GaliciaGastronomíaNovas

‘GALICIA SABE AMAR’ despide o 2023 promovendo os peixes, mariscos e conservas da nosa terra

A campaña GALICIA SABE AMAR da Consellería do Mar chega á recta final deste ano 2023 buscando levar os peixes, mariscos e conservas aos fogares por ser unha fonte fundamental de saúde e de calidade de vida, especialmente nesta época.

Co obxectivo de promocionar os mellores sabores dos produtos do noso mar, esta campaña superou xa os 400 municipios recorridos por toda Galicia e boa parte de España, conquistando o padal de máis de 400.000 persoas que se achegaron ás súas foodtrucks. A Xunta de Galicia busca así poñer en valor os produtos pesqueiros e o traballo dos profesionais do mar pois, co seu esforzo, contribúen á garantir unha alimentación fundamental para a saúde e a mellorar a calidade de vida das persoas consumidoras.

Os mercados vinculados coas festas do Nadal, torneos e carreiras pasaron a ser os protagonistas nestas datas. Desde Xinzo de Limia, onde se celebrou o campionato provincial federado de campo a través Cross Antioquía, ao partido de Copa do Rei do C. D. Lugo co C. D. Mirandés celebrado no estadio Anxo Carro da cidade da Muralla, onde gañaron os lucenses para pasar a enfrontarse no Día de Reis, o 6 de xaneiro, ao Atlético de Madrid. Outras citas deportivas e relacionadas co Nadal levaron ás foodtrucks a Celanova, Tui, Campo Lameiro, Boimorto, O Barqueiro, Ferrol ou Pontedeume.

Tamén foron destinos de GALICIA SABE AMAR as festas de Nadal de Lalín e a carreira Sin-Son 10 K de Porto do Son, onde os atletas correron ataviados con gorros e outras prendas propias desta época. As chamadas gastronetas tamén pasaron por Mesía (A Coruña), Mos (Pontevedra), Xove (Lugo) ou Marín (Pontevedra), e xusto antes do día 25 de decembro faranno por acontecementos deportivos como a VIII Run Foz Run Nadal (Lugo), o Trofeo de Nadal Atletismo Barbanza en A Pobra do Caramiñal (A Coruña) e a XII Carreira e Andaina Popular do Nadal de A Rúa (Ourense).

A todos estes destinos súmanse a I Marcha Interxeneracional San Silvestre de Ribadeo, o I Torneo Solidario de Fútbol sala do Concello de Touro, o Callo Fest de San Ciprián (Cervo), o mercado de Nadal de Muimenta (Lugo) e tamén as probas deportivas de San Silvestre de Muros, Fene e Castrelo de Miño, xunto coa XVIII Carreira de Fin de Ano 10 kms de Ares.

Dieta atlántica

Outro dos obxectivos desta campaña é promover as propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros, que forman parte da dieta atlántica e son inónimo dun modo de vida equilibrado e saudable, o que contribúe á lonxevidade da cidadanía. De feito, Galicia ostenta o segundo posto en poboación con maior esperanza de vida de España.

Os peixes, mariscos e conservas da nosa terra son fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio… Teñen importantes valores nutricionais e unha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.

Por estes motivos, a Xunta de Galicia seguirá a promover o seu consumo entre todos os galegos e galegas, e tamén fóra da comunidade. Neste senso, aumentarán a presenza das empresas do sector en feiras e salóns alimentarios e poñerán en marcha campañas específicas de produto, tanto do sector como da Administración, nas que se promocionarán recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros moitos.

Impulso ao sector

Desde o punto de vista do emprego e da economía, a Xunta de Galicia pretende con estas campañas mellorar os ingresos dos profesionais do mar e facer a profesión atractiva para as novas xeracións. A finalidade é que a xente nova vexa que o sector marítimo-pesqueiro é unha boa opción profesional e que a comunidade manteña o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.

Ademais, estas campañas inciden en que consumir este tipo de alimentos é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, ao contribuír a mellorar a saúde e aforrar en gasto sanitario ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a economía, especialmente a local.

E é que non podemos esquecer que este sector conta en Galicia cun gran peso, posto que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria. De feito, as exportacións galegas de produtos do mar superaron o ano pasado os 2.700 millóns de euros, a cifra máis alta na historia.

Nas máis de 60 lonxas galegas atopamos unha gran variedade peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos cos que poder cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana. Trátase de produtos de calidade, respectuosos coa súa contorna e, á súa vez, xeradores dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.