fbpx
A CoruñaCompostelaCulturaGaliciaMúsica

A Asociación de Medios en Galego celebrará o seu día cun concerto de Fillas de Cassandra e De Ninghures

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade á que pertence Pincha para celebrar o Día dos Medios en Galego; que se conmemora o 7 de febreiro, data que coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.

Nesta nova edición, AMEGA presenta un programa composto por varias actividades e celebracións relacionadas coa nosa lingua, que inclúen un concerto de Fillas de Cassandra e De Ninghures o vindeiro xoves 22 de febreiro na Sala Inn Club da Coruña a partir das 21h.

Por outro lado, asociación organiza ao longo do mes de febreiro un conxunto de roteiros xornalísticos por varias vilas do país. Neles visitaranse lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados por expertos na temática e amenizado por bandas musicais. Os roteiros comezaron o pasado día 3 na Estrada, e continuarán en Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal (17 de febreiro), e A Coruña (24 de febreiro).

Ademais, presentarase unha guía didáctica para que o profesorado galego poida incluír contidos relacionados co pasado e o presente dos medios en galego, que leva por título “Coñecendo os medios en galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.