fbpx
A CoruñaA-6Cultura

Alba Cuesta: “Cinematograficamente falando, as localizacións que hai en Galicia non as hai en ningures”

Por Ana Romero

Alba Cuesta Obregón ten 43 anos, está divorciada e ten unha filla de 14. Gozadora, viaxeira e amante do mar e da natureza. Nunca se considerou unha boa estudante, ata que atopou o que realmente lle apaixonaba, o cine. Dentro deste mundo foi quen de adaptarse a novas etapas e formarse en diferentes ámbitos ata chegar ao que é hoxe, estilista publicitaria.

Cando se trasladou a Madrid, fíxoo convencida de que quería ser directora de cine despois de ver dúas películas que a namoraron da profesión, ‘Tesis’ e ‘Martín (Hache)’, e querendo tamén encargarse de crear proxectos dese nivel.

Para iso estudou Guión e Montaxe na Coruña e posteriormente completouno con estudos de especialización en Cámara e Iluminación en Madrid.

Como foron os teus inicios no mundo do cine? Por que e como chegaches a dedicarte a isto?

En Coruña estudei nas Calasancias e no Femenino, pero o que tiña claro era que non quería facer carreira, xa que non era moi boa estudante, pero vin o meu futuro no cine despois de ver ‘Tesis’ e ‘Martín (Hache)’. Quería facer películas dese estilo. Na casa non lles acabou encantando a idea xa que sabían que estudar non era cousa miña, pero cando viron que empezaba a sacar moi boas notas, as cousas cambiaron. Entenderon que me interesaba moito e mandáronme a Madrid para seguir estudando nunha escola especializada. Tiña unha condición: se fallaba a primeira avaliación, volvería a casa.

Todo cambiou cando, despois de rodar co figurinista Pepe Reyes, din o salto ao vestiario. El ensinoume todo o que sei. Non era novo para min porque o deseño sempre estivo presente na miña familia. A el dedícanse os meus dous irmáns. Foi Pepe quen me dixo que aprendera traballando, así que uns meses despois chamoume para un proxecto e ata hoxe. Empecei na televisión, en programas como ‘Factor X’ ou ‘Supermodelo’, pero despois pasei ao cine e, hoxe en día, só fago publicidade. En cine tiven a sorte de facer dúas películas en Galicia, ‘Blockbuster’ e mais ‘Migas de pan’. Con ‘Migas de pan’ teño precisamente unha boa anécdota. A súa protagonista, Cecilia Roth, saía na película que che dixen antes de ‘Martín (Hache)’. Eu sabíame todos os seus diálogos, era moi fan dela e do seu exmarido, Fito Páez. O último día da rodaxe atrevinme a dicirlle o moito que me gustaban os dous e estivemos ‘cotilleando’ deles mentres tomabamos uns viños (risas).

E como acabaches sendo tamén ‘influencer’, sendo ti a imaxe das campañas?

Sempre me gustaron os blogs de moda, xa os consumía, e cando naceu a miña filla -xa que a loxística de horarios, viaxes, e a situación económica de estar fóra da casa se complicaba un pouco, xunto co meu compañeiro de entón- decidín parar. Pasei os tres primeiros anos da vida da miña filla coidando dela e subindo contido ao meu blog, “Descalza por el parque”.

Fai dous anos cambiei o nome polo meu, Alba Cuesta Obregón, porque sentín que o que comezara como unha afección estábase a converter nunha obriga, nunha escravitude. Unha cousa é subir os meus looks ou os da miña filla ou mesmo os dous porque me gustan, e outra é estar pendentes dos horarios, do contido, da coherencia... Agora publico cando realmente me apetece, e non o entendo como unha profesión.

Pásase moito tempo entre bastidores, con todo o bo ou o malo que iso pode implicar. Pola túa profesión acabaches creando amizades con persoas moi relevantes no noso país como Ana Milán...

A nosa amizade xurdiu dun xeito moi natural. Ao principio ata tiven medo dela durante a primeira tempada da súa serie ‘By Ana Milan’, pero despois creamos unha amizade durante a segunda tempada. Uníronnos moitas experiencias semellantes e iso, queirades ou non, estreita lazos. Pero teño que recoñecer que, salvo un par de publicacións que puiden facer con ela, prefiro que non traballemos xuntas para evitar confusións ou dúbidas sobre a miña profesionalidade.

Como ves o teu futuro? Que máis che gustaría facer?

Encantaríame dirixir de novo. Cando retomei a miña carreira profesional despois do breve descanso da maternidade e da creación do blog, conseguín financiamento para dirixir unha curtametraxe chamada ‘Amigas’. Ademais, tamén presentei un proxecto dunha longametraxe que se puxo en espera por motivos persoais.

A nivel persoal, vexo o meu futuro preto do mar, xubilándome nova e feliz (risas).

A televisión e o cine sempre nos parecen idílicos, pero cal é o mellor e o peor da túa carreira?

O meu traballo é moi divertido, é imposible aburrirse disto. Coñeces lugares que non son accesibles para a xente común, porque son especiais ou orixinais. É un privilexio traballar facendo o que che gusta, e sempre coñeces moita xente nova. O peor é non ter rutinas, sobre todo a estas idades, cos nenos, e a inseguridade que che xera. Cando es un pouco maior buscas estabilidade ou fas plans a longo prazo e iso, na miña profesión, é bastante complicado.

Antes mencionaches a túa xubilación preto do mar, quizais Galicia, Coruña...?

Dentro duns anos. Agora a miña filla aínda require do meu tempo, polo que de momento teño que quedarme en Madrid, pero volverei, estou totalmente segura. Ademais, o panorama laboral cambiou moito dende que comecei. Antes había moi pouca produción alí e, porén, Galicia é unha das comunidades nas que máis se traballa agora mesmo. Os lugares que temos alí non se atopan tan facilmente. Temos produtoras galegas que non teñen nada que envexar ás de Madrid, oxalá puidese facer máis publicidades alí! (Sorrí) .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.