fbpx
A CoruñaCultura

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso celebra a súa segunda edición na Coruña

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso desenvolverá a súa segunda edición os días 29 de febreiro e 1 e 2 de marzo, ampliando a súa duración de dous a tres días, ademais de contar cunha programación paralela que xa está en marcha nos centros educativos da cidade. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou no Teatro Colón a programación dun festival que organiza o Concello da Coruña xunto á Asociación Palestra e diferentes entidades colaboradoras (Fundación 26D, Les Coruña, Comité Anti SIDA da Coruña CASCO e CoruFest).

Nesta segunda edición haberá tres xornadas, con cinco sesións e un novo encontro con algúns dos artistas e cineastas participantes. A sede de Norte Cinema Diverso será o Teatro Colón co obxectivo de ampliar tamén o número de asistentes as diferentes proxeccións e actividades e facer medrar esta iniciativa. Ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes no acto de presentación Fito Ferreiro, organizador do festival, e Samira Ganay, da Academia Galega do Audiovisual, que presidirá o xurado do premio Marieta á mellor curtametraxe.

O obxectivo do festival é amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+ a través do cinema. “O Goberno de Inés Rey amosou sempre un especial compromiso co colectivo, apoiando diferentes iniciativas como esta, a disposición de toda a cidadanía, independentemente da idade e o xénero”, indicou Gonzalo Castro.

O xoves 29 de febreiro inaugurarase a partir das 21.00 horas o festival, nun acto presentado pola directora Anxos Fazáns. Proxectarase a curtametraxe documental ‘Habitar’, da propia realizadora, e a película ‘Lobo e cao’, de Cláudia Varejao. O venres 1 de marzo a xornada comezará ás 19.00 horas e o sábado 2 de marzo, ás 12.00 horas, cunha sesión gratuíta na que se proxectarán nove curtametraxes. Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a mesa con realizadores e actores das obras do certame e, ás 21.00 horas, proxectarase ‘Te estoy amando locamente’, de Alejandro Marín. En total, poderanse ver 16 pezas audiovisuais e asistir a un encontro con profesionais. As entradas pódense adquirir na páxina web e na taquilla do Teatro Colón.

Unha das novidades desta edición será a súa programación paralela, formada polos programas NCD Educa e Creando Diversidade. NCD Educa é unha iniciativa para achegar o cinema LGTBIQ+ ás aulas da cidade e xerar un debate entre a comunidade educativa. Membros das entidades colaboradoras participan neste proxecto, que xa se desenvolveu nos centros Eusebio da Guarda, Urbano Lugrís e Monte das Moas, e pasará tamén por Zalaeta e A Sardiñeira. As curtametraxes que se proxectan nas aulas foron cedidas pola Fundación Pedro Zerolo.

Creando diversidade

Por outra banda, o festival contará tamén co obradoiro ‘Creando diversidade: introdución ao cine con móbil’. O curso, impartido polo cineasta Domingo D. Docampo desde o 12 de febreiro no Centro Cívico da Cidade Vella, está destinado ás persoas interesadas en sacarlle todo o partido ao seu teléfono móbil mediante a creación audiovisual.

Creando diversidade impartirase os luns, mércores e venres desde o 12 de febreiro ata o 23 de febreiro. O sábado 24, realizarase unha masterclass tamén no Centro Cívico da Cidade Vella. As prazas serán para as primeiras 15 persoas que se inscriban, de balde, no enderezo de correo: nortecinemadiverso@gmail.com. A curtametraxe resultante do curso proxectarase o sábado 2 de marzo ás 21.00 horas no Teatro Colón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.