#apaparA CoruñaGastronomíaPatricia Dopazo

Fideuá con ostra de galo celta en La Teresa

@JuanEAT_o, comendo en La Teresa.Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o, comendo en La Teresa. Foto: Iván Barreiro

DATOS

Lugar:

Capitán Troncoso, 12– A Coruña

Prato:

‘Fideuá con ostra de Galo Celta,
cogomelos e allonesa de verza eco

Prezo:

30 € (para compartir)

Valoración

********

Nesta aventura gastronómica pola Coruña, un punto de partida que dá moito xogo é a praza de María Pita. Percorrendo as rúas que chegan a ela, podemos gozar dunha ampla variedade de ofertas gastronómicas e nunha destas rúas, no número 12 da Capitán Troncoso, destaca o restaurante La Teresa, un pequeno e reformado local no que a apostan por produtos locais e de proximidade.

Na miña visita puiden probar unha ‘Fideuá de ostra de Galo Celta, cogomelos e allonesa de verza eco’, un prato cunha colorida presentación que fai que entre polos ollos antes de dar o primeiro bocado.

A allonesa ten un sabor suave, penso que afeita para todos os padais; e o shitake -que foi o cogomelo escollido nesta ocasión pola temporada na que estamos- xa coñecido pola súa carnosidade e sabor, estaba ben rico (Por certo, Andrea, o cociñeiro, comentoume que noutras épocas poderemos probar esta fideuá con outros cogomelos, como a ‘Cantarela’ ou a ‘Lingua de vaca’).

Pero a estrela desta proposta de La Teresa é, sen dúbida, a ostra de Galo Celta. E, non, non estamos falando dun molusco. A ostra é unha parte do galo, que hai anos se descartaba, pero que agora se descubriu a súa exquisitez. É unha peza de carne única, situada pola zona da coxa desta ave, de sabor intenso e textura suave e substanciosa, que mercan do proxecto ecolóxico que lidera David Sueiro. Unha delicia!

En definitiva, esta proposta de La Teresa é perfecta para compartir entre dúas persoas ou máis, aínda que eu non me puiden resistir e papeina eu soíño toda toda!

La Teresa,

temporalidade, proximidade e sentirse como na casa

Por Patricia Dopazo de Gente que cuenta

O cociñeiro Andrea Fantini e o propietario Diego Lis de La Teresa. Foto: Iván Barreiro
O cociñeiro Andrea Fantini e o propietario Diego Lis de La Teresa. Foto: Iván Barreiro

Foi a miña bisavoa, Luisa, quen me ensinou a valorar a cociña, a gastronomía e a vida. Todos os meus recordos dela están cheos de amor e cariño especial. Débolle boa parte do que son. Cociñaba coma un anxo, o que é agora e acompáñame a onde vou.

Nunca máis comín nada que se parecera ao que ela facía coas súas mans aderezadas con anos de traballo e experiencias. Na pequena cociña, do que era o noso restaurante familiar, intentaba ensinarlle a unha bisneta inqueda que estaba máis pendente de idear a trasnada que despois faría cos seus amigos que de escoitala.

Lembro que ela me dixo unha vez cando me neguei a pelar unhas cebolas coa escusa que non sabía e que non era cociñeira: “non nacemos aprendidos, tes que ter paciencia e poñer moito corazón no que fagas. Con cariño e tempo todo é posible”. Así aprendín a non ter medo, a buscar sempre o si.

A miña bisavoa ensinoume que cociñar, como calquera cousa que emprendas,  require esforzo pero tamén, corazón. Unha perspectiva diferente da vida, baseada no amor que inxectas no que estas a realizar. Todo o que fago no meu día a día vai con toda a miña esencia persoal. Non podería facelo doutro xeito e co seu recordo no corazón.

Fun varias veces a gozar da gastronomía e do espazo que ofrece La Teresa. Cando un sitio transmite, séntese e non se esquece. Non podo recomendar algo no que non creo, nin escribir sobre algo que non estea relacionado cos meus principios. La Teresa é algo máis que un recuncho gastronómico entre os moitos establecementos que ten a Coruña. Convídote a descubrilo a través desta entrevista a Diego Lis, propietario, e anímote a que probes a súa gastronomía pasando un momento agradable que culminará, case seguro,  cun sorriso agradable no teu rostro.

Por que La Teresa?

O local era da miña avoa. Despois de estar en mans doutras persoas durante bastante tempo quedou baleiro. Foi entón, no 2015, cando o meu irmán pequeno, Roi, e mais eu decidimos poñer en marcha este proxecto e chamalo La Teresa en homenaxe a ela. Morreu en xaneiro con 101 anos e ata mediados de decembro era habitual vela por aquí comendo.

Que vos caracteriza?

Antes ofertabamos hamburguesas, nachos, fingers de polo... pero fai cinco anos entrou a traballar connosco Andrea Fantini e foi unha grande sorte atopalo. El cambiouno todo. Grazas á súa experiencia, empezou a crear novos pratos.

Hoxe somos un pequeno local con cociña local e de tempada. Somos cinco traballadores no equipo e temos capacidade para 30 comensais. Intentamos facer as cousas ben con produtos de calidade e unha cociña boa, deliciosa e saudable. Non temos frixideira nin microondas. Todo está feito a lume, forno e leña con produtos locais.

Cremos nunha cociña dinámica que evoluciona e é a liña que queremos seguir. Temporalidade e proximidade. E tamén familiaridade e honestidade. Intentamos que a clientela sinta que está como na súa casa.

Como é a vosa carta?

É unha carta pequena, pensada para compartir. Pensamos que pouco e bo é mellor que dar moitas alternativas. O que non pode faltar nela é o peixe que intentamos conseguir da lonxa da Coruña ou da zona da Costa da Morte. Tamén carne de matadoiros próximos e, se pode ser ecolóxica, mellor. O mesmo con verduras e froitas.

O noso horario é de xoves a domingo. Máis ou menos coñecemos o número de comensais que imos ter en función de premisas como o tempo, os eventos... Así compramos e preparamos sen excedentes.

Como é a vosa carta de viños?

Temos viños comerciais porque este lugar está moi ligado a Estrella Galicia. Ofrecemos cervexa e moitos dos viños que reparte a empresa forman parte da nosa carta. Tamén temos pequenas adegas e apostamos por proxectos interesantes.

Fálanos un pouco do concepto de cociña aberta...

Ten dous sentidos, pero ao final, a cociña ve o que pasa na sala e á hora de traballar é interesante saber como vai cada mesa. Isto axúdanos e non nos preocupa que a xente vexa o que está a pasar. Somos bastante transparentes, creo que mantemos uns estándares de calidade interesantes onde intentamos que a limpeza sexa imprescindible.

Cal é a vosa preparación favorita?

Difícil, temos pratos que levan uns anos con nós e que o público nos impide quitar. A ‘Ensalada de raia en escabeche’ e a ‘Flor de alcachofa carbonara’ son dúas delas.

Onde vos gustaría estar  en cinco anos?

Aquí levamos nove e pasamos por diferentes etapas. En abril do ano pasado demos un cambio ao local. Levamos a cabo unha reforma importante, ampliando a cociña e modificamos a sala. Espero seguir medrando e lograr o recoñecemento na cidade.

Fideuá con ostra de galo celta de La Teresa. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.