A CoruñaCulturaNovas

O 7 de novembro celebrarase a segunda edición de CoruñART, o gran encontro aberto coa cultura coruñesa

O Fórum Metropolitano acollerá o vindeiro 7 de novembro a segunda edición de CoruñART, unha feira e encontro aberto que reunirá nun mesmo espazo aos distintos sectores das industrias culturais e creativas, combinando programación profesional e actividades dirixidas ao conxunto da cidadanía. Tras a súa primeira edición celebrada en 2025 no Mercado de San Agustín, CoruñART consolídase como un proxecto de encontro entre a creación, a xestión cultural e os públicos, cun programa que incluirá representación dos ámbitos do cinema, teatro, música, fotografía, artes plásticas, literatura e ilustración.

Durante a presentación da iniciativa, o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, destacou a importancia de dar continuidade a proxectos que fortalecen o ecosistema cultural coruñés. “Unha cidade non constrúe un ecosistema cultural forte só por acoller moitos eventos. Constrúeo cando dá continuidade aos proxectos, coida os seus profesionais e abre espazos de encontro coa cidadanía”, sinalou o edil.

O responsable municipal subliñou tamén que a cultura é un dereito da cidadanía, pero tamén un conxunto de sectores creativos que precisan redes, estruturas e oportunidades para seguir medrando. Neste sentido, destacou o papel da xestión cultural como ferramenta para conectar o talento, fortalecer o tecido profesional e favorecer novas colaboracións e proxectos.

Pola súa banda, a deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia de apoiar iniciativas como CoruñArt, que contribúen a recoñecer a cultura como un sector estratéxico, xerador de emprego, actividade económica e oportunidades profesionais. “Apoiar as industrias culturais e creativas é apostar polo talento, pola innovación e pola capacidade da cultura para dinamizar o territorio. Desde a Deputación queremos contribuír a que as persoas profesionais do sector conten con espazos para compartir experiencias, establecer alianzas e dar visibilidade ao seu traballo”, sinalou.

Programación

Baixo o lema “Encontro aberto coa cultura”, CoruñART desenvolverá unha intensa programación ao longo da xornada do 7 de novembro. O hall principal do Fórum albergará stands de entidades, asociacións e empresas culturais, mentres que nas aulas do centro terán lugar mesas redondas, relatorios e actividades formativas. Ademais, programaranse encontros profesionais en formato de citas rápidas, showcases musicais e un espazo de micrófono aberto dedicado á literatura.

A feira incorporará tamén un espazo específico de conciliación familiar, unha medida que, segundo destacou Gonzalo Castro, contribúe a ampliar a participación e a accesibilidade nos eventos culturais.

Como novidade destacada, CoruñART contará coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. Entre os días 5 e 7 de novembro proxectaranse no Fórum as catro longametraxes finalistas da última edición dos Premios Mestre Mateo, reforzando así a presenza do sector audiovisual dentro da programación do encontro. Tamén participará a Escola de Imaxe e Son, coa exhibición doutros traballos audiovisuais ao longo do evento.

As inscricións para profesionais serán gratuítas, así como a participación individual nas actividades programadas. O prazo de rexistro e de solicitude de stands abrirase este 15 de outubro, mentres que toda a información actualizada poderá consultarse a través das canles oficiais de CoruñART.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.