Pincha fai 5 anos e celébrao cun gran sorteo de agasallos
‘5 anos, 5 agasallos’. Ese é o nome da campaña coa que festexamos o quinto aniversario de Pincha! 🙂
Chegar ata aquí non foi doado. Fixémolo grazas ao traballo de moitas persoas (redactoras, deseñador, fotógrafo, colaboradoras e colaboradores…), ao apoio de diferentes entidades e empresas anunciantes e ao cariño dos lectores e lectoras que nos seguen desde maio do 2017.
Para celebralo, preparamos un gran sorteo de agasallos que faremos a través da nosa conta en Instagram ao longo das próximas semanas. Isto é o que podedes gañar:
Dous mandís de Bría Concept (Artesanía de Galicia)
O noso primeiro regalo a sortear serán dous mandís de Bria Concept, empresa que conta coa marca de Artesanía de Galicia e se dedica á elaborar mandís deseñados, estampados e elaborados no seu estudo de serigrafía e deseño, en Mondoñedo, Lugo. Son mandís que se poden lavar a altas temperaturas e pasar o ferro sobre as estampas. Son todo terreo!
A novela ‘No día do seu enterro’ de Cristina Pato (Editorial Galaxia)
Cristina Pato debuta como novelista, na Editorial Galaxia, cunha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desinteresados, das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a socidade. Unha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia.
O disco ‘Xabón Lagarta’ de A banda de Loba
Andrea Porto, Estela Rodríguez, Inés Mirás, Marcela Porto e Xiana Lastra forman A banda da Loba. Este mes presentan ‘Xabón Lagarta’, o seu novo disco inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós.
Un lote de produtos de Galicia Calidade
Neste lote de produtos con selo de Galicia Calidade atoparás viños, crema de licor, conservas e material promocional (mandil, bolsa de tea, etc.), todo nunha caixa de madeira fabricada con pino cultivado nos montes galegos, sometido aos criterios de Xestión Forestal Sostible, amparada pola marca Pino de Galicia.
Unha cea para dúas persoas en ArteSana Gastrobar
Situado na Avenida de Ferrol, nº 9, en Santiago, ArteSana Gastrobar é un espazo para almorzar, picar e desgustar unha carta baseada na tradición e a proximidade á xente e os veciños. Se ganas este sorteo, poderás gozar dunha cea para dúas persoas preparada polo seu chef, Álvaro Pérez.