#apaparCompostelaGastronomía

Croque-Monsieur no caféLaMorena

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, observando o Croque-Monsieur que estaba a piques de papar. Foto: Iván Barreiro

Na miña visita ao caféLaMorena puiden probar o seu ‘Croque-Monsieur’, un dos pratos máis típicos da cociña francesa que vale tanto como aperitivo, como de merenda ou para unha cea sinxela. Existen varias variantes deste sándwich. A que nos ofrecen neste local compostelán leva xamón cocido, queixo gruyere e bechamel.

O primeiro que observei cando mo deixaron na mesa foi o seu tamaño. Só con iso, xa quedei convencido! (ha, ha, ha!). As rebandas de pan son potentes. Diría que duns 6 ou 7 centímetros de grosor (a ollo, claro!). Tal e como me contaron os responsables do local, o prato non se prepara na prancha, senón no forno. Así a codia está crocante, mentres que a miga mantense esponxosa como dunha torrada ben feita, o que lle dá unha textura moi rica e suave. Tamén axuda que a bechamel enchoupe o pan, conseguindo potenciar moito o sabor.

Despois de tomar esta delicia, a miña recomendación é que non te conformes co sándwich mixto de toda a vida. Se queres algo diferente e moi rico, tes que vir probar o ‘Croque-Monsieur’ do caféLaMorena.

Deste local gustaríame destacar tamén a atención do equipo que teñen. Todos sabemos que un mal servizo pode estragar calquera comida, así que se agradece que te atendan bos profesionais. Especialmente quero facer unha mención a Mundo, o barista que me deleitou cun café exquisito e moi ben decorado. Mil grazas! Volverei! 😉

DATOS

Lugar: San Clemente, 6 - Santiago de Compostela

Prato: ‘Croque-Monsieur’

Prezo: 9 € 

Foto: Iván Barreiro

Parte do equipo do caféLaMorena. Foto: Iván Barreiro

Esperanza Prado: “En caféLaMorena damos almorzos, comidas, merendas, ceas... temos unha oferta moi variada”

Esperanza Prado e as súas fillas Esperanza e Marina López Prado están á fronte do caféLaMorena. O proxecto naceu en agosto do 2021, collendo o relevo doutros restaurantes que viñan ocupando o mesmo local de San Clemente desde hai moitos anos e que rexentaban outros membros desta familia. Arrancaron en plena pandemia e case un ano e medio despois, continúan traballando arreo para sacar adiante un negocio familiar que queren que sexa dinámico, acolledor e que namore tanto a turistas como á veciñanza compostelá.

De onde vén o nome de La Morena?

Marina, a miña filla pequena, tiña unha broma co seu pai pola que sempre respondían con “La Morena”. “Onde compraches esa empanada?”. “En La Morena”. “Quen pasou o ferro a esta camisa?”. “La Morena”. “La Morena” era ese lugar onde podes atopar calquera cousa. Cando montamos este local, nós queriamos facer algo así, dinámico, acolledor, que abarcara moitas horas do día... e decidimos chamarlle caféLaMorena. Damos almorzos, comidas, merendas, ceas… Temos unha oferta moi variada.

Que lle recomendarías a quen vos visite por vez primeira?

Depende de gustos. Nós temos moitos pratos para compartir, que é algo que a xente demanda moito. O que máis nos caracteriza é que temos un produto moi bo. Un leite fresco estupendo, un café cen por cen arábica, pans moi ricos... E elaboramos case todo nós mesmos: as salsas, as tortas, os croissants... Todos os días ás 7.30 horas empeza a traballar a nosa cociñeira, Marga, a facer todo.

Tamén funcionan moi ben os brunchs, sobre todo na fin de semana cando á xente lle apetece levantarse tarde.

E estamos traballando moito tamén no tema cócteles. Esperamos ter pronto unha carta específica.

Inaugurastes o negocio en plena pandemia e agora estades sufrindo as grandes subidas nos prezos das materias primas e nos subministros como a electricidade. Como o estades vivindo?

Nós levabamos co proxecto desde o 2019, pillounos a pandemia e abrimos máis tarde do previsto. Foi unha historia de dificultades. Despois comezou a guerra e todas as subida nos prezos, que fan que xente saia menos... É complicado. Pero o noso modelo de negocio vaise adaptando á demanda do cliente. Movemos moito a carta. Os pratos que teñen mais aceptación permanecen  e os que son máis para turistas eliminámolos no inverno. Son tempos difíciles e non podemos desprezar ao turismo, pero en realidade o noso público obxectivo é a xente de Santiago.

Tamén apostades polas actividades culturais... 

Si, interésanos moito mesturar cultura e gastronomía. Por exemplo, este verán organizamos algunhas actuacións na praza de San Clemente. Todas a propostas que poidamos asumir economicamente sempre son benvidas.

O ‘Superbrunch’, para dúas persoas, inclúe: zume de laranxa ou mimosa Bellini, ensalada de froitas, torradas de pan de fogaza tradicional, tomates cherry, xamón ibérico, aguacate, queixo do Cebreiro, ovos campeiros, bowl de iogur con granola caseira, manteiga e marmelada caseira de froitos vermellos, crema de abelás, croissants de manteiga acabados de enfornar, café ou té e, a elixir, pancakes de crema de abelás e plátano ou unha das súas tortas caseiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.