A CoruñaCultura

Carolina Deslandes, Apolo 18, Kid Mount e De Ninghures, na terceira edición do Aquí Tamén se Fala

A Coruña volverá converterse no venres 12 de xuño, e desde as 17.00 horas, nun dos grandes epicentros da música en galego e das culturas atlánticas coa celebración da terceira edición do festival Aquí Tamén se Fala, unha iniciativa impulsada desde o IES Rafael Dieste que conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña.

O evento, que naceu nas aulas dun instituto público da cidade e que terá de novo lugar na Praza da Tolerancia, consolídase este ano como un festival de dimensión internacional grazas á incorporación ao cartel da artista portuguesa Carolina Deslandes, unha das voces máis relevantes da música lusa contemporánea e auténtico fenómeno social cun millón de seguidores en Instagram nun país de pouco máis de dez millóns de habitantes. A presenza de Deslandes marca un novo fito para un festival que, desde a súa creación, conseguiu situar a música e a lingua galegas nun espazo de prestixio, convivencia e celebración colectiva. Xunto á artista portuguesa actuarán as bandas galegas Apolo 18, Kid Mount e De Ninghures, tres propostas que representan a diversidade, a renovación e o momento de efervescencia creativa que vive actualmente a música galega.

No acto de presentación desta edición participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas; o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o director do IES Rafael Dieste e coordinador do festival, Alberto Pombo; os coordinadores Ramón Barreiro e Arcadio González; e as artistas Marta Álvarez, do grupo De Ninghures, e Iago Lema, de Apolo 18.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que se trata dunha proposta, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, “de especial importancia polo feito de que xurda nun espazo escolar, xa que os centros educativos desde o punto de vista do lecer e a convivencia son un dos motores principais de impulso e prestixio do galego”. Deste xeito, felicitou o alumnado e profesorado “deste centro multicultural por continuar con este proxecto que segue a fortalecerse ano tras ano  cun traballo que favorece o uso e coñecemento da lingua, sendo un exemplo para as xeracións máis novas”.

Na súa intervención, Sol Agra destacou que ‘Aquí Tamén se Fala’ “é unha iniciativa feita por profesorado e alumnado dun instituto dunha cidade”, feito que demostra que as campañas de normalización lingüística que se fan desde os centros educativos “poden funcionar na normalización do uso do galego entre a mocidade”. A deputada subliñou ademais que “a situación de emerxencia lingüística non é culpa da mocidade nin do incremento do alumnado migrante” e asegurou que esta experiencia demostra que “a lingua pode ser un elemento de acollemento e dinamización educativa”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que desde o Goberno de Inés Rey “sentímonos orgullosos de que a iniciativa cultural máis innovadora de Galicia nacese na nosa cidade e continúe medrando aquí, co noso apoio desde o inicio”.

O festival é unha das iniciativas máis visibles de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), o maior movemento de dinamización lingüística do país, nacido no IES Rafael Dieste e convertido xa nun fenómeno social e educativo de sen precedentes. O que comezou como unha campaña impulsada polo alumnado para visibilizar a presenza do galego nos barrios da Coruña acabou estendéndose a centos de centros educativos de todo o país, mobilizando decenas de miles de estudantes e recibindo recoñecementos como o Premio da Cultura Galega, o Innovagal, o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña ou o Mil Primaveras.

Tras congregar arredor de 5.000 persoas en cada unha das súas anteriores edicións, o festival ‘Aquí Tamén se Fala’ afronta este novo capítulo coa ambición de seguir medrando sen renunciar á súa esencia: demostrar que a mocidade pode liderar proxectos culturais de grande impacto e que a lingua galega ten capacidade para ocupar con naturalidade os escenarios, as rúas, as pantallas e os espazos de referencia do presente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.