CompostelaGastronomíaNovas

Unha trintena de bares e restaurantes composteláns participan na ruta Galicia en Copas

Este venres, 17 de marzo, comezará a ruta ‘Galicia en Copas’, na que participan unha trintena de bares e restaurantes composteláns ata o 31 do mesmo mes. Esta actividade enmárcase no II Encontro do Viño Galego Revera Vinum, que terá lugar no San Francisco Hotel Monumento os próximos 27 e 28 de marzo, organizado por Escenoset, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, e promovido por Hostelería Compostela.

O presidente desta asociación, Thor Rodríguez, o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, entre outros convidados, inauguraron esta mañá a ruta cun percorrido que comezou no bar La Planta e continuou en La Terraza. Javier Míguez, directivo de Hostalaría Compostela e creador do Revera Vinum, explicou que Galicia en Copas posibilitará probar máis de 200 viños galegos. “Estámolo reforzando con diversas actividades, como un menú degustación con viños galegos que presentará o restaurante O Afiador; a Bodeguilla de San Lázaro organizará un taller de cata de queixos con DOP galegos en colaboración cunha adega de Ribeira Sacra o martes 21 de marzo; e a Bodeguilla de Santa Marta ofrecerá unha cea maridaxe o xoves 23 con viños da terra de Barbanza e Iria”, apuntou.

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, sinalou que eventos como o Revera Vinum e Galicia en Copas contribúen non só a poñer en valor o viño galego, “senón a promocionalo como produto turístico”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, destacou que Santiago “é un lugar idóneo para acoller unha feira de viño galego porque somos terreo neutral, ademais de capital de Galicia”. O edil fixo fincapé en que este encontro axuda a “desestacionalizar porque faise nun momento no que aínda non estamos en temporada alta atraendo a turismo de proximidade”. “E tamén incide no ámbito da enogastronomía, no que especialmente queremos traballar desde o punto de promoción do turismo”, engadiu.

 

Sorteo de agasallos por cada 6 selos 

O obxectivo de ‘Galicia en Copas’ é reforzar a relación entre as adegas participantes e os establecementos de hostalaría, repartidos tanto polo Casco Histórico como polo Ensanche compostelán. Cada cliente dispoñerá dunha tarxeta na que poderá ir selando a visita ao local no que consuma e, cun mínimo de seis selos en seis locais diferente, entrarán no sorteo de diferentes agasallos, entre eles estancias en casas de turismo rural, experiencias en distintas adegas, e packs de viño facilitados polas cinco D.O galegas.

No Galicia en Copas participarán un total de 27 bares e restaurantes distribuídos en tres rutas (consulta as rutas aquí):

VENTOSELA > SAN JAIME > VILAR 64 > A FUEGO LENTO > CASA CHICO > PEPE PAYÁ > ALTAMIRA > AMOADO/NAVE 5 > A VIÑOTECA DO MERCADO > ROSALEDA > LA TERRAZA > LA PLANTA > O SENDEIRO > TABERNA DO ENSANCHE > A QUE VINO > ALBORADA DE VEIGA > A VAQUIÑA > O FERRO > ARTESANA > BODEGUILLA DE SANTA MARTA > BODEQUILLA DE SAN LÁZARO > CAMINANTE > O AFIADOR >MOL > PEDRA SANTA > O DEZASEIS > O CURRO DA PARRA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.