ocupan grandes superficies de tecido imprimado con cores vivas e rítmicas formas . O óleo é o material que lle permite traballar con grande fluidez os “difuminados” e degradados, así como as sutís texturas coas que se expresa.
A pesar de que a calma e o gozo do proceso creativo son palpables no seu labor artístico, é fundamental entender que é primordial para el non acomodarse e estar esperto aos posibles cambios que lle requira o espírito artístico.
Chegou a hora de marchar, non sen antes coñecer algunhas das creacións de Anita. Obras moi orgánicos realizados en estaño. Pode que a próxima vez que volva a esta gorida sexa para facer proxectos conxuntos. Pode ser.