fbpx
CulturaGaliciaNovas

Os Premios Artesanía de Galicia 2023 recoñecen o labor de Francisco Millán polo seu mobiliario con madeira de batea

Artesanía de Galicia vén de celebrar a undécima gala de entrega dos seus premios, uns galardóns que neste ano 2023 recoñeceron o traballo de Francisco Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood, pola súa peza ‘Noray’. Foron finalistas Ezequiel Franchi Gil, do obradoiro Raíces Nómadas pola peza ‘Nasa’, e  Dolores García Romanelli, do obradoiro Logaro, por ‘Orixe’. Ademais, Alberto Añón, do obradoiro Alberto Lista, levou o Premio Bolsa Eloy Gesto; e Agapito González, o Premio Traxectoria. Agapito faleceu apenas uns días despois da decisión do xurado, e o premio recolleuno súa muller no seu nome.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, quen destacou a relevancia do sector artesanal galego como garante da cultura e a tradición e como xerador de emprego e de riqueza. Alfonso Rueda lembrou os últimos Premios Nacionais de Artesanía que tiveron “tanta presencia e tanto sabor galego”, nos que Galicia foi distinguida en tres das cinco categorías, “o que quere dicir que aquí as cousas se están facendo realmente ben”.

Ademais, o titular do goberno galego quixo salientar especialmente o proxecto Aprender da Tradición, un plan de formación empezado este ano da man da Fundación Artesanía de Galicia que busca impulsar a substitución xeracional nos oficios tradicionais do noso sector artesanal. Está orientado tanto a profesionais deste ámbito como a novos talentos emerxentes que desexan seguir profundando.

Para rematar o seu discurso, Rueda encomiou o labor de todos os profesionais do sector artesanal galego, e púxoos como exemplo de que confiar no produto autóctono é confiar no traballo de calidade, porque “se é feito en Galicia, é ben feito”.

Os Premios Artesanía de Galicia levan desde o ano 2008 contribuíndo a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar o relevo xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.