fbpx
666rpmCompostelaCultura

LOU REYES: O Rei do Rock & Roll compostelán

Por César Varela de Plástico Elástico 

Corren malos tempos no mundo do Rock & Roll! Maldita racha levamos ultimamente! Aínda arrecenden os cadáveres de dous grandes clasicazos, que nos deixaron hai poucos días, o do mestre Robert Gordon e o de Jerry Lee Lewis. Dende logo, dúas grandes perdas para os amantes do mundo do tupé. Pero en fin, a vida continúa e sempre nos quedarán as súas maxistrais composicións, que xa forman parte do firmamento do Rock & Roll.

Por sorte, aínda nos quedan moitos clásicos dos que desfrutar, como é o caso do noso personaxe de hoxe, o Sr. Marcos Aurelio Tellería Couso, máis coñecido polo seu nome artístico ‘Lou Reyes’. De profesión Rocker! E usa o mesmo Modus Operandi que Robert e Jerry. Natural de Vitoria (Álava), pero picheleiro de toda a vida, xa que dende moi noviño os seus pais trasladárono a Compostela, de onde é natural a súa nai e familia materna.

Os seus primeiros pasos con bandas comezan na súa adolescencia, nos anos 70, e toman as súas primeiras formas nos 80, cando xa empeza a escribir as súas primeiras composicións, non só para el, senón tamén para bandas como Estados Hundidos (banda que formaron membros dos mitiquísimos N.H.U.).

A primeira vez que o vin sobre un escenario, foi a principios dos 90, na mítica Discoteca Fontana, acompañado duns moi noviños Clan Moriarty, que esa noite facían o seu concerto debut, e dende aí, non lle perdín a pista. Primeiro como Lou Compostela & Los Astros, logo xa como Lou Reyes & Los Astros, Lou Reyes & The Wild Bunch, Los Horizontes, Los Cuatro Ases e actualmente coma Lou Reyes & Los Rockin’ Corsarios, o Gran Marquiños sempre estivo aí, dándoo todo! Dende logo, e desde o meu humilde criterio musical, se alguén se merece realmente o título de “Rey do Rock & Roll Compostelán”, sen dúbida, é el. Viva Lou Reyes!

‘Guitarras y Barras’ (1989), ‘Gamberro’ (1991), ‘Lou Reyes & The Wild Bunch’ (1999), ‘Ahí Voy’ (2003), ‘Los Cuatro Ases’ (2006), ‘Mujeres y Motores’ (2010), ‘Qué Tal’ (2014) e ‘Viva Lou Reyes’ (2021) son algúns dos traballos que forman parte da súa discografía.

En decembro de 2021 presenta o seu último disco ‘Viva Lou Reyes’, un recopilatorio que inclúe 12 disparos de Rock & Roll, que compuxo nos últimos años. Algúns incluídos noutros discos, outros publicados en internet e varias composicións inéditas, nove delas propias e tres covers, adaptados polo propio Lou Reyes. Todo o disco está producido por el mesmo e gravado con distintas formacións, ademais dalgunhas colaboracións de prestixio (Tennesse, Jeff Espinosa, as coristas de Bertín Osborne, Esteban Yáñez R.I.P. e Alfonso Espiño). Entre os músicos de plantilla podemos atopar dende Steve Jordan (batería de Los Secretos ou Enrique Urquijo), Dave Gwynn, Hec Oliveira e os seus compañeiros de miles de aventuras: Los Rockin’ Corsarios (Héctor Rivero-Tellería, Germán Prieto e Fran Facal). Para min, o disco definitivo de Lou Reyes! Un disco redondo dende o primeiro ata o último corte.

Pero a cabeza non para, e Marcos xa está pensando en gravar de novo, xa que ten material suficiente para varios discos. Tempo ó tempo.

Estamos no mes de Nadal e toca facer agasallos, así que, se estás buscando algo que pague realmente a pena, non dubides en facerte con este artefacto sonoro e serás a envexa de tódolos Txungabillys do teu barrio. Onde? Pois a través do seu sitio web (loureyes.com), onde tamén podes escoitar o disco ao completo e incluso contratalo para calquera tipo de evento Rockabillesco.

Desfrutade das Festas de Nadal e non esquecer que… “Ya viene Lou Reyes, con el aguinaldo…”. Saúde e Rock & Roll!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.