A banda da Loba presenta ‘Xabón Lagarta’: “Os lavadoiros eran eses espazos de liberdade onde as mulleres podían ser elas mesmas”
O día que fixemos esta entrevista, A banda da Loba estaba a gravar o segundo videoclip do seu novo álbum, ‘Xabón Lagarta’. Tratábase de ‘Pepa’, unha canción que conta a historia da bandoleira do século XIX Pepa a Loba, que formaba parte do seu primeiro disco e que se converteu nun himno para elas. “Regravala pasado o tempo tirando do aprendido e facer este videoclip eran, sen dúbida, causas pendentes. Porque se de algo estamos orgullosas é de espallar a súa historia por todas as cidades e vilas nas que actuamos. Porque todo o mundo coñece a Robin Hood, pero, por que será que a nosa Pepa non é tan coñecida?”.
Neste número de Pincha, aceptaron a nosa proposta de recrear para a portada unha das imaxes máis míticas de Queen. Quizais a música de A banda da Loba non chegue tan lonxe como o fixo a do famoso grupo británico, pero as súas mensaxes comprometidas co feminismo e moitas inxustizas sociais ben o merecerían.
A finais de abril publicades o disco ‘Xabón Lagarta’, por que ese título?
Andrea: Fai referencia ao traballo das lavandeiras e aos lavadoiros, que era onde as mulleres podían falar das súas preocupacións, das cousas que lles interesaban… e ser elas mesmas lonxe dos seus espazos domésticos, onde estaban os homes. Eran os seus espazos de liberdade, confidencias e insubmisión. Neste disco utilizamos ese fío condutor para falar de feminismo e de todos os temas que nos preocupan.
Este álbum incluirá doce temas. Que temáticas abordades?
Marcela: A memoria histórica, o ecoloxismo…
Andrea: E dentro do feminismo, hai un tema que aínda non tocaramos que é o emprego que se fai da linguaxe. De aí tamén o xogo de palabras de ‘lagarta’, porque moitas veces os cualificativos non son o mesmo se son en masculino ou en feminino.
‘Tribo’ foi o primeiro adianto de ‘Xabón Lagarta’, un tema que dedicades á vosa manda, a toda esa comunidade que xa vos segue, non si?
Xiana: Si, é a nosa tribo, pero tamén a tribo de todo o mundo. Todos e todas temos que ser comunidade en moitos momentos vitais como, por exemplo, con todo o que vivimos coa pandemia, ante as inxustizas sociais, etc. Falamos da importancia de ter esa manda que te soporta nos momentos difíciles e, evidentemente, tamén está dedicado á nosa propia tribo, que son as nosas familias, as nosas amizades, toda a xente que nos apoia e que vén aos concertos e que nos segue…
Sempre dicides que o voso é un son ‘caleidoscópico’ pola variedade de estilos que tocades. Será tamén así neste novo traballo?
Xiana: Si, eu creo que incluso un pouco máis acentuado, se cabe.
Andrea: Hai temas que son bastante introspectivos, pero tamén hai outros que son como súper ‘bailongos’ e alegres.
Xiana: Porque eu creo, volvendo ás temáticas, que este disco tamén fala un pouco da vida en xeral. Da necesidade en moitos momentos de que non todo sexa denso e complicado. Por iso nesta ocasión, metemos máis ese punto de humor e de que sexa algo divertido, que noutros discos.
Ademais dos temas da vosa autoría, nos vosos traballos sempre musicades a outros autores e contades con distintas colaboracións musicais. Quen estará convosco en ‘Xabón Lagarta’?
Xiana: Teremos unha colaboración dun dúo e seguiremos recollendo o legado de grandes escritores galegos e tamén de escritoras contemporáneas. Entre eles, musicamos un texto de meu pai, Xosé Lastra.
Este será xa o voso terceiro disco, máis o traballo que dedicastes a Xela Arias, desde o 2017. Sodes gañadoras do certame aRi[t]mar de música galega portuguesa no 2018, Premio Martín Códax da música na categoría indie/pop o ano pasado… Un balance moi positivo para o tempo que levades, non credes?
Estela: Si, estamos moi contentas. En moi pouco tempo tivemos moitísima acollida.
Xiana: Sobre todo porque facemos temas propios, que eu creo que é o que máis medo dá ao principio. Se fas versións, xa sabes que son cancións que funcionan, pero se partes de cero e fas cancións túas, nunca sabes como se van recibir.
Marcela: E ademais a maioría son temas nos que hai moita reflexión. Moitas veces explicámolos nos concertos e ao mellor podería facérselle á xente denso e pensar: “Estas tipas… Eu quero bailar, non quero que veñas aquí a comerme a orella!” (Risos).
Eu penso tamén que se nota unha gran evolución desde esa Banda da Loba do 2017 á Banda deste 2022. Estades de acordo?
Marcela: Si, e xusto neste disco vaise notar moito esa evolución que dis no tema de ‘Pepa’, que xa aparecía no noso primeiro traballo. Se escoitas a versión un, dáste de conta que esa era A banda da Loba un. E agora nótase o cambio. A Banda medrou moito, cambiamos instrumentos, entendémonos mellor…
Xiana: Xogamos un pouco tamén con novas sonoridades que por agora non exploraramos.
E tendes tamén xa, como comentabamos antes, unha gran manda, de todas as idades, que vos segue. Como vos sentides cando coñecen os vosos temas, os cantan…?
Estela: É moi emocionante. Sobre todo, nos coles, cando a cativada non para de pedir as cancións, ou as saben enteiras.
Xiana: E nós temos a sorte de que iso nos pasa desde o primeiro disco. Damos un concerto e hai xente que sabe as nosas cancións. Pero iso non é para nada habitual. Para as que levamos neste mundo moitos anos, cando che pasa iso por primeira vez, flipas. Parece algo como moi natural, pero eu a primeira vez que o sentín case choro.
Andrea: Hai determinados momentos nos que de súpeto tomas consciencia e dis: “Dios mío, é que isto antes non existía, inventeino eu, e agora está toda esta xente cantándoo!”. É moi brutal.
Xiana: E tamén é bonito porque, en certa maneira, fas familia. Hai moito público que nos segue a moitísimos concertos, que sempre che escribe por redes, que sempre interactúa… Con esa xente tes unha relación que parece case como da túa familia.
Supoño que teredes moitas ganas de estrear ‘Xabón Lagarta’ enriba do escenario. Cando e onde poderemos escoitalo en directo?
Xiana: En maio empezaremos cos concertos. A presentación oficial será o 16 de maio en Compostela.