Jesús Torres, director da Biblioteca Ánxel Casal: “Pertencemos a unha tribo”
Jesús Torres (Caldas de Reis, 1980) é o director da Biblioteca Pública Pública Ánxel Casal. Da súa man coñecemos o importante papel que xoga este centro dentro da vida cultural compostelá e todas as actividades que teñen programadas.
Que espazo ocupa esta biblioteca na vida cultural compostelá?
Para min é o principal centro cultural da cidade. Os datos así o revelan: cerca de 45000 socios nunha poboación de preto de 100000 significa que unha de cada dúas persoas teñen o noso carné, ademais de máis de 1000 visitas diarias. A xente que quere consumir cultura acode á nosa biblioteca.
Cales son as actividades máis destacadas?
Nós pretendemos cubrir as necesidades de formación, información e ocio de todos os nosos usuarios. Tamén buscamos fomentar a cultura e lectura galegas. Por todo isto, todas as actividades que facemos van nese senso. A maioría están orientadas aos nenos e nenas.
Como actividades permanentes para persoas adultas coordinamos seis clubs de lectura (galego, castelán, francés, inglés, banda deseñada e feminismo). Tamén temos dous obradoiros para maiores coa fin de que lembren o que aprenderon na súa vida. Dispoñemos dunha aula de tecnoloxía para maiores, para que aprendan coñecementos básicos de informática, agora que o demandan tanto para poñerse ao día. Así mesmo, hai dous obradoiros de iniciación á filosofía, con moito éxito.
Como podemos atraer aos máis pequenos á biblioteca?
Funciona moi ben para eles e elas. Os sábados ás doce do mediodía temos unha actividade chamada “Choiva de contos”. Creo que é un hábito que xa instauraron todas as familias de Santiago antes de ir de compras ou de paseo.
A maiores, todas as datas sinaladas facemos espectáculos e actividades (Día do Libro, Día de Rosalía). Hai teatro, xogos…
Tamén cedemos espazos para calquera proposta cultural que poida ter cabida.
Na era de Internet onde se pode acceder a infinidade de contidos, que oco teñen as bibliotecas?
Moito. Hoxe en día a xente quere ter acceso aos libros desde calquera parte, non lle chega con saber que dispoñemos do exemplar aquí. Pero auguraban a morte do libro en papel e, sen embargo, non atinaron. O libro en papel segue prestándose e os índices de lectura aumentaron moito, especialmente durante o confinamento.
Nós temos unha plataforma de descarga de libros electrónicos. É un servizo que por agora non substitúe ao préstamo en papel.
Ademais, as bibliotecas tamén son un lugar de encontro, por exemplo a través dos clubs de lectura, cafés de idiomas, obradoiros…
De feito, pedíronos encarecidamente que recuperáramos a actividade presencial tras o confinamento.
Cales son os xéneros que máis triunfan?
Hai pouco sacamos unha listaxe dos libros máis prestados. Sempre encabezan as series de manga (Naruto, Dragon Ball).
O que máis triunfa é a novela, principalmente de intriga ou negra. En canto á literatura galega, destacan Berta Dávila (“Illa Decepción” e “Carrusel”) e Arantza Portabales (“A vida secreta de Úrsula Bass”).
O libro infantil e lecturas escolares tamén saen moito.
Como animarías á xente a vir máis á biblioteca?
Eu creo que é unha boa práctica. Cando chegas a unha cidade é importante achegarse a unha biblioteca porque podes obter información sobre o lugar que non coñeces, servizos…
Invito a todo o que non coñeza a nosa biblioteca a vir aquí. O edificio arquitectonicamente é unha gozada (data de 2008). Os espazos son moi confortables. Podes coñecer xente coas mesmas inquedanzas ca ti.
Gústame dicir que pertencemos a unha tribo que unha vez que a coñeces, engancha.