Néboa: “Nin folk, nin ambient, somos unha banda esencialmente galega”
Por Javier Pereira Gasamáns

Fai seis anos Néboa editaba o seu primeiro disco ‘A Realidade Enganosa’, nel descubrimos unha banda cunha forte personalidade propia construída nunha mestura de pop atmosférico, electrónica, música tradicional cuns toques de jazz e mesmo trip-hop. Dous anos despois chegaba ‘Fósforo’, un EP de cinco temas que, se ben empregaba a mesma fórmula que o seu irmán maior, demostraba que Néboa era unha agrupación moi ecléctica e con moito por dicir. Durante estes catro anos agardamos pacientemente por máis material que chegou este mesmo abril. Case seguidos, presentaron os dous temas adianto do seu novo disco. Primeiro puidemos escoitar Atracar (maneo), unha canción de forte inspiración tradicional no que colaboraban con Lilaina e os enigmáticos Barco Fantasma. Esta colaboración repetiuse no segundo adianto titulado San Xoán. Esta dupla de temas déixanos con gañas de máis e con moita curiosidade; motivos polos que decidimos falar con Lucas Suárez, sintetizadores e percusión de Néboa.
Por que escollestes San Xoán e Atracar como adianto do novo disco? Podemos dicir que neste disco haberá máis folk que ambient?
Escollémolos porque nos interesa que o proxecto guste e entre pola orella, e estes temas teñen ese ingrediente de inmediatez que precisan as cancións pop para que funcionen. Ademais son moi representativas do camiño que tomamos estes anos. Néboa nunca foi unha banda de ambient, entendo que a xente fala de texturas e atmosfera no noso son, pero tampouco somos unha banda de folk, cousa que non esta no noso ADN. Tentamos ser unha banda esencialmente galega, que non renunciamos ao noso aprendizaxe. Este disco é menos folk co anterior, o que pasa é que non deixamos de fisgar e de empregar os instrumentos da nosa tradición e doutras.
Cando sae o novo disco? Que nos podes adiantar sobre o que imos atopar nel?
O novo disco edítase o 22 de maio. Imos presentalo na Sala Riquela, en Santiago, o 5 de xuño; e o 6 no Torgal, en Ourense. Serán concertos no que trataremos que o novo disco reciba todo o protagonismo. Queremos que sexa unha función non específica de Néboa, que sexa un concerto baixo o título de Barco Fantasma. Non é un disco de colaboracións, aínda que sempre nos apoiamos no talento doutra xente, pero neste punto temos a suficiente madurez e as suficientes amizades na escena que decidimos contar con elas para facer todo o disco.
Por que houbo que agardar catro anos para escoitar cousas novas de Néboa?
Fai catro anos que sacamos ‘Fósforo’ que é un EP. Non é que subestime os EP’s, pero dan moito menos traballo cun LP, que para min é o que marca os fitos na carreira de Néboa. Así que podemos dicir que pasaron seis anos dende ‘A Realidade Enganosa’ ata este novo disco. Non houbo outros discos antes porque primeiro queremos ter algo que dicir e porque temos que compaxinar as nosas carreiras profesionais con Néboa.

Que papel xogan Barco Fantasma e Los Bravú neste novo disco?
Barco Fantasma aporta a súa personalidade específica tanto nas letras como na instrumentación en todas as cancións do disco. Para a parte gráfica da edición física contamos con Los Bravú, que son un dúo que son referentes na arte contemporánea. Veñen de gañar en Arco e para nós é todo un privilexio, aínda que soe a cliché. Sempre tivemos a sorte de traballar con xente que comprende moi ben que é o que facemos. O noso cor de equipo é o azul, e se hai alguén que sabe dicir cousas en azul son Los Bravú. Non tiñamos unha relación estreita con eles, son amigos de amigos, pero atrevémonos a establecer unha relación artística directa.
Levades dez anos de carreira. Como foi evolucionando o voso son?
Van máis de dez anos dende que comezamos. Estou orgulloso de ter uns tempos de publicación bastante pausados para ter algo que dicir. Dende que sacamos o primeiro EP ata a ‘Realidade Enganosa’ hai un cambio moi forte. A nosa formación é o jazz e ao principio estaba moi presente aínda que houbese unha presencia de pop. Na ‘Realidade Enganosa’, sendo uns músicos cun maior coñecemento do jazz, isto esta menos presente porque somos máis precisos co que queremos dicir. Para este novo disco quixemos centrarnos en elementos que aportasen algo novo para refrescar as orellas da xente que nos sigue.
Pensades que a vosa proposta sigue sendo vangarda? Ten sentido falar de Néboa como banda pop?
Cústame responder a isto porque a percepción de vangarda é algo moi persoal. Haberá quen pense que Néboa somos uns tarados e haberá quen pense o noso xa o escoitara antes. A nosa intención é traballar cunha actitude de investigar e explorar, sendo atrevidos para non caer en lugares comúns neste novo disco. Somos unha banda de pop con inquedanzas diferentes como tantas outras bandas. Se hai que poñerlle un segundo adxectivo prefiro que sexa alternativo e non indie. Porque o indie neste pais vén definido por bandas como Lori Meyers ou Love of Lesbian, bandas que respectamos pero que non teñen nada que ver connosco.
