Souk Concept, comercio con identidade propia
Por Silvia Castiñeiras
Souk Concept é unha tenda moi particular e especial por moitos motivos. Polos seus artigos, como bolsos, roupa, calzado ou bixutería, que non seguen necesariamente as modas establecidas. Tamén polo curioso do propio local, con mobiliario orixinal e feito con materiais reciclados. E, ademais, por esas persoas que sempre están detrás dos negocios e que son as que lle dan a súa esencia e a súa identidade.
Penso precisamente que Souk Concept é un establecemento con identidade propia, produto da personalidade dos seus responsables, os irmáns María e Genocho, que lle imprimen á tenda o seu toque e a súa liberdade para crear estilos con artigos coidadosamente seleccionados e sempre deixando voar a súa creatividade.
O certo é que hai que ter moita personalidade, e quizais unha boa dose de responsabilidade coa preservación da historia do teu propio contorno, para conservar un nome que non era o que pensaras para o teu proxecto. E é que antes de ser Souk Concept, na súa localización actual na zona da Praza de Pontevedra onde leva dous anos, foi ‘Carballada’. Por que? Así o explica María: “Estivemos na cidade vella da Coruña durante 7 anos. Xa cando comezamos nese local tiñamos intención de poñerlle Souk á tenda, pero resultou ser un lugar con moita historia. Tiña un rótulo de 1942 que poñía ‘Carballada’ e, claro, entrounos remordemento á hora de querer cambiar o nome dun establecemento histórico, así que mantivémolo. Somos moi de salvagardar esas cousas. A familia estivo encantada con que nós seguiramos chamando ‘Carballada’ e conservaramos un nome tan antigo. Ata restauramos o cartel primeiro co que no seu momento abrira ese establecemento”.
Dende hai un par de anos, co cambio de local, volveron ao nome orixinal que pensaran para un soño que xa levaba un tempo sendo unha realidade. Souk Concept tamén ten unha bonita historia con conexión especial, en concreto con Marrocos, de onde proceden gran parte dos seus artigos. “Imos e traballamos moito con Marrocos, por iso Souk (zoco). Alí temos relación habitual con artesáns e despois tamén imos adquirindo aquelas pezas que nos parecen curiosas e especiais de acordo coa nosa filosofía”, explica María, que entre risos puntualiza: “Nós imos a mergullarnos, o que atopamos que nos gusta vén para a tenda, teñen cabida moitas cousas que nos chaman a atención”.
Como non vai ter identidade esta tenda! Os seus creadores afondan no seu concepto e din que queren que “teña unha personalidade propia. Non somos roupa de moda, os nosos artigos son particulares por algo, polo seu deseño, polas teas que utilizamos… Escapamos en xeral de todo produto en serie. Así que somos unha tenda moi particular que gusta polos artigos, pero tamén chama a atención pola decoración”. Neste senso teñen moi claro, e parece que o obxectivo está conseguido, que non queren ser “unha tenda convencional nin polo que vendemos nin polo local en si”, afirman.
Volvamos aos artigos cos que nos podemos deleitar neste establecemento, e de paso, ademais de deleitarnos, facer algunha adquisición destas que non se atopan en calquera parte. “Traballamos roupa, bolsos, bixutería, algo de calzado, pero sempre especial porque seleccionamos persoalmente cada artigo e facemos algunhas coleccións, principalmente africanas, étnicas”. Isto é o que nos conta María, coa que queremos profundar niso das coleccións. “O que facemos cando viaxamos é traer artigos curiosos que nos gustan, pero cos artesáns de alí tamén elaboramos coleccións concretas. Por exemplo, se vemos teas que nos gustan adaptamos a roupa ao estilo occidental”, relata.
Unhas coleccións que xorden ás veces como se fora un frechazo porque di a súa responsable que son “moi froito da improvisación, disto que ves unha cousa e dependendo do que vexamos ocórresenos que facer con ese material no momento”.
Ademais, tamén contan con produtos artesanais de aquí. Iso si, sempre con esa premisa intacta, que sexa algo con carácter artesán.
Souk Concept é deses comercios que fan cidade, o comercio local. Reflexiona María: “O que fan as grandes cadeas é de valorar, pero hai tendas que van ser as mesmas aquí que en calquera outra cidade e nós queremos aportar algo propio que poidas atopar só aquí. Esa é a nosa esencia. Somos comercio pequeno e cremos moi importante que non se perda o comercio tradicional”. Así, prosigue, “pretendemos conservar esa esencia que tiña o comercio de antes, o comercio propio da cidade, diferente, que só nos poidas descubrir aquí, como parte deste sitio”.
A súa clientela non se define por rangos de idade nin ningún dos típicos perfís de público. Simplemente, aseguran dende Souk Concept, “a clientela vén porque o seu estilo é afín ao noso, xente que busca algo diferente e especial con respecto a outra oferta”.
O comercio con identidade ten ese aquel diferente, que se deixa notar ata na decoración do establecemento, por exemplo cos colgadoiros feitos con portas e mesas vellas ou sombreiros de palla a modo de lámpadas.
E na porta do seu local actual, porque como eles din son moito de “respectar e conservar”, deixaron un letreiro curioso, aínda que case non se aprecia, que pon ‘La flor de Galicia’, algún negocio que estivo alí noutros tempos. Comercio local e historia da Coruña.