CulturaDe libros

Arantza Portabales: “Interésame como as relacións humanas quedan en carne viva”

Arantza Portabales
Arantza Portabales

Atopamos a Arantza Portabales (Donostia, 1973) arrincando a xira de camiño a un encontro en librarías. Esta tempada está a presentar a súa nova novela, ‘Asasinato no muíño do cura’ (Editorial Galaxia, 2026). É a segunda entrega da súa serie ‘Os crimes de Loeiro’, tras arrasar coa dos míticos policías composteláns Abad e Barroso.

Portabales continúa explorando o máis escuro da alma humana no contexto da contorna galega, neste caso cunha narración de segredos e tabús.

Con máis de 100.000 lectores ás súas costas, conversamos con ela sobre a verdade na literatura, a natureza humana e o seu particular universo narrativo.

Desde 2015 non paraches e xa te definen como a “Dama da novela negra galega”. Como te sentes con estes comentarios?

Non podes procesar todo o que pasou en dez anos. Empecei escribindo en modo hobby e, cando me decatei, tiña unha excedencia da Xunta de Galicia e máis de 100.000 lectores. Sobre o éxito, creo que o segredo é facer o que fas sen buscalo, do mellor xeito posible. Hai xente que escribe pensando en facer bestsellers, pero eu escribo pensando en contar historias. Nos meus libros busco facer a mellor historia posible e, sobre todo, que teñan verdade.

Que entendes ti por esa «verdade» nunha obra de ficción?

Como lectora, gústame sentir que o que está pasando me puido ter pasado a min, aínda que sexa nun xeito distinto. A literatura é contar a vida e facer que quen le descubra o que ten ao seu redor e empatice. Na feira de Guadalajara (Mexico) dicía que non se pode desbotar o concepto de lecer nun libro, pero a min gústame a literatura que me fai sufrir, a que doe e proe. Buscar o equilibrio entre o acougo e o que aporta a historia é fundamental.

Ese interese por «facer sufrir» foi o que te levou ao xénero negro?

A vida é moi dolorosa e non fai falla un crime para que a xente sufra. O máis doloroso dos meus libros non son os mortos, senón o que impulsa á xente a facer certas cousas ou como nos afecta o que sucede ao redor. Interésame o momento no que as relacións humanas están en carne viva e a verdadeira natureza de cada un sae á luz. No fondo, todos os meus libros falan de como somos.

Cres que ese interese pola natureza humana explica o actual boom do true crime?

No true crime inflúe moito o morbosos que somos; gústanos asexar pola ventá do veciño. En ‘Asasinato na Casa Rosa’, o personaxe que máis triunfou foi a veciña rechouchueira, porque á xente impórtalle moito a vida dos demais. Hai unha curiosidade innata, pero o problema vén cando se xulga dende unha superioridade moral, algo que vemos todos os días nas redes sociais.

Asasinato no muiño do cura

Esa crítica ao xuízo alleo e á importancia da «sona» está moi presente na túa obra.

Si, sobre todo en ‘Asasinato no muíño do cura’ que transcorre en gran parte no pasado, onde a honra e a sona eran fundamentais e ser muller era moi complexo. Á xente ás veces impórtalle máis que os demais pensen que é feliz que ser feliz realmente. É ese vivir cara a fóra que ten moito que ver co xulgar indiscriminadamente.

Galicia sempre está presente. Como trasladas esa idiosincrasia aos lectores de fóra?

As persoas somos iguais en todos os sitios. Unha vila nos anos 70 en Galicia non era moi distinta ou menos opresiva que unha en Cuenca ou Albacete. O salto cultural era o mesmo. Nesta novela tamén reivindico a importancia da cultura a través dunha mestra de pobo na posguerra, nunha España onde a cativada tiña que traballar con 12 anos. Gústame contar que pasa polas súas cabezas; non xustifico o crime, pero é bo coñecer o proceso e a culpa colectiva que hai detrás.

Por que decidiches crear unha nova investigadora fóra do dúo Abad e Barroso?

Necesitaba mudar e facer unha novela distinta. Estaba co cuarto libro de Abad e Barroso e sentía que non estaba saíndo unha boa novela, a relación entre eles era moi tóxica e non melloraba. Así naceu unha nova investigadora, unha muller triste. Hoxe en día a tristura non está ben vista nas redes, onde todos sorrimos sempre. Aínda así, seguimos no mesmo universo porque hai personaxes que se comparten.

Significa isto o fin de Abad e Barroso?

Non fago triloxías; cada caso comeza e acaba. Teño personaxes que, no momento en que queira que volvan investigar, volverán. Podo saír da dinámica de certos investigadores e empregar outros, como facía Agatha Christie con Poirot ou Marple. Ao final, o que importa é contar historias que lle gusten aos lectores.

 

“Hai xente que escribe pensando en facer bestsellers, pero eu escribo pensando en contar historias”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.