fbpx
CulturaO consello de Lenzo

Historia de como decepcionar un cliente

Cata e Uxía de Lenzo Estudio
Cata e Uxía de Lenzo Estudio

Comentas cun amigo que levas tempo atopándote mal e non sabes a quen acudir. Recoméndanche unha nutricionista que lles cambiou a vida, polo que buscas na internet a súa web. Non di moito, pero decides axendar unha cita. Chegas alí, recíbente cun sorriso, o local está moi coidado cun ambiente acolledor e profesional. Pasas a consulta e danche un servizo excelente, implicándose contigo e excedendo empatía e profesionalidade. Ao saír, tes unha sensación fantástica de ter escollido un servizo de calidade que encaixa contigo, pero… cando te envían o plan de receitas acordado, a cousa cambia.

Chégache un documento Word que non segue ningunha estrutura coherente, con fotos borrosas, cores estridentes que non che permiten ler ben, unha redacción desordenada e difícil de comprender… non te podes crer que estea feito pola mesma persoa.

Probablemente esta profesional non sexa consciente da importancia que ten este “pequeno” detalle e fágao así porque non ten os coñecementos técnicos para presentalo de maneira adecuada, pero… sáibao ou non, estalle a restar profesionalidade e fai desmerecer o seu gran traballo.

E que hoxe en día, nun negocio todo comunica, para ben ou para mal. Cando creamos un proxecto dedicámoslle horas e horas de traballo a que todo sexa perfecto, co obxectivo de que nos escollan no canto da competencia. Tentamos ser os mellores na nosa especialidade, pero en moitas ocasións o traballo do día a día vainos absorbendo, facéndonos esquecer deses detalles que poden desprestixiar todo o noso esforzo nun intre.

Cantas veces fuches a un restaurante cunha comida deliciosa pero cun servizo descoidado (limpeza, atención, carta confusa, demoras, ruído, etc.), e non che quedaron ganas de volver? A experiencia que ten o un cliente no teu negocio vai de principio a fin, dende que entra ata que sae ou recibe o resultado, e comunicarte con eles de forma correcta durante todo o proceso é esencial para conseguir fidelizalo.

Para iso debes ter claro quen es e a quen queres chegar, e a partir de aí debes definir unha identidade de marca e estratexia de comunicación que se reflicta en tódalas áreas do teu negocio. Todo comeza cun traballo de introspección que analice o que estamos a facer ben e o que se pode mellorar.

Sabemos que non é tarefa doada, pero… estamos aquí para axudarche, e aos poucos, irémoste dando pequenas claves que aplicar en cada área do teu negocio. Comezamos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.