#debaresA CoruñaGastronomíaNovas

Extraendo ADN da Artesa da Moza Crecha: o da cociña emocional!

Lolo e Paula brindando polos dez anos da Artesa da Moza Crecha. Foto: Iván Barreiro
Lolo e Paula brindando polos dez anos da Artesa da Moza Crecha. Foto: Iván Barreiro

Dez anos, polo visto, pasan moi axiña, malia que sexan laboriosos... A Artesa da Moza Crecha está de aniversario e Paula Martínez e Lolo Mosteiro cociñaron para nós con recordos e foilles cambiando a cara durante o repaso dos ingredientes da súa historia… Porque aquí, señoras e señores, todo sabe a sentimento!

Se isto fose unha sala de interrogatorios, con pouca luz, descubririades como se lle iluminan e inundan, aos poucos, os ollos… Nalgún momento ata desbordar bágoas! Isto é amor, lles espeto! Non o negan, tampouco. E non hai nada que me guste máis que meterlle romance, entre bocados...

Comezaron no mercado de Betanzos, vendendo produtos gourmet, cunha filosofía que persiste na actualidade: ofrecer proximidade. Alí mesmo, xurdiu A Moza Crecha Catering. Dous anos despois veu unha época máis canalla, na gastroteca. Tiñan unha pequena carta, ofrecían unha cociña diferente, pero a xente deixábase guiar e aconsellar… “O menú naceu como algo orgánico, nunca foi imposto. Conseguimos dos clientes un poñédenos o que queirades!, -confesan orgullosos- De aí veu a necesidade de algo máis grande e máis estruturado. Entón viñemos para aquí (rúa Alfolí, 7 Betanzos) -din abríndonos as portas do seu local e do corazón- e comezamos co menú degustación! Se queres coñecernos, experimentar A Artesa da Moza Crecha, entrar no noso ADN e entrar en nós, tes que pedir o menú degustación!”.

O proxecto foi medrando como medraron os seus creadores, mesturando sangue, suor, dor, paixón... “Somos persoas que volvemos a renacer en moitos ámbitos da vida! É o bonito: ter a capacidade de caer ben abaixo e volver trepar, pouco a pouco, iso é do que máis aprendemos nesta vida”. Sabedes cando a comida sabe a nostalxia...? Pois iso.

Lolo e Paula din que o día que lles deixe de motivar o asunto, déixano! Sen dúbida cando se acaba o amor, ben de tanto usalo ou de comelo!, supoño que hai que cambiar de póla, colgar a chaquetiña e abandonar as potas! Mesmo romper os pratos... Pero, polo de agora, van seguir dando renda solta a súa creatividade na cociña e seguir promovendo deliciosos eventos. “Empezamos os dous sós e, aínda hoxe, para este modelo de negocio somos moi poucos: tres en cociña e dous en sala, máis o chef en sala, que é unha figura que presenta os pratos, fai as suxestións, pregunta... A verdade é que a nosa clientela déixase levar! O 90% pide o menú degustación, vén probar a experiencia... Conseguímolo! É unha aposta difícil, porque significa que a xente confíe plenamente en ti! Conseguímolo!!”, repiten como abraiados...

Neste desentrañado de verdades, confesan angustias, segredos... “Estamos nun recuncho, non seguimos modas, imos totalmente por libre... E máis, se algo nos ‘chirría’... fuximos diso! Pero de aí sae a honestidade da nosa cociña! Para nós A Artesa da Moza Crecha é unha casa de comidas. Queremos que a xente viva unha experiencia; transmitir esa cociña de proximidade, das avoas, de arroupar... Elevar a cociña das avoas a un primeiro plano! Porque as mulleres aínda non estamos onde temos que estar. Cada vez dannos máis o lugar que nos corresponde, pero aínda queda”, apunta Paula abrindo outro melón, pero non de comer, de cortar.

“Intentamos acadar harmonía no prato? Si, pero o que queremos é sabor! Promovemos a cociña tradicional”-interrómpense con cara de circunstancia, como se delatasen un crime... e suspiran- “Se alguén nos escoita dicilo, dicir que facemos cociña tradicional, dirá que estamos tolos! Que non é verdade... Pero esa é a esencia de A Artesa da Moza Crecha, o corazón do prato: a tradición. Poder facer cociña de vangarda, pero cunha tradución da paisaxe, dos olores e dos sabores”. De feito, o primeiro menú chámase ‘Sabores’, o segundo ‘Sensacións’ -que leva dous snacks, catro aperitivos, catro pratos: marisco, peixe e carne e dúas sobremesas-. “Un pouco o que sería un menú de festa, seguindo a tradición do territorio”, contan. E por último ‘Emocións’.

Pero analicemos que fan estes tolos... Por exemplo, unha reinterpretación duns ovos fritidos con chourizo. “A xente leva unha sorpresa! É unha xema curada en soia; un aceite de chourizo, feito infusionando o chourizo; un polvo de chourizo, deshidratando o chourizo; e un cremoso de pataca con manteiga, nata e patacas galegas brancas. Ao final, é romper, mesturar e ter todos eses sabores na boca, transmitir... É un prato que gusta e que a nós encántanos, porque transmite a cociña tradicional. Entramos no relato!”.

“Tamén facemos ceas onde unimos tradición oral, lenda, mito e realidade... Distintas temáticas, con música e cociña. Tratamos relatos na comida. Porque todo ten nome e apelido: o bonito da lonxa de Burela; o repolo de Betanzos de Os Biosbardos; o queixo se é de Cagiao, dicímolo!! Gústanos que haxa detrás ese apelido”, explican.

Podes visitar A Artesa da Moza Crecha na rúa Alfolí, en Betanzos. Foto: Iván Barreiro
Podes visitar A Artesa da Moza Crecha na rúa Alfolí, en Betanzos. Foto: Iván Barreiro

Moza Crecha Catering

Vailles a marcha! Dito por eles, eh! “Está a pata do restaurante, co menú degustación que implica traballo, dedicación e I+D, para poder seguir progresando. E contamos coa axuda de Delfi na cociña, un gran apoio, para que nós poidamos dedicarnos a outras cousas. Temos a Carol en sala, como sommelier, para podernos despegarnos desa dedicación do local. Está a outra pata a Moza Crecha Catering: facendo eventos, divulgación, formación... Firmamos un contrato de colaboración con Casa Grande de Soxal, en Oza, un Pazo para eventos privados. Encargámonos de toda a loxística, ademais da comida, claro! Estamos co proxecto Capitán Mareas dedicado a escolares, percorremos Galicia, facendo obradoiros coa idea de aumentar o consumo dos produtos do mar. Elaboramos un libro con 18 receitas. Empezamos con Pesca Saúde, outro proxecto para xente maior... Facemos showcookings, obradoiros enfocados na sustentabilidade. E logo formacións de todo o tipo. Traballamos co Concello de Curtis con cursos longos. (Polo visto tamén dormen! Ha, ha, ha!). Poder ter un equipo como o que temos agora, permítenos facer todo isto. Somos un grupo pequeno intentando facer cousas grandes, na medida que podemos! Aquí hai moito traballo, moito esforzo, moito tesón. Movémonos, porque hai seguir medrando e facendo cousas!”.

Sorprende a transparencia destes dous... Transmiten un aura emocional, familiar e sentimental, que che fai suavizar o corpo, agudizar os sentidos.

Resulta fundamental sentirse arroupados, é o que din eles: “Aquí hai bicos e apertas ao chegar! O noso equipo fai que sexamos o que somos. Estamos en contra dos ‘encorsetamentos’ da alta hostalería. O chef non é ningún deus! Tamén se equivoca. Que fregamos a louza! Basta xa! Basta de malos tratos. Encántannos meternos en xardíns! (Rimos) Encántannos os premios? Si, seria necio dicir que non, pero non os perseguimos. Non traballamos para iso, traballamos para ser como somos, queremos que os nosos comensais saian satisfeitos, gañar o noso, que o noso equipo viva o mellor posible. Hai que tratar ben á xente!”.

Sabedes con que se quedan destes dez anos? “Co camiño. Foi precioso...”. A Paula interrómpea algo nun ollo... “E o peor é que o pasamos fatal, porque non tiñamos un duro!”. Lolo suspira. “Houbo un momento que pensamos que se acababa o soño... Traballei noutro sitio, para poder aguantar. Os comezos foron moi duros. E aguantamos. Ela embarazada... Setecentos euros foi co que partimos e a compra da mercadoría... De fiado! (Risas e bágoas). Fomos tirando... E grazas ao noso equipo, porque cre no que facemos! Estamos orgullosísimos... (Quebran as voces). Os comezos foron moi duros”. Lolo cortou dous dedos, Paula coa cesárea, carnes recentemente abertas... Quizais... Quizais iso modificou e marcou o ADN da Artesa da Moza Crecha. Dálle sabor e emoción a todo!

Agardo que estas palabras vos deixen tantas sensacións... Case tantas como as que probaredes na Artesa da Moza Crecha... Nas potas da cociña de Paula e Lolo quedan remexendo e saboreando ese ADN, o deles, o das súas nais, avoas e bisavoas, o material xenético de Galicia, ese que corre ceibe pola terra e afonda no mar... Esa cociña tan emocional! A que en cada bocado sabe a sentimentos. A que nos fai pensar, chorar, tremer, amar!

“Para nós A Artesa da Moza Crecha é unha casa de comidas. Queremos que a xente viva unha experiencia; transmitir esa cociña de proximidade, das avoas, de arroupar... Elevar a cociña das avoas a un primeiro plano!”

Paula e Lolo preparando un dos pratos na súa cociña. Foto: Iván Barreiro
Paula e Lolo preparando un dos pratos na súa cociña. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.