A nova Capitol, moito máis ca música
Por Rebeca Munín
Lembro moi ben a primeira vez que pisei a Capitol. Eu tiña sete anos e daquela aínda era un cinema. Fun ver o ‘Batman’ de Michael Keaton. Recordo o moito que me impresionara! (E a película tamén...). Os que tampouco esquecen os seus primeiros momentos nesta sala son os irmáns Andrés e Fran Villasenín, coñecidos empresarios e produtores musicais composteláns, que acaban de asumir a súa xerencia, xunto con Carlos Cobas e Santi Domínguez, fundadores da empresa de software Mestrelab. “Eu vin ‘A chaqueta Metálica’ de Kubrick cos meus amigos do cole. E iso que non podiamos entrar, pero entramos”, recorda divertido Fran. “Cadraba que a nosa nai ía a un salón de peiteado aquí ao lado e, ás veces, eu quedaba no cine e recollíame á volta. Botaban sobre todo cine costumista español”, engade Andrés. “Eu estiven na estrea de ‘King Kong’ cuns 5 anos”, apunta Carlos. “Eu vin ‘Superman’. Había unha cola descomunal! Meu pai sacoume do cole para ir a vela, non sei que mentira contou”, confesa Santi entre risos. “Ademais vivín enfronte sendo adolescente, dos 13 ao 18 anos. De feito, fixen outra cousa por primeira vez aquí, pero mellor non poñelo...” (Gargalladas).
Foi o 14 de novembro de 1935 cando abriu as portas o Cine Capitol neste local da rúa Concepción Arenal. A película de apertura foi ‘Casta diva’, un filme italiano dirixido por Carmine Gallone que conta a historia de Vicenzo Bellini, compositor da ópera ‘Norma’ (A música sempre presente...). E xustamente o título desta longametraxe é o que dá nome á sociedade que acaba de asumir a nova xerencia. Desde esa proxección pasaron xa case 90 anos, un aniversario que celebrarán no 2025 “dun xeito moi especial”.
Nas últimas dúas décadas, desde abril do 2003, a sala transformouse nun espazo de concertos e outros eventos, acollendo as actuacións de milleiros de artistas, incluíndo grandes nomes da escena musical nacional e internacional. Trala xubilación do seu propietario, Fran Sanín, chegou a quenda da nova dirección. “Un día atopei a Andrés no Bar Suso e díxome: “Teño que quedar contigo porque podemos montar unha aventura”. A partir de aí, empezamos a falar”, explica Carlos. “Nós coñeciamos ben a dirección anterior, sabiamos da situación aquí, o nivel que tiñan de cansazo... Pero chegou a pandemia e parouse todo. Xusto despois do confinamento empezamos a negociar”, aclara Andrés.
Por todos é sabido a relación coa cultura destes dous irmáns composteláns. Desde a súa etapa na bar A Reixa, pasando polos últimos anos no restaurante Flamingo, a música sempre foi un piar fundamental dos seus proxectos. Tamén promovendo diferentes eventos con A Reixa Produccions. Pero que fan dous socios dunha empresa que traballa coa industria farmacéutica meténdose nesta aventura? Algo si que teñen que ver co tema musical... Ademais do pasado de Carlos en míticos grupos de Santiago como Dirty Barriguitas, Mestrelab conta coa súa propia banda formada por algúns dos seus traballadores que fai versións de rock e que se chama Mestreband. “Decidimos apostar por isto polo negocio, pero tamén hai un compoñente romántico. A Capitol é un espazo moi especial para Santiago, temos pasado moi bos momentos aquí, programa actuacións que non ves noutros lugares... E logo está o feito de facelo con eles. Eu son dos que penso que a vida se desfruta cando traballas coa xente coa que gozas estar”, opina Santi.
Multidisciplinar e para todos os públicos
Cando o cuarteto tomou as rendas do negocio, xa había eventos pechados até ben entrado 2025. O seu plan é ir incluíndo actividades que non estamos tan afeitos a ver neste espazo, como teatro, cine ou danza. “Este é un moi bo contedor para facer moitas outras cousas que soamente música, aínda que siga sendo o groso da programación”, asegura Andrés. “Os nosos veciños son Numax e nós somos moi amantes do cinema, así que xa falamos con eles para facer sinerxias. Ás veces, por exemplo no seu aniversario, se lles queda pequeno o espazo para algunha proxección”, conta Fran. “E, por outro lado, Andrés e eu estivemos moi vinculados á compañía Chévere, estivemos traballando con eles na Sala Nasa, e nos apetecía que volvesen a Santiago. E xa vai pasar. Teremos ultranoites na Capitol”, subliña con orgullo.
En canto á música, queren achegarse a canto máis xente, mellor: “Queremos traer estilos musicais que non se están programando. Pensamos que hai un público que o demanda. En Santiago non hai moito rock and roll, ou concertos para público heavy, ou para os que lles gusta o ska ou o reggae... A programación é un pouco todo moi igual. E a nós o que nos apetece é ofrecer unha mestura de estilos, para que haxa algo para todos. Ultimamente parece que en case todos os festivais, case todas as festas, teñen uns bloques moi marcados, os mesmos grupos vanse repetindo constantemente... Nós queremos escapar diso”. Tamén afirman que, como fixeron en todos os seus proxectos, seguirán apostando por grupos locais e emerxentes aos que lles dar unha oportunidade.
E dentro da lista de intencións, teñen algún soño? “Diríache 300 nomes...”, di Andrés. “Eu diría The Rolling Stones ou Bob Dylan”, sinala Santi. “Porque Taylor Swift vai estar complicado!”, comenta Carlos con ironía. “A min gustaríame que actuase Paul Weller”, sentencia Fran, quizais con máis probabilidade de logralo. Aínda que, quen sabe! Con este tan bo equipo que forman, non dubido que se aveciñan tempos na Capitol que de seguro nos sorprenden.
Holanola, Maré e Outono Códax para rematar 2024
A programación da Sala Capitol para o que queda deste ano 2024 inclúe concertos de figuras como Nil Moliner, que visitará a cidade co seu ‘Lugar Paraíso Tour’ o 25 de outubro; a última actuación de Niños Mutantes en Galicia, poñendo fin a 30 anos de traxectoria, o 31 do mesmo mes; ou a celebración dos 20 anos de Triángulo de Amor Bizarro o 8 de novembro. Xa en decembro están esgotadas as entradas dos dous pases que dará Rodrigo Cuevas, os días 19 e 20.
Os festivais serán outro dos pratos fortes da programación para os vindeiros meses. Comezarán co concerto de Sabine Mccalla, xunto con Max Ben Kahn e Duff Thompson, dentro do Holanola Lab Fest o próximo 20 de setembro. Enmarcadas no Festival Maré 2024 poderemos ver os directos de Sumrrá & El Niño de Elche, Albert Pla & The surprise band, Shantel e Francisco, el Hombre, entre o 25 e o 28 do mesmo mes. En novembro chegará a quenda do Outono Códax Fest coas actuacións de The Sheepdogs (día 9), Shannon & The Clams + Mambas Negras (día 21), The Jive Aces + The Fuzillis (día 22) e Fantastic Negrito + Madame Bird (día 23).