fbpx
CulturaEntre MúsicasGalicia

Monoulious DOP presentan o seu novo ‘Disco Disko’: “Somos un poquito canallitas”

Por Xiana Lastra

Foto: Christian Pérez

Non podemos falar de grandes dúos musicais como Pimpinela, Andy e Lucas, Azúcar Moreno,  Estopa ou o Dúo Dinámico e esquecernos de Mon e Ula, Ula e Mon ou, o que é o mesmo, Monoulious DOP. Os reis da festa galega presentan disco, disko, o ‘Disco disko’! para facernos bailar, rir e, en definitiva, para divertirnos, que é o que mellor saben facer.

O voso nome sempre causa confusión e dise, cóntase, que hai certa tendencia a non escribilo ben… Explicádelle ao mundo por que Monoulious DOP?

Si, o nome do grupo causa confusión pero ten unha explicación. A posta en marcha de todo isto debémoslla a unha peli de Jack Black, ‘Tenacious D, the pick of destiny’ (ademais eran dous, coma nós, e un deles tamén era calvo he, he). Foi acabar de vela e puxémonos a facer o noso primeiro tema, alá polo 2012, e a poñerlle o nome ó grupo (xa ves que duro nos pegou a peli hehehe). O nome sae da unión dos nosos nomes (Mon e Ula) co sufixo -ious de ‘Tenacious’. E DOP significa Dolor de Ojete Padre, así, sen tonterías.

Poucas veces andades con tonterías (haha). Tampouco o fixestes o pasado 26 de novembro, cando  presentastes o novo ‘Disco disko’ na Sala Capitol. Como definiriades este novo traballo?

Pois é difícil de definir porque nunca fixemos tal, só nos deixamos levar por sons modernos que xa foron modernos fai 40 ou 50 anos e que se reflectían na música disco dos 70s e os 80s. Aínda que se chame ‘Disco Disko’ non quere dicir que tódolos temas sexan nesa clave, o que pasa é que nos facía gracia o nome.

-Como lle chamamos ó Disco?

-Disko

-Pois veña, Disco Disko

Como ben dicía Victor Gluten, Na sinxeleza das cousas está a súa grandeza 😉

Tamén hai rock, pop, bachata, electrónica, autotune, etc. Como xa sabe a xente que nos coñece sempre fixemos e faremos o que nos apeteza en cada momento mentres teñamos dúas voces, aínda que non sexan as mellores.

Que podemos escoitar nel?

12 cantos ó poliamor, ó amor, ó desamor, á festa e ó baile dende puntos de vista reais, ficticios, honestos e adulterados.

Teño a sensación de que esta xira será o salto definitivo para esta banda. Que perspectiva ou obxectivos de futuro tedes en mente?

Somos dos que pensan que cada verán é un salto, cada vez máis alto, e cada tempada hai que volver a saltar. Ás veces hai que saltar baixiño para pegar un salto grande pero sempre brincando, nunca con saltos definitivos.

Supoño que vos dirían moitas veces que tedes un directo moi potente e divertido. Como o preparades e como o vivides vós no escenario?

Pois non o preparamos moito a verdade, o que pasa é que levamos toda a vida coa mesma formación e o coñecerse tan ben é un puntazo, porque sabemos o que temos que facer en cada momento sen ensaialo demasiado. Aínda así, supoño que seremos como todas as bandas nas que os compoñentes se levan ben, que se reflicte enriba do escenario, e se aínda por riba contas cun equipo de musicazos, pois imaxínate.

As vosas letras falan na súa gran maioría de temas do día a día, desde como facer unha tortilla, da festa, de como ligar ou de decidir ir de vacacións a Oporto como destino inmellorable calidade-prezo. De que temas elixistes falar neste novo traballo? 

Pois hai historias para tódolos gustos, dende “Enerxía” que é un cántico de 1′:45″ á festa (nunca falla nas nosas temáticas); “Ti e eu” outro tema máis de amor (recomendamos o videoclip) entre persoas do mesmo xénero, que xa tratamos en discos anteriores en cancións como “Non podo vivir” ou “Todo o mundo a ten”. Tamén nos referimos ó poliamor en “Xa non vale nada”, que é o corte número 7 deste álbum, onde unha persoa está enfadada con outra porque lle prometera un trío cunha terceira pero esta persoa ó final marchou ela soa coa terceira… un culebrón, vamos. Temáticas divertidas e sempre en clave de humor. Cando unha letra che pareza seria neste disco intenta poñerte no noso lugar e buscar o sarcasmo, a retranca ou a ironía e acertarás, porque todas a teñen.

En que vos inspirades para compoñer as vosas cancións e como é o proceso?

Pois un pouco no que vivimos: a festa, os amores, os colegas… E tamén nos gusta, como bos escritores que somos, inventar historias, darlle á cabeza e imaxinar situacións tensas ou graciosas e darlles a volta para que queden graciosas e tensas respectivamente. Despois o proceso xa é máis complicado posto que hai que moldear esas historias, metelas nunha canción e rezar para que a melodía saiba bailar por riba da harmonía. Unha vez esa comuñón está lista pasámoslla a Pla, que é o noso músico arranxista, para que lle dea forma, cor e que todo teña un pouco máis de sentido a tódolos niveis musicais.

Faládenos da banda que vos acompaña. Que diríades que aporta cada un?

Un trouxo mirra, outro trouxo ouro…hahaha, non!

A banda que nos acompaña é unha banda composta por músicos profesionais que nos levan polo aire cada vez que tocamos en directo, é, por poñerche un exemplo, como se foses nun coche descapotable cun condutor por unha autoestrada de seis carrís a 90km/h que se hai que adiantar a alguén, ponse a 120 sen problema nin esforzo porque hai máquina de sobra ata tal punto que os que van de paseo (Ula e Mon) nin o notan. Se temos que falar do que aporta cada un diría que, por exemplo, Beny aporta experiencia, é o motor, se o motor gripa non hai que facer. Carba é un puntal na banda, un pilar básico, tamén aporta beleza e un sorriso branco cheo de dentes. Dende que Torron entrou con nós, a banda deu un salto cualitativo impresionante. E nós que pensabamos que o baixo non se escoitaba! Aínda que, e que quede entre nós, síguenos asustando nos directos, hoxe en día aínda non sabemos que lle pasa á súa lingua, ós seus ollos e á súa cara, pero parece que teñen vida propia. Pla aportou a música que nos faltaba e Carlos a frescura nas teclas e risas nos bolos. Con todos son risas, a verdade.

Pois, por desgraza, xa nos temos que despedir. Tedes algo que dicirlle aos lectores/as de Pincha que aínda non vos coñezan?

Moitas grazas por adicarnos este momento de lectura, esperamos que así nos coñezades un pouco máis, pero se realmente non nos coñecías e queres vernos en esencia pásate por algún dos nosos concertos (síguenos en redes sociais para estar informado/a). Prometemos festa e o que xurda…si, somos un poquito canallitas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.