CulturaGaliciaNovas

A música galega celebra os proxectos máis sobresaíntes nos XIII Premios Martín Códax

Foto: PixelinPhoto

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a gala dos XIII Premios Martín Códax da Música, unha cerimonia na que se deron a coñecer os proxectos premiados deste ano: 15 categorías musicais, Artista Emerxente e os Premios Organistrum a mellor sala, mellor comunicación e mellor festival, ademais do premio Honorífico.

A primeira categoría musical en darse a coñecer foi a de Rock coa banda viguesa Stoned at Pompeii, quen xa conta cunha traxectoria recoñecida no panorama nacional. No apartado de Blues, Funk e Soul foi premiada a banda Allo Negro, composta pola mestura de músicos de blues con ampla traxectoria e novos talentos.

A continuación, deuse o galardón de Electrónica a Galician Army, que leva anos destacando en festivais de referencia e contan con colaboracións de éxito cos grupos galegos do momento. Keepers foi a banda de Ferrolterra premiada na categoría de Metal, recoñecendo así unha proposta nova con ampla proxección dentro da escena galega.

O premio na categoría de Canción de Autor/a foi para Antía Muíño, cun proxecto no que a súa voz íntima dialoga co jazz e o pop entre a tradición e a contemporaneidade. Hugo Guezeta foi premiado no apartado de Músicas Urbanas, recoñecido polo seu traballo en solitario, tralo seu paso no grupo SonDaRúa.

No apartado de Orquestras e Música de Verbena o grupo Lamatumbá foi o encargado de subir ao escenario do Pazo da Cultura, poñendo en manifesto o regreso duns referentes na música da festa. O recoñecemento de Pop e Indie recolleuno Michu da Rocha, o proxecto liderado polo músico vigués Michu Malvar, quen combina o rock n’ roll dos 60 con ritmos moi bailables.

O pianista Xan Campos, co seu recente proxecto “Amorodios” que combina jazz e tradición galega, recolleu o premio en Jazz e Músicas Improvisadas. O actor e músico, Paco Nogueiras, levouse o Premio de Música Infantil, sendo recoñecido por segunda vez nesta categoría.

A percusión, as melodías tradicionais e os ritmos electrónicos da artista Lidia Indialevárona a recoller o recoñecemento a Músicas do Mundo e Mestizaxe, mentres que a compositora e pianista ourensá María Mendoza recibiu o galardón de Música Clásica e Contemporánea.

No apartado de Música Folk, o grupo Abril recolleu o galardón cunha proposta centrada na reinterpretación da música de raíz galega desde unha perspectiva contemporánea. Pola súa banda, Carapaus foi recoñecido na categoría de Música Tradicional, destacando polo seu traballo arredor da música popular galega e das tradicións vinculadas ao patrimonio oral e festivo.

A Banda de Música Municipal de Celanova foi premiada na categoría de Bandas de Música Popular, recoñecendo así a súa traxectoria e o labor desenvolvido na difusión da música de banda no ámbito cultural galego.

O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre Galicia e Canarias. A súa música parte da canción de autora e incorpora influencias do indie, o folk e a música de raíz, cun proxecto que este ano publicou o seu primeiro traballo discográfico, Hogar.

Ao recoller o galardón, quixeron salientar a felicidade que lles produce traer a Galicia unhas letras creadas desde Canarias. Tampouco esqueceron agradecer “á familia, ás amizades e ás persoas que nos abriron camiño”.

Nos Premios Organistrum, Galicia en Concierto recibiu o recoñecemento a Comunicación e Difusión Musical polo seu labor na promoción e divulgación da música feita en Galicia. Este galardón foi entregado por Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra. A Sala Capitol foi distinguida como Mellor Sala, consolidándose como un dos espazos galegos de referencia para a música en directo, un premio entregado por Jacobo Sutil, director da AGADIC. Pola súa parte, o Festival Alternativo Millo Verde levou o premio a Mellor Festival, recoñecendo unha traxectoria vinculada á música alternativa e á autoxestión cultural, nunha entrega realizada por Eva Villaverde, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra.

Foto: PixelinPhoto

Los Suaves, a lenda do Rock galego, recolle o Premio Honórifico

A gala rematou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, recoñecendo así a traxectoria dunha das bandas máis emblemáticas do rock galego e estatal, cun percorrido musical que marcou varias xeracións desde a súa creación nos anos oitenta. O premio foi entregado por Xoán Allegue, presidente de Bodegas Martín Códax, xunto coa Xunta Directiva de Músicas ao Vivo.

Allegue quixo destacar o traballo realizado pola directiva de Músicas ao Vivo pola súa implicación “para conseguir que estes premios sigan medrando e que a música galega continúe tendo un espazo de encontro e de recoñecemento”. Así mesmo, estableceu unha comparación entre o viño e a música, sinalando que ambos “fanse con paixón, con paciencia, con identidade e con moita verdade”.

Foto: PixelinPhoto

A Xunta Directiva de Músicas ao Vivo anunciou durante a gala que o actual período de traballo da directiva chega ao seu fin e que esta foi a súa última edición á fronte dos Premios Martín Códax da Música. Nos vindeiros meses darase paso a un novo equipo, ao tempo que agradeceron a experiencia vivida e o traballo desenvolvido a prol do colectivo, fixeron tamén un chamamento ás músicas e músicos galegos para continuar implicándose no traballo colectivo.

A directiva aproveitou tamén a ocasión para reivindicar o papel dos Premios Martín Códax da Música como unha plataforma fundamental para a visibilidade da creatividade e da diversidade da música galega. Así mesmo, puxeron o foco na necesidade de recoñecer o papel central das músicas e músicos dentro da cultura e da industria do país, ademais de denunciar problemáticas estruturais que continúan afectando ao sector, como a precariedade xeneralizada e a necesidade de fortalecer a presenza e contratación de proxectos galegos nos grandes eventos musicais.

Unha tématica de supersticións

O acto, conducido por Tero Rodríguez, tivo as lendas e as supersticións como fío temático, coincidindo co número trece da edición, e así foi representado na posta en escena, evocando as néboas das montañas a través dunha proposta escénica de Diego Valeiras. A Orquestra Neverloura e a artista Laura Lamontagne foron os encargados de poñer a nota musical ao acto.

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Foto: PixelinPhoto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.