Crusat e Costas: Coleiro Rúbrica
Unha volta de temón sen perder o norte
Por Lorena Costas
Hei, Pincheiros e Pincheiras! Como vai ese verán? Xa case acabando, mais aínda nos quedan días de solpores tardíos e boa temperatura, así que traemos unha proposta de viño tinto pero lixeiro; como di Crusat, un viño “de sede”.
Nesta ocasión imos cara Portomarín, Lugo, a parte máis ao norte da Ribeira Sacra, aos pés do Río Miño. O viño do que imos falar non está amparado na Denominación de Orixe, pero iso a nós nunca nos importou.
Coleiro Rúbrica é un dos viños de dous rapaces de Portomarín, Antón Fernández e Alberto López, que comezan este proxecto no 2018, trala volta a Galiza de Antón para facer o curso superior de sumillería que se imparte no Instituto Galego do Viño. Antón quería ter esa formación adicional despois de ter traballado como técnico de campo a axudante de enólogo noutros lugares de España. Alberto tamén tiña formación enolóxica e relación familiar con Portomarín pola parte materna, coa posibilidade de elaborar viño nas fincas de viñedos familiares. Ámbolos dous coñecíanse dende pequenos e volveron coincidir trala volta a Lugo, así que, estes dous amigos decidiron empezar a elaborar viño como algo máis ca un ‘hobby’.
No concello de Portomarín o cultivo das vides era un oficio tradicional pero a construción do encoro de Belesar en 1963 levou gran parte das viñas. Moitas tamén se abandonaron porque o seu coidado non é sinxelo nesa zona.
Así, Coleiro nace nas viñas, concretamente nas de Seixón e Cabanas; precisaban de moito traballo, porque moitas estaban enfermas e tamén pola cantidade de híbridos, moi comúns na zona. No 2019 elaboran a primeira colleita que, como di Antón, foi un desastre, en parte polo descoñecemento das características dos viñedos e da adega e tamén pola compra de bastante uva que non posuía os coidados que eles buscaban. Dese ano gardaron dous barricas de Sousón que lles resultaron interesantes.
Aprendendo dos erros e trala necesaria transformación e recuperación dos viñedos, comezaron a traballar outras parcelas da zona, na busca dun carácter especial e único, para dicirlle ao resto do mundo que en Portomarín non só se fai bo augardente, senón que tamén se pode facer bo viño, con maduración e elegancia.
E así, no 2020 naceu este Coleiro Rúbrica que vos traemos nestas páxinas, elaborado na parroquia de Seixón, unha aldea ao carón do encoro, reconstruída como tantas outras nesa ribeira do Miño tralo asolagamento das aldeas e campos primixenios. Decidiron mesturar as dúas barricas de Sousón que gardaran do ano anterior para facer un ‘coupage’ coa Mencía, á que lle deron seis meses de barrica primeiro. O que non lles encaixa nesta elaboración vai para o Coleiro básico, que non elaboran todos os anos. No Rúbrica, o viño insignia do proxecto, buscan máis maduración e complexidade, sen perder a finura e lixeireza que fan deste tinto un viño fresco pero con personalidade, perfecto para beber tanto en verán, que coa calor non apetecen viños demasiado estruturados, coma tamén en meses máis fríos, xa que o Sousón aporta carácter dabondo para aguantar pratos de diferentes tipos.
Por se vos interesa, contareivos que a etiqueta é unha homenaxe ás antigas mulleres que facían as vendimas na zona. Elegante e con moito que dicir, igual que Coleiro Rúbrica. A que esperades para mercalo?
O orgullo duns viñedos esquecidos
Por José Crusat
Coleiro ten como obxectivo principal a posta en valor da zona esquecida máis antiga de produción de uva que é Portomarín, onde a construción do embalse de Belesar supuxo un duro golpe para a viticultura da zona, asolagando unha boa parte dos viñedos existentes. Pero a xente se ben conservou o patrimonio propio, sen máis pretensión que o de alimentarse e dispor de viño para consumo propio. E aquí nace este proxecto, fóra de DO, que pretende que os propietarios dos viñedos sintan orgullo de que das súas uvas se fale, que se beba nos mellores restaurantes.
As uvas fermentan en tinos de plástico, sen o cangallo normalmente, se ben dependendo da anada e posible que parte dos bagos conserven estes. Fermenta remollando o sombreiro (os pelellos) empurrando estes manualmente tres veces ao día. Trala fermentación, prénsase e déixase decantar en depósitos de aceiro para a súa clarificación. Posteriormente, críase en barricas de carballo onde permanece entre seis ou sete meses, para despois de facer a mestura dos viños en depósitos de aceiro, novamente seren embotellados antes das calores do verán.
Antes de pasar á cata do viño, quería falarvos tamén da mestura de uvas que o compoñen e que lle aportan cada unha delas. Temos principalmente a raíña Mencía que aporta finura e moita froita, a Caíño que aporta frescura e acidez e finalmente a Sousón que e a que aporta máis cor e principalmente corpo e carácter; ás veces pode ser dura, pero co tempo suaviza os taninos e devólvenos un viño moi amable.
Á vista ten unha cor de capa media vermella con reberete violáceo. Presenta notas de crianza pero á vez fresco, barrica suave, pero mantén moi ben a froita vermella, amorodos e fatóns. Na boca é un viño fino, fresco, lixeiro, con acidez, persistencia, moi redondo e sinxelo de beber.
E rematamos coa proposta de maridaxe para este viño. Imos homenaxear á vendima, xa que este número que estás a ler sae a rúa nese momento en que se culmina todo o traballo dun ano nas viñas, e por suposto á terra de onde nace este viño. Polo tanto, non podía ser outro que un menú composto por un churrasco de porco e unhas anguías fritidas de Portomarin ou de Loios, se vos apetece. Xa coma reviravolta botádelle unha salsa de chile doce se as queredes facer un chisco exóticas.
Coleiro rúbrica
FICHA DO VIÑO:
Adegueiro:
Coleiro (Antón e Alberto), elaboran en Adega de Cabanas os seus viños
D.O.: __
Variedades:
Sousón e Mencía (na colleita 2022 xa só Mencía)
Grao: 12,4º
Colleita: 2020
Prezo: En torno aos 25€